Labardeiros do Südtirol, xenerais de Romanía

As máscaras tradicionais dos entroidos galegos teñen estreitos parentescos con personaxes de toda Europa

As máscaras tradicionais dos entroidos galegos teñen estreitos parentescos con personaxes de toda Europa
Fragmento do cartel da conferencia de Lapeña sobre máscaras.
A perspectiva sobre os entroidos galegos abre o seu foco. Encontros como a Mascarada Ibérica poñen os nosos personaxes tradicionais en contacto cos seus equivalentes da Península, a revelar fortes paralelismos. Alén do Pireneos, moitas outras máscaras amosan as grandes conexións que as nosas festas teñen coa cultura rural de toda Europa. Repasamos, da man do investigador Pancho Lapeña, estas semellanzas.

A recuperación dos entroidos tradicionais prolifera. Aldeas e parroquias escaravellan no seu pasado para reivindicar as súas festas e uns personaxes que reclaman particulares e únicos. No entanto, ollados desde unha perspectiva continental, existen elementos comúns a todos os entroidos tradicionais europeos. Se ben non podemos dicir que haxa peliqueiros como os de Laza no Tirol, si que é certo que as semellanzas entre máscaras tradicionais das festas de inverno de toda Europa chegan a ser abraiantes. Entre elas, é posible atopar algunhas que teñen un parecido destacado con personaxes dos nosos entroidos populares, tanto no seu aspecto como no seu carácter e comportamento. No marco do seu traballo para recuperar a figura do Merdeiro vigués e dotalo dun aspecto específico, o deseñador Pancho Lapeña fixo unha investigación sobre os elementos das máscaras destas festas.

A exclusividade e o patrimonio común
Aínda impera na maior parte de comunicacións institucionais e medios de comunicación a perspectiva de que as diferentes máscaras galegas son peculiares e exclusivas das súas respectivas localidades. Esa defensa de particularismos explica en boa medida as dificultades para incidir nos riscos comúns que teñen estes elementos do patrimonio inmaterial. Só recentemente propostas como a Mascarada Ibérica, que celebrou este ano en Viana e Vilariño a súa IV Edición, as Xornadas do Entroido de Pontevedra ou o Museo do Entroido de Xinzo de Limia están a abordar as conexións entre as diferentes celebracións das festas de inverno. "É certo que se está a avanzar neste sentido, pero continúa a haber moito descoñecemento ", recoñece Pancho Lapeña, que desenvolveu un importante labor de investigación e impartiu varias conferencias sobre este tema. O interese polo Entroido xa lle vén de cativo a este deseñador, que ten ascendencia en Xinzo. "Cando ao ir á aldea me cadra ver todo isto, como neno quedo bastante impresionado. A proximidade con Verín e outras zonas onde se recuperou o Entroido fíxome ver esta festa como algo bastante natural". No entanto, foi ao estudar Antropoloxía Cultural no marco da carreira de Filosofía que comezou a contemplar estes elementos festivos con outro ollar. "Ao atopar o tema das máscaras africanas e outras tomei consciencia que toda esa cultura de mascarada estaba xa presente aquí e máis preto do que pensamos". A súa investigación continuou cando se enfrontou ao reto de elaborar un modelo de máscara para o recuperado Merdeiro de Vigo, cara a 2006.

A familia das máscaras
Deste xeito, Lapeña reivindica unha perspectiva aberta sobre o fenómeno do Entroido tradicional. "Deberiamos falar dunha familia de máscaras dentro da macrofamilia das mascaradas europeas, coas que temos moitísimos vínculos. Existen moitas conexións rituais e estéticas. Algunhas máscaras teñen semellanzas tan evidentes que mesmo parecen xémeas estando unha en Galicia e outra en Croacia ou Bulgaria. Non somos tan especiais", advirte. "Xente que vai pegando e que leva campás, que leva pelicas, que se disfraza de oso hai por toda Europa. O difícil é atopar algunha que non se pareza en nada con outras". No caso das mascaradas do noso país, "en todos estes entroidos que se recuperaron desde os anos 80 os medios de comunicación fixeron moito fincapé nas figuras como tópicos da cultura galega. Mesmo en libros de investigación se chegaron a dicir barbaridades como que algún destes é o Entroido máis antigo de Europa e cousas semellantes que non teñen fundamento ningún", denuncia.

