Aumentan as salas e baixa o prezo das entradas de cine

O 50 por cento das películas producidas en Galicia estaban en galego

O 50 por cento das películas producidas en Galicia estaban en galego
Galicia gañou máis de 100 000 espectadores de cine en 2016, 9 salas de exhibición e 4 cines, ademais de obter a mellor marca dos últimos 16 anos na exhibición de películas, con 582. Son cifras do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega, servizo do Consello da Cultura Galega, titulado “O cine en Galicia 2016” que tamén revela unha cara menos positiva: non hai melloría nin no gasto nin na asistencia media por habitante. O documento recolle por primeira vez a lingua dos filmes feitos polas produtoras galegas e indica que, dos 14 títulos producidos en 2016 seis deles están en galego.


No último ano Galicia gañou máis de 100 000 espectadores, un incremento paralelo ao que aconteceu no resto do Estado. Con todo, a asistencia media mantívose en 1,5 películas por habitante, lonxe da media estatal que está en 2,2 películas. Por debaixo están Castela a Mancha, Estremadura e Ceuta e Melilla. Ese incremento correspóndese, segundo os datos do DT, coa asistencia ao cine para ver longametraxes estranxeiras, xa que as cifras de espectadores pasaron de 3 a 3,4 no período 2012-2016. No entanto, a asistencia a películas españolas mantívose estancada neses anos.

A análise por provincias desvela que A Coruña absorbe máis da metade da recadación e dos espectadores, un 49% e un 50% respectivamente. Seguido de lonxe por Pontevedra, Lugo e Ourense.

A recadación
A recadación dos cines galegos aumentou medio millón de euros en 2016 respecto ao ano anterior. En total, as salas galegas recadaron 24,3 millóns de euros, sobre un total nacional de 602. Todas as comunidades autónomas, sen excepción, experimentaron un incremento da recadación, entre as que destaca de xeito significativo Andalucía, cunha suba de 7,5 millóns de euros. Con todo, a cifra recadada en 2016 é practicamente igual ca de 2012, 24,3 millóns de euros e o DT establece unha relación directa coa nacionalidade da película exhibida.

O custo da entrada do cine en Galicia baixou a redor de 10 céntimos de euro en 2016 respecto ao ano anterior, situándose en 5,8 euros, moi preto da media española (5,9 euros). Esa baixada do prezo da entrada implicou tamén un descenso do gasto medio por espectador. E no hábito de ir ao cine, os galegos e galegas estamos moi por debaixo do resto de españoles. Así o di o gasto por habitante, que en Galicia é de 8,9 euros, 4,1 menos ca media española.

Da produción á distribución
O Observatorio tamén destina espazo deste DT a analizar a exhibición, a distribución e a produción. En 2016 abríronse 4 cines e 9 salas de exhibición, que nos sitúa nos mesmos niveis de 2013 con 184 salas. E nese aspecto a tendencia galega é contraria a española que rexistra a peor cifra dos últimos cinco anos. Nesas salas proxectáronse, segundo o DT, 582 películas, 34 máis ca en 2015, o que tamén nos dá a mellor cifra dos últimos dezaseis anos. As salas galegas puideron proxectar un 34,7% das películas estreadas en España en 2016, o que supuxo un aumento de 3,4 puntos porcentuais respecto a 2015 e sitúase como a sexta comunidade con acceso as estreas estatais. Cataluña e Madrid acceden a máis do 50% da carteleira nacional (66,5% e 51,1% respectivamente)

No quinquenio analizado Galicia perdeu sete produtoras de cine quedando en 12o número de empresas do sector. Situámonos no sétimo lugar detrás de Madrid (143), Cataluña (78), País Vasco (28), Andalucía (27), Valencia (23), e Canarias (19). E estas empresas participaron na produción cinematográfica de 14 filmes no ano 2016, un 4,4% do total producido en España (326 películas).
No que respecta á produción de cine en Galicia, as empresas galegas financiaron ao 100% oito documentais e 4 películas de ficción, ademais de participaren nos filmes “María y los demás” cun 90% e “Toro” cun 20%. Por primeira vez, o Observatorio recolle datos lingüísticos de produción e permitiu coñecer que o galego foi o idioma orixinal de seis destas películas, o castelán de sete mentres que unha estaba rodada en árabe.

Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte da Estadística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento e do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales – Secretaría de Estado de Cultura.