O sector cultural ten máis que dicir

A inminente presentación da Estratexia da Cultura Galega da Xunta acende o debate sobre a necesidade dunha maior participación sectorial no deseño das políticas culturais

A inminente presentación da Estratexia da Cultura Galega da Xunta acende o debate sobre a necesidade dunha maior participación sectorial no deseño das políticas culturais
Mesa de representantes das asociacións profesionais na Xornada sobre Políticas Culturais Foto: S. Montes
Coa vista posta na necesidade dunha Política Cultural con maiúsculas, a longo prazo, vertebrada, con procedementos e obxectivos claros e verificables e dotada de orzamentos e ferramentas legais e administrativas a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) ven de reunir e convocar a todo o sector para debater unhas horas na Xornada sobre Políticas Culturais en Galicia. Baixo ese leitmotiv a AGPXC foi quen de reunir cun carácter case de fito histórico nun só foro unha representación das asociacións profesionais dos diversos sectores produtivos das coñecidas como "industrias culturais", un termo que tamén resulta clave na discusión. A vindeira presentación por parte do goberno da Xunta de Galicia da anunciada Estratexia da Cultura Galega 21 e o xeito no que esta se está a elaborar actuaron como catalizadores desta xornada. Falamos con Alberto García, presidente da AGPXC, 24 horas despois do evento.

A convocatoria revelouse capaz de espertar o interese conseguindo case encher a sala prevista e as intervencións foron de calado, tanto as dos investigadores Marcos Lorenzo e Jorge Linheira, como as dos representantes das asociacións do teatro (Eduardo Alonso por Escena Galega), literatura (Mercedes Queixas Zas pola AELG), música ( Sonia Lebedynski por Músicas ao Vivo) e audiovisual (Jorge Albora representando ao Clúster do Audiovisual Galego). Tamén acudiron á cita deputados representantes dos catro grupos políticos con presenza parlamentaria. Polo Partido Popular César Fernández Gil; Concepción Burgo polo PSdG; Ánxeles Cuña en representación de En Marea e Olalla Rodril polo BNG.

Evitar o bucle
Comezaba a xornada a asociación convocante presentando o documento coas súas achegas á elaboración da Estratexia da Cultura Galega 21 na que foron convidados pola Xunta a participar a través dun encontro e coa elaboración da proposta que xa pode ser consultada no web da propia AGPXC. O documento propón accións e sistematizacións moi concretas en varios apartados elaborados polos técnicos da asociación segundo as súas especializacións. Foron varios os puntos nos que a partires de aí o debate estableceu a necesaria e complexa estrutura de achegamento a unha materia tan profunda e sensible para un territorio como é a cultura. Desde a súa presenza na Constitución Española de 1978 como obxecto de dereito da cidadanía sobre o que se establecen responsabilidades para todos os poderes públicos, ata as súas características non necesariamente contraditorias nin excluíntes como sector económico e como elemento de cohesión identitaria e transformación social, pasando pola propia definición do que pode ser considerado ou non como "unha política cultural existente". Pero como lembrou Emi Candal "é necesario o debate, pero tamén é necesario chegar a conclusións e non enrocarnos sobre o debate".

Unha desas conclusións era moi definitiva e común para todos os sectores representados: o debate sobre políticas culturais non quere estar sempre partindo de cero cando xa hai traballos previos e lexislacións aprobadas sen desenvolver ou outras en forma de anteproxecto metidas en gabetas. O sector quere fuxir xa dese bucle que implica a constante volta ao punto de saída dos conceptos iniciais cada certo tempo sen avanzar e consumindo tempos e recursos necesarios para ese avance. "É como volver a empezar de cero, -di Alberto García- pola economía das cousas hai que aproveitar o que xa está feito porque xa hai moita información recollida de antes". Nese sentido non dubidaban os asistentes en mencionar varias iniciativas proxectadas desde o goberno bipartito que quedaron atrás co cambio de goberno en 2009.