Como en Salcedo



"Este desfile de osos é en Romanía, pero hainos tamén en toda Europa. Tamén se poden ver en Silió (Cantabria), na Vijanera, unha festividade que é como un mostrario de todas as máscaras europeas".
Fotografías da Wikipedia e Turismo Ribeira Sacra



Eivas
Canda a isto, o deseñador e investigador salienta que "pasamos dun grande descoñecemento a un coñecemento a medias. Sábese moi pouco sobre o que existe fóra do país, moita xente non é consciente de que existen destas máscaras ou confúndeas", sinala a falar dos entroidos tradicionais europeos. En xeral "temos unha visión moi deficitaria do que son as máscaras galegas e as mascaradas en xeral", que se acompaña de "nocións inchadas de chauvinismo, que nos fan pensar que por ter máscaras en Galicia somos xa unha das culturas máis ancestrais de Europa". Na mesma liña crítica sitúa a idea do Triángulo Máxico do Entroido Ourensán que "deixa fóra un lote de aspectos populares das mascaradas de Ourense, do Sur de Lugo e mesmo de Zamora e de Bragança que están estritamente relacionados. Deberíamoslle chamar Triángulo Mediático en todo caso. Focalizar a atención neses puntos é outros dos vicios con que se observaron as máscaras". De xeito similar, este investigador denunciar que o foco que sitúa "o Peliqueiro como tópico, ata o punto de que eclipsa outras".

Zangarróns e cigarróns



Con elementos que lembran aos boteiros, "o Zangarrón de Sanzoles no queda moi lonxe de Verín. Cando procuramos etimoloxía de Cigarrón estamos a dicir a mesma palabra dos veciños de Zamora pero algo mudada, de zangarrón a cigarrón mudan letras. Pero se non temos en conta esta veciñanza xorden teorías do máis disparatado para explicar o nome. Este leva tamén unha vexigas infladas para fustigar que é o que fan tamén as pantallas". Outro zangarrón é o de Montamarta, "que ten dúas máscaras, negra e vermella, para diferentes momentos. Ten un rito moi elaborado no que chega a entrar na igrexa, enfréntase co altar e sae sen lle dar as costas. Logo redímese e muda a máscara".
Fotografías do web Mascaradas de Castilla y León



Dificultade
No entanto, Lapeña recoñece a dificultade desta investigación. "En moitos casos, tanto aquí como fóra, hai máscaras por recuperar ou sobre as que están a traballar colectivos pequenos que funcionan a nivel local e que non saben onde acudir para rexistrar as súas peculiaridades ou darse a coñecer. Entón é moi difícil coñecer polo miúdo este mundo". Malia ás posibilidades que neste sentido achegan as redes, non é sinxelo saber dunhas tradicións que maioritariamente, e ao igual que no caso galego, se potencian en cada un dos seus lugares de orixe como elementos particulares e exclusivos, e en moitas ocasións só ofertan información en linguas pouco coñecidas como o búlgaro, o húngaro ou o romanés. Así e todo apunta que "hai antropólogos europeos e da Península que están a traballar neste sentido".

Os compoñentes do mito
A abordar as semellanzas e paralelismos entre as máscaras de todo o continente, este investigador avoga por desagregar cada personaxe en diferentes compoñentes, ou "mitemas, que son as partes que constitúen o mito". "Hai unha serie de elementos, como pode ser o sombreiro con cintas ou capirotes, a máscara de oso e a pelica de animal, os adornos de farrapos cortados, as campás con cintos, as máscara de madeira, o emprego de ósos e de cráneos de animais, o emprego dun elemento fustigador ou ese xeito básico de encriptar a personalidade que é un sombreiro cun trapo prendido por diante", lista.

Panos internacionais



"En Pitões das Júnias os farrapões teñen o mesmo xeito de encriptar a cara que os troteiros de Bande, e de feito non están moi lonxe". O mesmo sistema aparece tamén en sitios mais afastados, como en Prato Allo Stelvio (Italia) ou no Ziripot de euskadi e Navarra.
Imaxes da Câmara Municipal de Montalegre, do web de información turística do Südtirol e do Facebook da Asociación Cultural Troteiros de Bande.



Combinatoria
"Estes elementos, en diferentes combinacións, aparecen nas máscaras tradicionais de toda Europa, e por suposto tamén nas galegas. A partir deles, combinándoos poderiamos mesmo crear un xerador automático de máscaras tradicionais", sinala Lapeña. Non é que haxa unha máscara que se pareza moito a outra, senón que case todas están emparentadas por un aspecto ou por outro, e moitos destes mitemas aparecen en todas". Ademais das máscaras principais, hai toda unha serie de elementos da festas que se reproducen por todo o continente de diferentes maneiras. "Hai moitos cabalos e moitas representacións de animais con cornos, bois, vacas ou touros, con xente dentro ou sen ela. Eran elementos moi importantes nunha sociedade agrícola e non podían deixar de aparecer. Mesmo se empregan os cornos e mesmo ósos para facer as máscaras. Tamén aparece moita xente cuberta con elementos vexetais como musgo ou folla de millo", que teñen o seu paralelismo en Galicia en figuras non estritamente de Entroido como os maios humanos que existen en Galicia.

