Galicia volve a Liber seis anos despois

A administración autonómica porá un posto na feira que se celebra en Madrid acollendo a quince editoriais

O sector editorial galego participa desde mañá mércores e ata o venres na Feira Internacional do Libro LIBER, un encontro profesional de referencia en toda Europa, que este ano se celebra en Madrid e no que non estaba presente con stand institucional desde o ano 2011. O posto organizado pola Secretaría Xeral de Cultura, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras (AGE) acollerá durante a feira as últimas novidades para o público dun total de 15 editoriais da comunidade galega, que contarán cun espazo de 36 m2 para promocionar e difundir as súas creacións literarias e para realizar reunións comerciais con axentes procedentes de diversos países do mundo. Confirmaron a súa presenza 11 editoriais, Edicións do Cumio, Kalandraka Editora, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Baía, Nova Galicia Edicións, KNS Edicións, Alvarellos Editora, Edicións Bolanda e Editorial Colex, das que Kalandraka, Nova Galicia e Edicións do Cumio/Arnoia Distribución teñen, ademais, espazos propios na feira. No stand de Galicia exhíbense obras destas editoriais e tamén de Edicións Xerais de Galicia, MC Sports, Bululú e Catro Ventos, xunto con materiais divulgativos sobre o sector editorial galego.