Desde o eido teatral lembrábase a elaboración do anteproxecto de Lei Galega das Artes Escénicas presentado no parlamento en 2016 e o mesmo pasaba noutros eidos como o anteproxecto da Lei Galega de Museos (2008)


A AGPXC viu claramente esa eiva na elaboración desta estratexia e así o explicitou no seu informe no que din ver que "non se teñen en conta traballos, reflexións e incluso leis anteriores que xa avanzaron moito do que estamos facendo", segundo din no documento presentado. Así desde o eido teatral lembrábase a elaboración do anteproxecto de Lei Galega das Artes Escénicas presentado no parlamento en 2016 e o mesmo pasaba noutros eidos como o anteproxecto da Lei Galega de Museos (2008). Tamén se pedían desenvolvementos axeitados e o cumprimento real de textos lexislativos que foran xa aprobados pero cuxa aplicación non resultaba satisfactoria para os sectores como a Lei do Libro e da Lectura de Galicia que incluían os proxectos de creación do Instituto Rosalía de Castro ou da Oficina do Libro. "Poden ser mellorables pero non sería intelixente obvialos por completo xa que poden estar xa recollidas moitas achegas importantes", apunta o documento da asociación de xestores. Mercedes Queixas Zas, en representación da AELG, ía algo máis alá: "Non se desenvolveu nin un Plan de lectura, iso quere dicir moitas cousas que non merece a pena dicir en voz alta", protestaba.

Estratexia limitada de inicio
Foi o representante na mesa do partido no goberno autonómico arestora, César Manuel Fernández Gil, o que avanzou a preguntas do público que antes de final de ano a Consellería de Cultura e Turismo ten intención de presentar a anunciada Estratexia da Cultura Galega 2021, o documento de liñas estratéxicas para a acción pública autonómica anunciado polo Presidente Núñez Feijóo en xaneiro deste mesmo ano. Fernández Gil defendeu a existencia real dunha política cultural por parte do goberno así como o proceso de elaboración do vindeiro plan. Para a súa elaboración se encargou un informe ao Consello da Cultura Galega e se levaron a cabo xa no verán varios encontros con representantes do sector implicado para avanzar na súa elaboración. Estes encontros e reunións foron, segundo a AGPXC, pola contra claramente insuficientes para a elaboración dunha ferramenta de toma decisións de tanto calado. O anuncio desta inminencia na presentación da propia Estratexia levou a Alberto García asegurar que non se podía presumir de que esa estratexia fose froito dun "proceso participativo" e a lembrar que ata o momento a AGPXC só fora convidada a unha única reunión para a que foron chamados "tarde mal e a rastro" e na que só se levou a cabo "unha choiva de ideas da que non houbo nin unha sistematización da información". García ten moi claro que non se pode presentar esa estratexia como un programa de acción saído do consenso nin da participación do sector, "un proceso participativo é moito máis que iso", asegura.

"Por un lado nos din que é unha estratexia de futuro para o país pero non se trata como tal, non se financia como unha cousa estratéxica. Non se plantexan as planificacións consensuadas como unha cousa estratéxica", di o presidente da AGPXC


Ademais, a través do seu documento a AGPXC tamén advertía, e así tamén se comentou en varios momentos da xornada, a necesaria confluencia de diversas áreas da administración máis alá da de Cultura e Turismo. Incluír nesa Estratexia de xeito transversal outros departamentos da administracións ou institucións públicas como a Consellería de Educación, a de Industria, e a CRTVG, ademais de concellos sería completamente necesario se se está a falar dunha estratexia de país, entendían todos os presentes e a asociación anfitrioa que avanza que non será así o que se acabe presentado por parte da Xunta. "É un paradoxo -comenta Alberto García- porque por un lado nos din que é unha estratexia de futuro para o país pero non se trata como tal, non se financia como unha cousa estratéxica. Non se plantexan as planificacións consensuadas como unha cousa estratéxica e entón iso hai que dicilo, hai que dicilo tranquilamente pero firmemente, que temos dereito a unha cousa mellor". No seu informe os xestores cren que se non se vai a facer esa proposición estratéxica ambiciosa e transversal "sería máis honesto definilo como unha estratexia da Secretaría Xeral de Cultura para as industrias culturais galegas", apuntan.

