Aumenta a facturación do sector editorial en 2018

O avance do informe de comercio interior e exterior deixa cifras positivas

O sector editorial español rexistrou, por quinto ano consecutivo, un incremento da súa facturación grazas á fortaleza do libro en papel. Segundo o avance do informe de Comercio Interior do Libro 2018 da Federación de Gremios de Editores de España, o ano pasado mellorou as súas cifras un 1,9%, con respecto a 2017, ata situarse en 2.363,90 millóns de euros fundamentalmente grazas á venda de 160 millóns de exemplares en papel, un 1,6% máis ca en 2017. Segundo este avance de datos en 2018 descendeu o número de títulos editados tanto en papel como dixital ata os 76.202 (56.966 en papel e 19.236 en dixital), o que representa unha caída do 12,7% con respecto ao ano anterior (-5,3% en papel e -29,1% dixitais). Este descenso da produción editorial débese entre outros factores, ao descenso de títulos editados de libros de educativos (-9,7%) como consecuencia da paralización dos calendarios de renovación, que supuxo que moitas editoriais non elaboraran novas edicións, así como a un menor número de títulos editados en formato dixital xa que en anos anteriores moitos dos títulos foron dixitalizacións de títulos existentes no fondo editorial. O prezo medio do exemplar reduciuse ata os 12,86 euros. A tiraxe media tamén se reduciu un 5,8% ata os 3.762, así como o prezo medio ata 13,96€. A Asociación Galega de Editoras fíxose eco deste informe pero non se coñecen aínda datos segregados por Comunidades Autónomas nin por idiomas. Hai que sinalar que a facturación se concentra fundamentalmente en empresas de Barcelona (50,8%) e Madrid (42,4%) que suman o 92,9% do total. Por tamaño, as empresas moi grandes facturaron o 39%, e perderon peso con respecto ao exercicio anterior (39,3%); o resto da facturación repártese en empresas medianas (24,5%), grandes (22,8%) e pequenas (13,6%), que manteñen o seu peso respecto ao ano pasado.

No caso do libro dixital, obsérvase un estancamento das vendas, que probablemente evolucione positivamente en posteriores anos grazas ao cambio fiscal que aprobou a futura redución do seu IVE ao 4% respecto ao actual 21%. Segundo o estudo as librarías e cadeas de librarías seguen a ser as principais canles de distribución do libro, representan o 53% das vendas. Practicamente todos as canles de distribución do libro aumentaron a súa facturación. O sinalado incremento da facturación produciuse en practicamente a totalidade dos subsectores do libro, a excepción do de contidos educativos (libros de texto), cuxa evolución está moi condicionada pola intervención no mercado das Administracións Públicas, que diminuíu o 4,2%. Todos os xéneros literarios medran, tanto en adulto como en infantil, 8,1% e 6,0 % respectivamente. Tamén medra a facturación dos libros científico-técnicos e universitarios (+3,7%); os de ciencias sociais e humanidades (+4,3%), os libros prácticos (3,7%), divulgación xeral, (+5,0%,), relixiosos (+2,7%) e os dicionarios e enciclopedias (2,7%). Descende a facturación, non obstante, dos libros de dereito e ciencias económicas (-2,3%) e, lixeiramente, os cómics (0,1%).