Cineuropa 32 reclama o dereito a escandalizar

Antonio Durán 'Morris', Isaki Lacuesta e Ángela Molina recibirán os Premios Cineuropa 2018

Antonio Durán 'Morris', Isaki Lacuesta e Ángela Molina recibirán os Premios Cineuropa 2018
Detalle do cartel
Do 7 ao 28 de novembro, Compostela acolle a trixésimo segunda edición do festival Cineuropa. Ao redor de 300 filmes incluídos en 21 seccións, nun certame que medra este ano en proxeccións e espazos de exhibición. O realizador Isaki Lacuesta, a actriz Ángela Molina e o actor Antonio Durán "Morris" recibirán os Premios Cineuropa 2018 e protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre previa retirada de convites no Teatro Principal. O xa tradicional ciclo temático do festival, formado por máis de 100 filmes, pon nesta edición o foco na necesidade de preservar e garantir un elemento esencial no devir da libre creación artística e de calquera sociedade libre e democrática: o dereito a escandalizar. Cineuropa busca así abrir as portas ao debate “sen leis nin mordazas”. Será o filme La noche de 12 años, do realizador montevideano Álvaro Brechner, o escollido para a apertura desta edición nunha sesión inaugural que terá lugar o mércores 7 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, e que contará coa participación da artista plástica, música e cantante Queyi. Hoxe presentouse no pazo de Raxoi esta XXXIIª edición do evento cinematográfico.

O catálogo desta edición inclúe de novo unha sección dedicada ao Panorama Audiovisual Galego, que contempla as preestreas das respectivas óperas prima de Eloy Domínguez Serén e Xacio Baño. Aproveitando a acollida do Campionato do Mundo de Xadrez en Santiago de Compostela, celebraranse unha serie de sesións matinais no Museo das Peregrinacións baixo o título de Cinema e Xadrez. A proxección dese clásico do cinema expresionista que é O gabinete do doutor Caligari, cuxa banda sonora será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta do director Helmut Imig, complementará a programación deste #Cineuropa32.

Feminismo presente
A marea do actual feminismo estará representada na sección O Presente é Muller, conformada por filmes de imprescindible visionado polas súas temáticas: o aborto, a violencia de xénero, a invisibilidade feminina dos grandes eventos históricos, a identidade e a libre sexualidade. Esta sección verase complementada por dous interesantes programas abordados desde unha perspectiva feminista: Mulleres Experimentalistas en América Latina e unha mostra en colaboración co Centro Simone de Beauvoir dentro do programa Wom@rts, dirixido polo Auditorio de Galicia e financiado polo programa Europa Creativa.

Novas Sedes do festival
Xunto o Teatro Principal, o Salón Teatro, a sede de Afundación, o cinema Numax, o Auditorio de Galicia e os Multicines Compostela, a rede de pantallas do festival esténdese a outras zonas da cidade coa incorporación Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta e o Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Novidades no sistema de abonos
As entradas e abonos estarán á venda a partir da tarde do martes día 6 ás 15:30 horas, tanto nos despachos de billetes como por internet. Este ano, coa gran novidade de que o abono poderá mercarse e trocarse por internet, unha demanda dos e das seguidoras do festival que neste 2018 por fin é unha realidade ao ter unha web propia para a xestión dese o Auditorio de Galicia. Mantense o prezo de 4 euros para a entrada libre, 30 euros o abono para 10 entradas, 6 euros o maratón e 2 euros o catálogo impreso do festival. As entradas e os abonos estarán todos á venda na web compostelacultura.gal e nos despachos de billetes do Teatro Principal (para todas as salas) e nos de Numax e Multicines Compostela (para as proxeccións de cadansúa sala).
Ligazóns