Industria pero tamén sociedade
A sinalización do termo "Industrias culturais" desde o foro non é inocente malia que non se pretende demonizalo en ningún momento, só ir máis alá del. No seu informe os xestores culturais puntualizan previamente a calquera proposta que no punto de partida proposto pola Consellería de Cultura e Turismo botan a faltar tamén unha "visión máis ampla e sistémica do termo cultura", apuntan. O sector non quere que todo se quede no tratamento das Industrias Culturais, a parte relacionada coa economía de mercado, e que se perda, por unha visión puramente economicista a faceta sociocultural na que esta é unha ferramenta de transformación social e territorial allea aos resultados de conta.

"Mira que levamos tempo dicindo que a cultura ten un valor económico cando ninguén o cría, e de tanto dicilo se nos deu a volta a tortilla e agora parece que o valor económico é o único que ten e tampouco", afirma Alberto García que lembra a necesaria complementariedade de ambas aproximacións á hora de establecer unha verdadeira estratexia cultural para un país como o noso. En Galicia a acción sociocultural ten case un carácter de potencia se se ten en conta a xente que é capaz de mover e implicar activamente a través de asociación culturais, organizacións non gobernamentais, comunidades de veciños, agrupacións do tradicional, comisión de festas, etc. "Onde hai maior movemento cultural en Galicia é no sector da cultura cidadán", di García e afirma que neste plantexamento que se está a facer desde a administración xa na propia fase de elaboración da Estratexia da Cultura Galega 21 semella que esta parte "se obvia ou non se ten en conta", unha idea ante a que se amosa perplexo "¿Como pode ser que obvie toda esa parte que por encima en Galicia é maioritaria. Si en algo somos auténtica potencia é en sociocultura de base, cultura tradicional feita pola cidadanía e nunha Estratexia da Cultura con letras grandes tamén ten que haber unha parte diso e ten que estar conectado con outras cousas como coa Consellería de de Educación", e pon por exemplo dunha sinerxia de ambos modelos non excluíntes: "imaxina que Cultura e Educación tiveran un programa para levar o teatro ás escolas imaxina todo o choio que habería para as empresas promotoras e compañías teatrais", di.

"Si en algo somos auténtica potencia é en sociocultura de base, cultura tradicional feita pola cidadanía e nunha Estratexia da Cultura con letras grandes tamén ten que haber unha parte diso"


A importancia da cultura como factor de desenvolvemento económico non se pon xa en dúbida desde ningún sitio. A cultura produce un 2% do PIB galego e supón un dos activos estratéxicos máis relevantes de Galicia, segundo explica o CCG no informe Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI entregado á Xunta este ano como parte do proceso de elaboración da devandita Estratexia 21. O CCG sinala que "resulta aconsellable un incremento no orzamento en cultura da Xunta congruente coas achegas do sector cultural ao emprego e ao PIB de Galicia", pasando por incrementar o 0,65% do orzamento da actualidade ao 1% do gasto público consolidado "nos próximos catro anos e a un 1,5% nun prazo de dez anos". Segundo os datos presentados por Marcos Lorenzo durarte a xornada na súa exposición dun marco contextual da situación o gasto liquidado en cultura polo goberno autonómico, un dos indicadores obxectivos máis fiables para coñecer a vontade real dunha administración á hora de saber si en realidade a cultura está entre as súas prioridades, viuse drasticamente reducido a partires do 2010, segundo ano tras o inicio da crise económica (fechado habitualmente en setembro de 2008 coa caída da empresa Lehman Brothers), coincidindo co cambio de goberno autonómico e a fin do bipartito. Nese momento cambia a dinámica ascendente dese orzamento cultural e na comparativa entre 2008 e 2014 a caída do gasto liquidado foi dun 62,9 por cento. Moito maior que a que tivo o orzamento xeral da Xunta cuxo recorte foi en conxunto entre un 12 e un 15 por cento, segundo Lorenzo. Os orzamentos veñen aumentando lixeiramente desde 2014 ata o de agora pero aínda están moi lonxe das sumas destinadas en 2008. "Nós dicimos que ten que haber vontades políticas, despois as vontades teñen que estar consensuadas cos sectores e despois teñen que estar dotadas. Teñen que darse esas tres fases e eu agora creo que non se da ningunha", lamenta Alberto García da AGPXC.

