Compostela aproba os cambios de ordenanza que facilitan a música en directo

A nova regulación permitirá a programación cultural nos locais de hostalería

O Pleno da Corporación compostelá aprobou hoxe, de maneira definitiva, a modificación da Ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais. Trátase da normativa que permitirá que os establecementos de hostalería programen espectáculos de música ao vivo, sempre que se cumpran as condicións establecidas na propia ordenanza e que ven resolver a situación de incertezas causadas pola entrada en vigor da lei de Espectáculos de Galicia e que xa provocara a parada na actividade musical nos locais de hostalería da capital durante un mes. Ata o de agora a situación ía levándose en base a convenios que daban unha cobertura legal moi limitada. Desde a sección local da asociación Músicas ao Vivo celebraron a través das súas redes sociais a aprobación dunha normativa municipal "segura e estable que protexe o territorio musical ao vivo de Compostela" e que lles permite "o feito básico de poder traballar". O colectivo vixiará a súa aplicación e agarda a que este paso poida servir "de referente a outras vilas e cidades para dar protección institucional ao talento local de base".

A aprobación definitiva da modificación da Ordenanza de ruidos saíu adiante cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "ata o de agora a programación da música en directo facíase baixo unha enorme inseguridade xurídica, e a normativa vixente estaba obsoleta en cuestións como a regulación do fío musical que xa ningún establecemento utiliza". A modificación aprobada hoxe permitirá "que os locais teñan unha autorización complementaria para facer actividades con música en vivo, sempre que os establecementos cumpran os requisitos en canto ao illamento acústico, á presenza dun sonógrafo e á instalación dunha dobre porta onde se considere posible e necesario". O concelleiro insistiu en que a música ao vivo "é un sector cultural fundamental para a nosa cidade, que forma parte da identidade de Santiago e por iso é preciso garantir que os establecementos de hostalería poidan seguir programando este tipo de actividades garantindo o dereito ao descanso da veciñanza".