Escritores, libreiros e editores outorgan os seus recoñecementos honoríficos anuais

María Xosé Queizán, Antonio Fernández Maira e María Teresa Horta recollerán os seus premios na Gala do Libro Galego

María Xosé Queizán
María Xosé Queizán
Libreiros, escritores e editores terán cadansúa persoa homenaxeada na cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar este sábado 11 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Cada unha das tres entidades (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG)) que convocan estes galardóns elixiu un destino para o seu correspondente Premio Honorífico (Escritora Galega Universal no caso da AELG) que xa fixeron público onte en rolda de prensa. Os resultados deixan ver unha alta valoración do traballo a prol do movemento feminista nos eidos da creación literaria e da edición en dous dos casos. A escritora María Xosé Queizán é a homenaxeada pola AGE; Antonio Fernández Maira recibe o premio honorífico da FLG e a autora portuguesa María Teresa Horta foi a elixida pola AELG para recibir a súa homenaxe. Ademais destes recoñecementos, durante a Gala do Libro entregaranse doce premios en categorías literarias e tres de traxectoria a persoas ou institucións.

Premios motivados
A labor na edición da revista Festa da Palabra silenciada por parte de María Xosé Queizán, ademais do seu traballo como escritora en diversos xéneros, aparece como unha das motivacións fundamentais para a decisión por parte da xunta directiva da AGE na súa escolla para o premio. “Conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista”, aseguraron nun comunicado. Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega. María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia. María Xosé Queizán tamén é finalista na Gala polo seu libro autobiográfico Vivir a galope (Edicións Xerais de Galicia, 2018) na categoría de Ensaio e investigación.

O traballo desenvolvido a nivel asociativo polo libreiro Antonio Fernández Maira foi o que peso na decisión da FLG de outorgarlle a súa distinción honorífica. Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978, a principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. O seu traballo foi definitivo, argumentan desde a FLG, para afrontar novos retos neste colectivo, entra os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro. Alén diso a federación tamén lembra o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios Irmandade do Libro que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos e que que son predecesores deste Premios da Gala do Libro actuais.

A designación da escritora, xornalista e poetisa María Teresa Horta como Escritora Galega Universal por parte da AELG aparece motivada pola súa importancia como figura central da literatura de expresión portuguesa e alén da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual. Ten sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista.