Os vimbios que fan o Outono

Nacer nunha vila ou centrarse no público son algúns dos elementos que permitiron o éxito do FIOT

Nacer nunha vila ou centrarse no público son algúns dos elementos que permitiron o éxito do FIOT
Imaxe tirada do Facebook do FIOT
As dinámicas propias dunha vila como Carballo, un inusitado consenso político ou a implicación dun público fiel. Son moitas as circunstancias que explican o éxito que o Festival Internacional Outono de Teatro conseguiu nas 26 edicións que suma ata o momento. Repasamos da man dos seus organizadores as claves do FIOT.

Auditorios practicamente cheos. Unha progresión constante no número e na calidade de propostas no programa anual. Un público e uns voluntarios entregados. Os éxitos que acadou desde o seu nacemento o Outono de Teatro de Carballo deron para facer deste programa un referente na escena do país que ademais influíu de xeito decisivo na axenda cultural da vila e da comarca. Detrás desta historia hai toda unha serie de factores que facilitaron a continuidade e os bos resultados do evento.

Os 3 principios
Malia a toda a traxectoria percorrida, o FIOT continúa logo dun cuarto de século fiel aos principios que o inspiraron. Segunda explica o seu director, Alberto Sueiro, "tiñamos os obxectivos fundamentais de consolidar público e de crear canteira de espectadores. Tamén queriamos achegar unha educación sobre teatro a Carballo e apoiar os creadores, que a xente que fai propostas de creación escénica tivese un portal desde o que amosar o seu traballo". As liñas de programación. Tres eixes que continúan vixentes e que explican en boa medida o xeito no que se organiza a cita.

Criterios de programación
E liña con estas bases, o festival traballa con criterios claros de programación. "O principal é a calidade", explica Carmen Castro, directora artística. "Procuramos que os espectáculos, as compañías ou os proxectos estean contrastados". Canda a isto, a atención ao público revélase como o outro factor que determina a selección anual de obras. "Ten a mesma importancia que o anterior. A programación é diversa porque queremos chegar a un público diverso, que todos poidan atopar un espectáculo do seu agrado". A maiores, "tentamos que se vexa o máis novo e mesmo o anovador, tendo sempre moi claro a quen nos diriximos e se lles pode interesar". Dentro desta perspectiva, "non se trata necesariamente de que gusten, senón que sexan propostas que esperten curiosidade. Mesmo se funcionan peor ou desconcertan, tentamos que presenten un interese artístico que ao mellor en tres ou catro anos resulta tendencia e o público xa quere ver". A resumir o seu labor como programadora, explica que procura "que todo o que se faga teña unha intención, que cubra unha necesidade e que sirva para algo, non só que quede ben a nivel de comunicación".

O público
Precisamente a orientación cara a ese público que se foi consolidando cos anos é un dos elementos clave para explicar o fenómeno FIOT. "Non consideramos que o noso sexa un público pasivo. Foi medrando co propio festival, tanto en número como en coñecemento, perspectiva e interese", lembra Castro. Esta evolución explica en boa medida as extraordinarias cifras de ocupación, a roldar o 100%, que teñen os espectáculos do programa. "Conseguir que a xente vexa isto con ilusión e que estea pendente do que se fai provoca que sinta o proxecto como compartido. Esta é unha visión esencial para que aínda que se fracase ou haxa unha edición que saia regular, non sexa un problema e que o público siga aí". A explicar a dinámica dos espectadores, Alberto Sueiro sinala que "temos unha limitación básica que son as 350 butacas do auditorio. Dentro diso temos un público moi fiel de Carballo e da zona Norte, especialmente da Coruña e de Compostela. Vemos que hai xente de fóra que, cada vez máis, conta con que para ver determinado tipo de espectáculos teñen que contar co FIOT". Tamén para atender a estes visitantes traballa a organización, segundo asegura. "Tentamos desenvolver actividades paralelas que lles permitan pasar un día en Carballo arredor do teatro", como poden ser as propostas gastronómicas que se vencellan ao festival.

Flexibilidade
Estas premisas levan de xeito inevitable a que o FIOT goce dunha importante flexibilidade de seccións e formatos. "A estrutura sempre muda a respecto de anos anteriores. Tentamos que haxa propostas novas. Imos detectando as demandas e tamén desde a organización nos pomos o reto de como ir adiante. Entón aparecen ideas e vemos que sa xe desenvolven ou se agardamos unha ou dúas edicións", explica a directora artística. Malia a esta flexibilidade, mantéñense desde hai anos unha serie de programas moi estables. A maiores, Sueiro recoñece que "fomos tamén moi permeables a cousas que viamos que se facían fora e que tiñan resposta noutros festivais. Fóronse probando cousas e algunhas rexeitáronse porque vimos que tiñan pouco apoio".

O efecto vila
Estas dinámicas non serían posibles sen unha comunicación fluída, e a miúdo informal, cos espectadores do evento. Para Castro é un factor fundamental. "Temos a vantaxe de estar nunha vila. Ao longo do ano, e mesmo durante o propio festival, falas con moitas persoas que din se botan algo en falta ou comentan cousas que viron noutro sitio e preguntan se se pode facer algo semellante", explica. Ao seu ver, "unha cidade pode ter máis espectadores e máis público, pero nas cidades os festivais non se manteñen tanto tempo. A vila facilita a proximidade co público, e é importante que o público estea detrás do festival".

Este factor pode incidir no fenómeno de que a práctica totalidade dos festivais escénicos galegos máis recoñecidos se desenvolve en vilas, tirado o FITO de Ourense. Ribadavia, Cangas ou O Carballiño son outros exemplos de citas escénicas lonxevas en urbes de pequeno tamaño. "Tamén é certo que nós, ao igual que Cangas ou Ribadavia, estamos preto de cidades grandes, e entón tamén conseguimos captar público da Coruña ou de Compostela, aínda que a maior parte dos asistentes son da zona", recoñece Castro. Concorda con ela Sueiro, a apuntar que "ao final detrás destas iniciativas atópanse sempre persoas, asociacións e grupos de voluntarios que conseguen transcender ese ámbito. Nas cidades, pola súa configuración, é máis difícil rachar ese teito e entrar no seguinte nivel que é compartir coas institucións. Nas vilas pode haber máis permeabilidade, máis contacto directo, e pódense explicar mellor as cousas aos que teñen máis posibilidades de as facer. Ou tamén pode ser que perciban unha maior presión para atender esas demandas", sinala.

Participación e ilusión
En relación a esa proximidade co publico e coa sociedade local, os organizadores sinalan a participación como unha das claves do funcionamento do modelo do FIOT. "Penso que contribúe facelo con moita xente e entidades diferentes, contar con diferentes axentes e organizalo desde a coherencia. Acho que todos os implicados directamente cremos no festival e nas súas posibilidades e aínda que non sempre acertamos tentamos mellorar e temos sempre un reto de superación", explica Castro. "Iso crea unha ilusión que se transmite ao público e outros axentes, e é o que fai que exista o festival". Deste xeito, "hai unha organización moi implicada co festival", segundo recoñece o director do evento. Canda ao corpo do concello e os responsables de Telón e Aparte, o Outono de Teatro está apoiado por un nutrido equipo de voluntarios. "Son como 25 persoas que realizan un traballo fundamental para soportar a organización. Hai altas e baixas pero mantense moi estable", Sueiro.

Consenso
"O festival naceu dunha asociación cultural que se constituíu case para o facer, logo duns anos o concello foise implicando e agora está coorganizado. Esta organización con dúas cabezas funciona ben malia ás mudanzas externas, penso que é unha fortaleza ter a visión da asociación pero tamén a solidez que pode dar unha institución", lembra Castro. Sueiro pola súa banda ten claro que "desde o comezo houbo un consenso xeneralizado, ninguén se quixo pór medallas e todos os gobernos amosaron apoio. Nin desde o ámbito cultural nin desde o político se puxo en cuestión que o festival era un valor para Carballo, e os distintos hóspedes das institucións apoiaron e amosaron o seu compromiso. Isto danos unha tranquilidade grande que nos permite programar con antelación. As propostas de ampliación que fixemos foron sempre ben recibidas, e isto permitiu ir medrando ano a ano". "Os cambios políticos non afectaron á organización, houbo moita responsabilidade por todas as bandas", concorda Castro. Este consenso superou o ámbito local e chegou a outras institucións, que se foron sumando ao proxecto e facilitaron o desenvolvemento do festival. "Ao longo dos anos fóronse incorporando todas as administracións", lembra a directora artística, " e penso que desde un compromiso serio, cun respaldo real que transcende o económico. Temos que loitar as subvencións e presentar proxectos sólidos e de interese pero en xeral vemos que as administracións nos respectan e valoran".

Referente
Outro factor importante que explica ao tempo que amosa o éxito do FIOT é o xeito no que o evento se transformou nun referente para a política cultural local. "Cando se fixo a primeira edición en Carballo non existía unha programación teatral estable, outras vilas tiñan unha maior tradición nese sentido", explica Castro. "Que o festival tivese respaldo do público fortaleceu o resto da programación cultural local, que xa foi menos cuestionada e máis defendida. Amosar que algo como isto podía funcionar axudou a que se xerase desde o Concello unha programación estable da que o FIOT xa fai parte dalgún xeito. Penso que o festival foi esencial non só para Carballo senón para toda a comarca. Hai moito que é un referente a imitar na zona". Sueiro, pola súa banda, sinala que se conseguiu amosar "que o apoio a propostas como esta era un apoio ao desenvolvemento local, isto está a dar pé a que nos últimos anos haxa cada vez máis actividade cultural e penso que o FIOT serve de demostración de que as cousas poden saír adiante e inspirar outras iniciativas".