Galicia Escena Pro 2019: a renovación

A aposta polo pequeno formato e as novas compañías protagonizan o mercado de artes escénicas

A aposta polo pequeno formato e as novas compañías protagonizan o mercado de artes escénicas
As novas linguaxes, as compañías recentes e unha decidida aposta polos pequenos formatos marcan a nova edición de Galicia Escena Pro. A primeira xeira do mercado de artes escénicas que a Axencia Galega das Industrias Culturais organiza en colaboración con Escena Galega amosa tamén novos espazos profesionais e adianta en boa medida o que poderemos ver nas táboas ao longo da vindeira temporada.

Compostela acolle, entre o 10 e o 13 de xuño, a sétima edición de Galicia Escena Pro, o mercado de artes escénicas. Os catro escenarios do encontro (o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Fundación SGAE e o Auditorio Abanca) acollerán vinte espectáculos completos aos que se suman dez máis en formato pitching para profesionais da programación cultural. A incorporación do colectivo profesional Escena Galega á organización preséntase como o comezo dunha nova etapa neste foro que conta con 150 axentes acreditados. Segundo explicaba Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación do evento, "por primeira vez cóntase coa colaboración de Escena Galega, nunha parcería entre administración pública e sector privado. Isto xurdiu dunha proposta que fixemos o ano pasado. Desde a consellaría de Cultura pensamos que sempre que o sector privado estea involucrado nos proxectos, estes poden ser máis eficientes para acadar os obxectivos que todos perseguimos". Segundo explica Juan Rodríguez, delegado de Escena Galega na coordinación e na selección de obras do Galicia Escena Pro, "esta primeira colaboración serviu como engrenaxe para coñecer o xeito de traballar das dúas entidades de cara á feira do vindeiro ano. Permitiu implementar algunhas melloras pero vémolo sobre todo como un paso de cara a desenvolver no futuro a feira que desexaría o sector".

Novos espazos de encontro
Entre estas melloras, segundo destaca Rodríguez, "quixemos sobre todo profesionalizar o encontro entre programadores e compañías. Creamos fisicamente a Zona Pro", na sede de Abanca en Compostela, "onde as compañías poden solicitar entrevistas con programadores para presentar os seus traballos". O propio representante de Escena Galega actuará no evento como facilitador para dinamizar a relación entre os distintos axentes. "É unha figura que se está a probar con éxito noutras feiras sectoriais, e a verdade é que xa hai bastantes entrevistas xa acordadas". Canda a este formato o novo Cafescena "no xardín do hotel Costa Vella abordará cuestións como os protocolos máis axeitados para exhibir espectáculos destinados á infancia e á xuventude, posibilidades de programación e de circulación escénicas ou o traballo das asociacións na xestión de feiras e festivais". Ademais, unha mesa de traballo sobre a danza e a creación contemporánea nos espazos escénicos galegos e o encontro da directiva da Federación Estatal de Asociacións de Empresas de Teatro e Danza incrementan de xeito destacado o peso profesional no programa deste ano, que incorpora tamén propostas de encontro máis informais como as Noitescenas Pro. Da man deste colectivo chegan tamén dous espectáculos seleccionados no proxecto Camiño Escena Norte, El inolvidable viaje de Nana de Café de las Artes Teatro, e mais Femmesde Hortzmuga Teatroa que se suman a Réquiem, de Rotura Producciones, presente como parte do xa habitual intercambio con MADferia.

Menos participación dunha escena máis diversa
Nas cifras desta xeira é de salientar unha importante mingua no número de proxectos interesados en participar no mercado. Unicamente 59 montaxes completas e 24 en formato pitching se someteron á avaliación do comité de selección, fronte ás 112 da última xeira ou ás 95 da anterior. Rodríguez considera que o dato é circunstancial é responde aos diferentes ritmos de traballo das compañías do país. "Hai anos nos que hai menos produción, seguramente para a vindeira xeira se incremente a participación de novo". No entanto, apunta tamén outros factores que poden incidir nun menor interese de diferentes compañías por participar no evento. "Hai xente que ao mellor estrea as súas obras máis tarde ou con espectáculos que xa xiraron moito e optaron por non se presentar". En xeral, segundo explica "a escena en Galicia é cada vez máis diversa. Hai máis compañías que procuran os seus propios métodos de contacto cos programadores, canda a xente á que lle compensa estrear en coprodución co Centro Dramático ou participar nas Residencias Paraíso, por exemplo. Pero isto é algo positivo". Deste xeito, o encontro achega unicamente dúas estreas, Circopeta de Odaiko e mais Evolution de N+1, mentres o resto de obras completas presentes no programa xa contan cun certo percorrido sobre as táboas. As novidades fican, como é xa habitual, para o formato pitching, que nos adianta boa parte das propostas que chegarán ás táboas na vindeira temporada, entre elas as novas producións de Ibuprofeno Teatro (O mel non caduca), Elefante Elegante (Dreaming Juliet), Pérez & Fernández (Os nenos da varíola) ou ArtesaCía (Illas desertas).

Obras máis pequenas
De todas as obras galegas que se poden atopar nesta edición do mercado, un 40% emprega unicamente un dúo nas súas propostas escénicas, e outro 22% presentan unha soa persoa no escenario. Isto supón unha mudanza destacada a respecto do pasado ano, cando estes formatos mínimos non sumaban nin o 30% do total. Pola súa banda case un terzo das propostas, o 29%, conta con tres intérpretes. Ademais, e por vez primeira, este ano non aparece no programa unha soa montaxe con máis de 4 intérpretes, aínda que o Dreaming Juliet de Elefante Elegante engade a dous intérpretes outros dous técnicos como coro e pon no escenario un músico ao vivo. As cifras semellan confirmar a tendencia crecente a montar obras de pequeno formato entre as compañías galegas. Isto contrasta co aparente interese que se detectara nas últimas edicións cara a propostas máis ambiciosas, e que Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, vinculaba no pasado ano cunha melloría económica que permitía recuperar capacidade de contratación ás compañías. Segundo sinala Rodríguez "os espectáculos que se presentaron son máis pequenos, pode ser por un interese por se adaptar ao mercado e chegar ao maior número de espazos posible". Canda a isto, apunta de novo que "hai espectáculos de grande formato que non se presentaron á feira porque contan co seu propio circuíto de distribución".

