O 8 de marzo cultural

Ciencia, audiovisual, música ou espazo público protagonizan os actos de reivindicación da muller desde a cultura

Ciencia, audiovisual, música ou espazo público protagonizan os actos de reivindicación da muller desde a cultura
Marcado pola convocatoria de folga, o Día Internacional da Muller non esquece a actividade cultural este oito de marzo. Como está a ser habitual, todo un feixe de propostas conmemora a data a visibilizar o peso das mulleres na sociedade. A súa presenza na música, na ciencia, no audiovisual e nas artes escénicas, así como a reivindicación do espazo público protagonizan boa parte das iniciativas previstas para a xornada.

A folga xeral de mulleres deste oito de marzo levou a trasladar moitas as actividades previstas no Día Internacional da Muller a outras datas próximas, de xeito que na axenda de hoxe as manifestacións e concentracións eclipsan totalmente as actividades culturais a reivindicar a igualdade. No entanto, non faltan convocatorias que desde diferentes ámbitos creativos reclaman a igualdade entre sexos. Destacan de xeito particular nas celebracións neste ano a ampla presenza de concertos e de propostas escénicas protagonizadas por mulleres. Canda a isto, unha ampla programación cinematográfica en feminino, a reivindicación do papel da muller na ciencia e a aposta pola visibilización no espazo público aparecen como eixes importantes da data.

Premio, concerto e estatua en Compostela
En Compostela fallábase onte o II Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. O documental Concha Castroviejo. Arelas de Liberdade de Aurora Marco e Pablo Ces fíxose co galardón, dotado con 2.500 euros. O xurado recoñeceu por unanimidade esta produción "tendo en conta a calidade e guión do traballo, as entrevistas realizadas, a incorporación de datos biográficos que supoñen un recoñecemento histórico e, xa que logo, polos méritos creativos, técnicos e documentais que concorren na obra".



Premio Xohana Torres no web do Concello de Santiago

Canda a este evento o programa de conmemoración da data incluíu, o pasado día 1, o concerto Rock&Elas, que reuniu na Sala Capitol os grupos Bala e Agoraphobia, compostos integramente por mulleres. Ademais, e entre outros actos, as rúas da cidade transfórmanse estes días en espazos de visibilización da discriminación por xénero. A exposición Espellos de pedra de Gabriel Tizón está a amosar nos muros do casco histórico quince fotografías que aborda "o cotián como algo excepcional" a retratar dezaoito mulleres en contexto natural. Canda a isto, unha intervención substitúe a estatua de Montero Ríos na Praza de Mazarelos por un monumento a Concepción Arenal durante todo o mes de marzo.

Programa de actividades do 8 de marzo no web do Concello de Santiago de Compostela

A muller nas esculturas
Precisamente en relación á visibilización das mulleres nos monumentos públicos acaba de ver a luz da man de Chan da Pólvora a obra A contrapelo. As mulleres nos monumentos públicos da Coruña. O volume que é o resultado da investigación que realizou Elo Vega no marco do proxecto Xeografía, memoria e capital cívico pode recollerse de balde co xornal La Opinión.

O libro de Elo Vega no web de La Opinión

Monólogos femininos
A coincidir coa data o Festival Singular de Narón, centrado nos monólogos e na innovación escénica, programa unha edición exclusivamente feminina. Aínda que o comezo estaba previsto para o día 8, a folga levou a trasladar a inauguración para o venres 9. Eme2, con A noiva de Don Quixote, abre o programa, que contará tamén con Ibuprofeno Teatro e A filla de Woody Allen, Frida e A careta pantasma, de Berrobambán.