Na procura dunha voz
A pesares do corto do programa este encontro presentou unha singular novidade ao ser capaz de reunir aos diferentes subsectores representativos do gran único sector da cultura en Galicia e aos seus axentes baixo un só paraugas e cun obxectivo de debate claro e ben definido. Se ben é certo que ten habido moitos foros onde sectores concretos chegaban a falar das políticas culturais, dos sistemas de subvencións, das redes de distribución ou de comercialización, do asociacionismo cultural ou do papel dos concellos, non se dera ata o de agora esa confluencia en mesa de todos os interesados nun foro monotemático sobre políticas culturais deste xeito para falar e expresarse xuntos nun debate que xa levara no seu título unha pregunta clara : “Hai políticas culturais en Galicia?”. Talvezo antecedente máis semellante foi o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a axenda Europa 2020 levado a cabo polo Consello da Cultura Galega en 2015, malia que predominaba io carácter académico fronte ao profesional, pero este tamén estaba representado. A iniciativa neste caso hai que recoñecerlla á Asociación de Profesionais da Xestión Cultural aos que este paso semella outorgarlles un papel protagonista nun posible achegamento entre a diversidade de axentes do sector cultural cara unha postura común, malia que eles mesmos recoñecen que ese é un camiño que en todo caso ven de comezar. "Non é doado obter un consenso de mínimos e non podemos dicir que de esta xornada vaia sair unha voz unida aínda que iso se falou como posibilidade", di Alberto García sobre o resultado da xornada, ao tempo que mira máis alá con realismo aínda que coa esperanza de ver posibilidades para a AGPXC de avanzar nese liderado de coordinación do sector cultural: "hai que traballar moito para ter unha voz artellada, pero quedei contento que parece que o papel da asociación pode ir por aí no futuro, por esa coordinación e artellar esa voz".

"Hai que traballar moito para ter unha voz artellada, pero quedei contento que parece que o papel da asociación pode ir por aí no futuro, por esa coordinación e artellar esa voz",di García


Tras desta xornada os seguintes pasos a avanzar pasan primeiro por agardar á presentación por parte da Xunta da Estratexia da Cultura Galega 21 anunciada. "A ver como se plantexa e a ver como podemos seguir aportando", di García e lembra que non pensan desistir de exercer o seu dereito de lexítimo interlocución ante a administración pública que asístelles "como sectores protagonistas e afectados respecto a esa estratexia".

Para García o resultado da Xornada sobre Políticas Culturais en Galicia deixa tamén dúas conclusións: a necesidade de seguir demandado a quen administra os cartos públicos "a nosa obriga é esixir e demandar aos poderes públicos o que é noso, polo que pagamos cos impostos, non calar nin ser tan guiadiños"; e logo asumir tamén desde o sector a responsabilidade da auto organización e o artellamento. "Eu doulle a razón nunha frase ao deputado Fernández Gil do PP que onte dixo que hai que mirarnos todos tamén para dentro e nalgún momento tamén facer autocrítica. As grandes responsabilidades as teñen os que deciden sobre os cartos públicos, agora nós temos que mirarmos máis alá de quen goberne e ter as estruturas cada vez máis firmes, máis autónomas e máis independentes. E todo iso temos que facelo nós", conclúe Alberto García.







Achegas da ACPXC á Estratexia da Cultura Galega 21 .
Informes e propostas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ao porceso aberto desde a Xunta de Galicia para a elaboración dunha Estratexia da Cultura Galega para o século XXI