Compañías novas
Na mesma liña, destaca a ausencia de agrupacións con traxectoria que xa teñen pasado polo evento, como poden ser os casos de Sarabela, Excéntricas, Teatro do Morcego ou Chévere. E é que outra das grandes tendencias que revela o programa do mercado é a importante renovación que se está a dar na escena do país. Se no pasado ano un 48% das compañías presentes nacera na primeira década deste século, nesta ocasión a maioría das seleccionadas, nada menos que un 61%, botaron a andar ao longo dos últimos nove anos. Para máis, destas 16 compañías, nada menos que 11 iniciaron a súa actividade a partir de 2015. Segundo explica o representante de Escena Galega na organización, "isto responde en boa medida á realidade do sector. Cada vez hai máis compañías novas e polo tanto teñen tamén unha maior presenza en feiras e programacións". No entanto apunta que o comité "tentou equilibrar o peso no programa a contar tamén con propostas veteranas". Outro aspecto no que se deixa sentir a renovación e na importante diminución de compañías que repiten da anterior edición. Unicamente oito das vinte e oito iniciativas presentes este ano pasaran pola última xeira do mercado.

Mesturas escénicas
Canda a isto, o festival achega unha importante presenza de propostas escénicas de danza ou nas que esta disciplina posúe un peso importante. Oito das montaxes que fan parte do evento apostan polas artes do movemento, mentres outras catro inclúen propostas de circo (con Circopeta de Odaiko como a montaxe máis encadrada neste xénero) acrobacia e clown. Dúas propostas de monicreques, outras dúas que integran proxeccións audiovisuais e tres con música ao vivo completan as propostas arredor do teatro nesta xeira. A integración dun apartado de "novas linguaxes" na selección pode estar relacionada cun certo incremento de propostas desta liña. A gala, de Licenciada Sotelo, As vacacións máis longas, de Diego M. Buceta, Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez & Velpister e Pink Unicorns, de La Macana foron os catro espectáculos que se seleccionaron baixo este epígrafe e que en boa medida reflicten a situación do panorama escénico do país. "Isto vai un pouco co proceso que temos tamén en Escena Galega de cara a onde podemos ir. No colectivo vemos un pulo bastante grande de compañías de novas linguaxes e queriamos darlles unha presenza específica na feira, xa que ao mellor teñen máis difícil asistir a outros eventos semellantes", explica Rodríguez.

Os públicos e a selección
Na selección de 2019 reúnense doce propostas para público familiar, infantil ou accesible a todas as idades, das cales cinco caracterízanse como para todos os públicos e só catro foron seleccionadas especificamente como infantís. O conxunto supón unha recuperación dentro do programa fronte ao pasado ano, cando este total sumaba unicamente oito. No entanto, seguen a ser maioría as montaxes específicas para público adulto, que abranguen quince dos títulos presentes. Segundo explica Rodríguez, no comité de selección, canda a el "houbo tres persoas especializadas en diferentes estilos, unha de infantil (Begoña Llamosas), outra de teatro adulto (Marta Núñez) outra de novas linguaxes (Raquel Hernández)". En xeral, a aposta foi "tentar que a programación fose o máis variada posible. Tentouse que aparecesen o maior número posible de disciplinas". Entre estas, integráronse dúas proposta de teatro de rúa (OhLimpiadas! de Sincronacidas e mais a convidada Femmes) por considerar que esta disciplina levaba tempo sen facer parte da feira.

Teatro verde e feminino
A temática ecolóxica serve de eixe desde diferentes perspectivas para varias das montaxes programadas no evento. A extinción de especies co último panda de Mai mai (Baobab Teatro), o problema da contaminación e do plástico en Lixo (O baúl da tía tola) e Carabela (Galeatro) e a obsolescencia programada en O mel non caduca (Ibuprofeno Teatro) son os temas que centran as montaxes nesta liña. Canda a isto, diferentes abordaxes sobre a muller na nosa sociedade ocupan tamén un oco destacado no programa, cun texto clásico como é O empapelado amarelo (A quinta do cuadrante). Canda a el, Bernarda (Malasombra Producións) trata os constrinximentos do loito tradicional feminino. É de destacar tamén a presenza de dúas montaxes que recuperan cadansúa figura feminina histórica da nosa cultura: un repaso da vida da actriz María Casares en Despois das ondas (Butacazero) e a figura da pintora Maruja Mallo interpretada en clave de danza teatro en A Gala (Licenciada Sotelo). Tamén a abordar en clave feminina a soidade, os problemas da vivenda e a precariedade laboral está Dúas donas que bailan (Teatro do Atlántico). Pola súa banda, cuestións como a maternidade, a discapacidade, os coidados, a relación coa morte e o ambiente hospitalario están tamén presentes en Liberto (Marelas Producións) e mesmo na convidada Réquiem. Segundo explica Rodríguez "A selección fíxose a apostar pola calidade, pero vexo que é unha feira moi en feminino. Dáse unha visibilidade moi grande e cada vez hai máis propostas dirixidas ou protagonizadas por actrices cunha calidade moi alta".

Deste xeito, con moita novidades e un rumbo que deberá consolidarse en vindeiro anos, Galicia Escena Pro abre o pano de 2019.