Diario de Ferrol recolle o Festival Singular

Máis música
En Ferrol xa celebraron na noite de onte a súa Gala polo Oito de Marzo no Teatro Jofre, mentres na Coruña o Teatro Colón prepara para este sábado 10 16 M x 8 M – 16 mulleres polo 8 de marzo. O evento combina música e audiovisual e conta con artistas galegas como protagonistas. MJ Pérez, A Banda da Loba, Mounqup ou Máis boas que as patacas, coa compañía trasPediante como mestra de cerimonias son algunhas das presentes no evento. A coincidir coa data, en Ourense desenvólvense hoxe o ciclo Voces femininas con concertos de Alondra Bentley e Lisa Hannigan.

Gala no web do Teatro Colón

Crónica da gala do Teatro Jofre en Diario de Ferrol

Voces femininas en La Región

Roteiros e ciencia
Canda a este evento, a Cidade Herculina acolle tamén roteiros que que exploran "as pegadas invisibles das mulleres na construción da cidade" e a realidade das traballadoras da Lonxa da Coruña. Ademais, a exposición Muller tiña que ser! amosará as contribucións das mulleres á ciencia. Obradoiros, propostas escénicas e outras actividades completan as propostas para conmemorar a data.

Actividades do Concello da Coruña para o 8 de marzo

Máis ciencia
Na mesma liña, Galicia Ciencia, pola súa banda, está a percorrer nun especial para esta data as biografías de científicas pioneiras do noso país. Ademais repasa en varios artigos a problemática á que se enfrontan as investigadores na actualidade para conciliar maternidade e carreira profesional.
Especial do 8M de Galicia Ciencia

Vigo: Concerto e premio
A Cidade Olívica optou por un programa de actividades que se desenvolve ata o vindeiro 27 de marzo para celebrar a data cun concerto de Wöyza o sábado 10 como un dos actos centrais. No marco destes eventos entregarase o VI Premio de Igualdade Ernestina Otero, que recoñece desta volta a Ana Gandón, antiga concelleira de Igualdade e unha pioneira á hora de incorporar as políticas de xénero á política local.
Programa do 8 de Marzo en Vigo

Entrevista a Ana Gandón no Atlántico Diario

Premio en Ferrol
En Ferrol tamén aproveitan a data para entregar galardóns. En concreto, as Mulleres de Marzo do 72 recibiron onte o galardón 8 de Marzo. Segundo explicaba a concelleira de Benestar e Muller, Saínz Ruís, "a historia da nosa cidade, mesmo en marzo do 72, sempre foi contada desde o punto de vista dos homes. Coidamos que chegara o momento de poñernos as gafas da igualdade e por fin, recoñecer a todas as mulleres que foron imprescindibles no marzo do 72 para acadar os dereitos fundamentais".

Anuncio do Premio 8 de Marzo no web do Concello de Ferrol

Audiovisual



A Asociación de Actores e Actrices de Galicia publicou na rede, hai xa unha semana, o vídeo Presenza feminina. Máis e mellor. A través dun ficticio casting, a produción reclama "unha presenza digna de personaxes femininas representativas da realidade social na nosa ficción", no que consideran que "non é só un dereito fundamental das traballadoras senón ademais unha obriga social. A obriga de ofrecer á sociedade roles femininos libres de estereotipos, espellos nos que mirarse que contribúan a reducir a existencia de arquetipos sexistas, no canto de multiplicalos. A reivindicación é clara: presenza. Máis e mellor . Por xustiza e por un exercicio de responsabilidade con nós e coas xeracións que estamos a criar como sociedade e que merecen modelos a seguir libres e igualitarios".

O vídeo da AAAG

Canda a estes eventos, proxeccións de filmes de temática feminista e dirixidos por mulleres acompañan os programas de cidades como Vigo, Lugo, Ourense ou Pontevedra, onde se desenvolve o ciclo de cinema Crea 8 de marzo . A xeito de conmemoración da data, a cooperativa MaOs presentou no seu web unha completa listaxe de documentais sobre mulleres galegas .

Documentais sobre mulleres no web de MaOs

Campaña do 8 de Marzo no web do Concello de Pontevedra