O festival Sinsal deixa medio millón de impacto económico

Mulleres de entre 25 e 34 anos conforman o seu público maioritario

Mulleres de entre 25 e 34 anos conforman o seu público maioritario
Fran Núñez, elaborador do informe; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Luis Campos, codirector do Festival Sinsal; María Teresa Paris, concelleira de Comercio, Igualdade, Cultura e Turismo de Redondela; e Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC e codirector do estudo FOTO: AGADIC
Asistencia maioritaria de público feminino de 25 a 34 anos e preto de 525.000 euros de impacto económico na comarca e unha valoración xeral de 8,6 sobre 10 por parte do público son algúns dos datos máis salientables do informe de avaliación de impacto da recente oitava edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que tivo lugar do 26 ao 29 de xullo na Illa de San Simón (Redondela). Onte presentouse o informe de avaliación do seu impacto, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Axencia Galegas das Industrias Culturais como parte das accións de FEST Galicia. Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encargouse da elaboración deste estudo da repercusión económica, social e mediática dentro das iniciativas desenvolvidas ao abeiro da marca FEST Galicia.

Os datos foron obtidos a partir de enquisas directas a 1.224 asistentes e dos datos de ingresos facilitados polo festival, que esgotou as entradas e reuniu 2.300 persoas diferentes durante os seus catro días de celebración. Delas, un 22% procedía de fóra de Galicia e preto dun 5% de fóra de España. O impacto económico tamén ofrece unhas importantes marxes de retorno, que se sitúan entre 2,05 e 2,69 euros por cada euro investido polo festival. Este retorno increméntase ata situarse entre 23,32 e 30,56 euros por cada euro dos preto de 19.700 achegados pola Agadic a través das súas subvencións. O gasto medio de 81,31 euros por persoa e día, do que o 68% se realiza na comarca, é outro dato salientable, xunto coa excelente valoración dos servizos (superan o 9 sobre 10 a localización e integración na contorna, a xestión de residuos, o trato do persoal, a sensación de seguridade e os espazos, escenarios e o seu mantemento), así como dos intanxibles e do impacto social: mellora o coñecemento da localidade (4,43 sobre 5) e a súa imaxe (4,38), atrae turismo (4,31) e xeral orgullo local (4,29).

O director da Agadic, Jacobo Sutil, incidiu nos positivos resultados que arroxan os datos recompilados alí hai dúas fins de semana, así como na necesidade de contextualizalos para non ofrecer unha visión parcial ou desvirtuada da súa repercusión: "Esta contextualización é especialmente relevante no caso do Sinsal, un festival con cartel segredo, pensado para un máximo de 3.000 persoas e ao que só se pode acceder en barco, entre outras características que converten esta experiencia en referente dun dos lemas cos que estamos a promover FEST Galicia: Outra forma de facer festivais", sinalou. Sutil adiantou que este estudo de avaliación será fundamental na redacción dun manual de boas prácticas dos eventos FEST Galicia, que abranguerá os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc.