Cultura galega para quedar na casa

Creadoras e creadores do país mobilízanse para contribuír a pasar o illamento pola epidemia de coronavirus

Creadoras e creadores do país mobilízanse para contribuír a pasar o illamento pola epidemia de coronavirus
Coa poboación do país fechada en illamento domiciliario por mor do Estado de Alarma, a cultura galega está a se mobilizar. Logo do cancelamento das actividades presenciais, e a semellanza do que está a acontecer en diferentes partes do mundo, creativas, creativos ou compañías de diversos sectores están a difundir pola rede os seus traballos coa intención de que o encerro se poida levar mellor. Concertos feitos especificamente para ocasión, aulas de baile, lecturas literarias, contacontos ou contidos desenvolvidos de previamente e agora liberados nas redes son os xeitos nos que a cultura galega contribúe a quedar na casa. Facemos un repaso por estas propostas a comezar coa literatura e o audiovisual.

Desde o ámbito literario a Asociación de Escritores en Lingua Galega compilou as diferentes etiquetas que están a ser empregadas estes días para a difusión de contidos literarios. Entre elas, a promovida polo escritor Diego Giráldez, #CorentenaLiteraria para que os escritores compartan fragmentos da súa obra, a xenérica #Euquedonacasa e outras como #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede.

Deste xeito, á proposta de Giráldez de #corentenaliteraria xa se sumaron escritores como Manrique Fernández, Iolanda Zúñiga, María Xosé Porteiro, Antonio García Teijeiro, Montse Fajardo.

Pola súa banda, Rinoceronte Editora está a subir versións dixitais dalgunhas das súas obras traducidas, para ler de balde, como O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley, traducido por Estela Villar e anunciou máis para os vindeiros días.

O Festival Atlántica de Narración Oral, que viu cancelada a súa programación coincidindo co inicio dos peches de espazos públicos e eventos, decidiu publicar na súa canle de youtube contos de cada un dos artistas convidados, que viñeron ata Compostela pero non puideron realizar as súas actuacións. Cada día subirá un novo artista. Así o explicaba a directora do Festival, Soledad Felloza:



E tamén outros narradores orais do país agrupados no Colectivo NOGA (#narracionoralgalega) reuníronse para crear a Pandemia de contos, outra canle de Youtube no que irán subindo vídeos tamén con historias breves contadas por diversos narradores orais. Aquí podemos ver a Avelino González:



Desde o ámbito audiovisual están a se multiplicar os contidos que se libertan em plataformas como Youtube para asistir desde o fogar.

Entre as iniciativas máis destacadas neste sentido está a da plataforma Novo Cinema Galego, que propón desde o pasado 14 de marzo un ciclo de filmes deste movemento "para que as persoas podan ter máis opcións para entreterse". Dez filmes, com títulos recoñecidos como Vikingland (Xurxo Chirro, 2011), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser, (Alberto Gracia, 2013), Todos vós sodes Capitáns (Oliver Laxe, 2010) ou N-VI (Pela del Alamo, 2012) fan parte desta proposta. A estes engadíronse aínda o día 15 outras cinco producións como O Cazador (Ángel Santos, 2008), O Porco e o seu espírito (Adrián Canoura, 2017) ou La Brecha (Marcos Nine, 2011).

O ciclo proposto no web Novo Cinema Galego

A produtora Atlantis Multimedia, pola súa banda, acaba de publicar em aberto o documental A palabra xusta, que repasa a vida da mestra Antía Cal. A empresa sinala nun comunicado que "sabemos que estes días están a ser difíciles. Dende Atlantis Multimedia queremos poñer o noso gran de area e axudar a que o tempo pase mellor"

Ver A palabra xusta en Vimeo.

Da man de Xabier Maceiras de Xosé Antón Bocixa publicouse tamén na rede estes días o documental íntegro 12 leiras, un audiovisual que trata das expropiacións iniciadas en 1966 para a construcción do Polígono Industrial de Sabón e que agora está dispoñible en Youtube.



En Culturagalega.gal seguiremos a dar conta das diferentes iniciativas nesta liña que vaian aparecendo na rede, unificadas baixo o cancelo #culturanacasa.