Máscaras primitivas



De xeito similar, "as Carantoñas de Azehúche, en Extremadura, son unhas máscaras moi primitivas. Cando alguén di que aquí hai un dos entroidos mais antigos de Europa cómpre ollar estes. Esta é unha máscara que seguiron facendo con pelicas como o oso de Salcedo ou os peliqueiros de Chantada. Hai moitos personaxes que visten pelica e fan as máscara con ósos ou con peles de animais. Tamén hai en Burgos, as Zamarracadas de Mecerreyes, un disfraz todo feito de ósos. É máis común que haxa máscaras con cornos e cráneos, como os Momotxorros de Alsásua".
Fotografías do Ayuntamiento de Azehuches e de Marga P. Díaz na páxina da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao no web de AsociaLugo.



Materiais e técnicas
Encol da semellanza física que posúen moitas das máscaras que existen por toda Europa, Lapeña sinala as limitacións do traballo coa madeira, a tea, as peles ou o musgo que son, polo xeral, os elementos básicos cos que se constrúen estes personaxes. "En xeral combinan os materiais que había antes da revolución dos polímeros. Entón nesa combinatoria é moi sinxelo que saian cousas semellantes. As técnicas das sociedades rurais non permitían desenvolver moitos detalles, non había moldes". Polo xeral, estes disfraces procuran "dar medo, pero non só". Fronte a esta tendencia á uniformización, ao longo dos anos deuse unha evolución das máscaras que explica en boa medida a diversidade de aparencias e a dificultade que pode ter unha clasificación dos personaxes a atender unicamente ao seu aspecto. "A máscara do Peliqueiro ou do Cigarrón é moi diferente a outras, pero a liturxia que desenvolven é moi semellante á doutros lugares", sinala como exemplo.

Máscaras de boteiros



"A máscara do centro da foto e a de atrás, poderia ser a máscara dun boteiro de Viana dos antigos, sen a coroa. Eran exactamente iguais. Logo hai outros que están máis elaborados e deben ser máis modernos. Estes veñen do Südtirol e chámanlles Klosn, saen antes da Epifania".
Imaxes do Facebook de Klosn e de Turgalicia



Comportamentos
E é que ao longo do continente, máscaras diferentes poden amosar comportamentos idénticos. "No Sudtirol os Matocci van vestidos de xeito semellante a unha máscara ourensá, pero sen embargo desenvolven unha liturxia máis semellante á dos Xenerais da Ulla" con desafíos e visitas ás diferentes aldeas. Eses comportamentos comúns responden, segundo asegura esta investigador "a catro ou cinco temas, nos que, en xeral hai unha reivindicación da natureza. Hai monstros que representan a natureza animal que dá medo, ou que, como o oso de Salcedo, representa un sacrificio ao tisnar a cara da xente. Logo hai casos nos que se reinventa este elemento temible e se transforma nun militar ou un castigador. Os temores transfórmanse e pasan da natureza salvaxe ao temor á guerra ou a idea do recadador de impostos". Canda a estes esquemas de comportamento "logo hai actos litúrxicos de reivindican a unión da colectividade. É o caso dos Xenerais da Ulla ou do Entroido do Hío. Tamén hai esquemas similares no Südtirol ou en Portugal". A maiores apunta a coñecida "representación do ciclo anual propia de sociedade rurais e labregas, que teñen elementos comúns a todo o mundo, cun mesmo colaxe que elementos. Mesmo en África podemos atopar elementos que coinciden con isto".

Labardeiros no Südtirol



No entroido de Valfloriana, téñen os Matoci e os Arlecchini. Os primeiros son unha unha máscara unipersoal e outros conforman unha comitiva. O sombreiro de capirote aparece en varias máscaras galegas como os madamitos de entrimo ou os labardeiros de Toén, pero tamén os hai en Eslovenia ou en Euskadi, aparece en moitos lugares. O Matoci é como un Xeneral do Ulla pero o tipo vai a pé e vai facendo un rito por cada parroquia igual ca estes.
Fotografías do Ufficio comune dell'EUREGIO Tirolo - Alto-Adige-Trentino e do web do Concello de Toén.



Xenerais con cabalo incorporado



"Os que van vestidos de militares a cabalo, aínda que levan o cabalo incorporado no disfraz e fan un rito diferente, son os caiutii de Romanía".
Fotografía de Visit Botosani e de Turgalicia



Bonitas alén do Atlántico



"As bonitas de sande teñen unha máscara moi parecida, alén do Atlántico, os Chinelos de Morelos. É unha malla de aramio pintada como unha máscara. Hai outro exemplo similar en Perú".
Imaxes da Wikipedia e do Facebook da Asociación de Veciño O Castelo, de Sande.



Abrir o foco
A incidir na necesidade de ampliar a perspectiva sobre estas celebracións, Lapeña sinala que "sería bonito que se recoñecese a ignorancia que existe sobre esta cuestión. Con Internet estamos a nos conta de que existen todas estas cousas, pero así e todo os medios continúan a falar do Triángulo Máxico". Todo un mundo de máscaras que nos poden axudar a entender as nosas moitos mellor.