A crítica española premia a Antón Lopo e a Pilar Pallarés

Os autores foron recoñecidos nas categorías de narrativa e poesía en galego

A novela Extraordinario (Ed. Galaxia, 2018) coa que Antón Lopo gañara o Premio Narrativa Breve Repsol no 2018 alzouse agora co Premio da Crítica de Narrativa en galego que outorga a Asociación Española de Críticos Literarios. Os membros desta asociación, reunidos en Vilafranca do Bierzo, fixeron pública este sábado a súa decisión e tamén premiaron na categoría de Poesía en galego a obra de Pilar Pallarés Tempo fósil, publicada pola editorial Chan da Pólvora, na que se dá a circunstancia de que o mesmo Lopo é un dos editores e impulsores. A Asociación outorga oito premios divididos nas categorías de poesía e narrativa nas catro linguas oficiais do Estado español : castelán, galego, euskera e catalán, sobre obras publicadas durante o ano anterior.