O Museo Carlos Maside e a súa colección xa son BIC

O DOG recolle unha declaración que non muda a proposta inicial da Xunta

O DOG recolle unha declaración que non muda a proposta inicial da Xunta
Tal e como anunciara o Consello da Xunta do pasado 21 de xullo, o Diario Oficial de Galicia deste día 29 recolle o decreto polo que se fai efectiva a declaración do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside como Ben de Interese Cultural. Apenas dez días antes de que caducase o expediente desta declaración, o decreto oficializa a máxima protección legal para o conxunto do edificio e a colección de arte contemporánea que alberga.

O texto finalmente aprobado non incorpora modificacións á proposta inicial incoada, malia a que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recoñece que se recibiron catro alegacións ao respecto que foron desestimadas. Diferentes colectivos e entidades como o Concello de Sada reivindicaban que a declaración se fixese extensiva aos edificios fabrís de Cerámicas do Castro, anexos ao Museo.

A principal modificación do decreto finalmente aprobado refírese ás obras protexidas pola declaración. Malia a recoñecer que a colección conservada no museo está composta por 1.517 pezas artísticas entre obra pictórica, debuxos, estampas, esculturas, obra gráfica e documental, libros e outros, a declaración final unicamente lista 1.447 elementos recoñecidos como ben de interese cultural. Pola contra, a proposta inicial de incoación publicada en 2023 protexía a totalidade das obras do centro, entre as que se atopan traballos de Luís Seoane, Castelao, Reimundo Patiño, Díaz Pardo, Alfonso Sucasas ou Urbano Lugrís.

Segundo destaca o texto publicado no DOG "a proposta de declaración como bens de interese cultural do edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside e da Colección Sargadelos-Carlos Maside estímase plenamente xustificada por dous motivos principais: por unha banda, como inmoble, coa categoría de monumento en canto unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico e arquitectónico, concibido como continente específico en que desenvolver unha complexa actividade cultural e tamén para acoller, conservar e expor unha colección cunha institución museística e didáctica; e, por outra banda, a Colección Sargadelos-Carlos Maside, como colección de natureza moble, conformada conscientemente ao xerar unha unidade coherente recompilada coidadosamente e de xeito selectivo, e que configura un extraordinario conxunto de mostras diversas, inicialmente vinculadas á vontade de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo ao redor do Laboratorio de Formas e expostas no edificio do museo cunha vocación ampla de coñecemento e difusión.

A declaración, malia a apuntar a importancia do centro, apunta que o museo "podería acoller outros usos, sempre e cando resultasen compatibles co mantemento das partes integrantes relevantes e representativas da súa concepción orixinal, se adapten ás súas características e preserven a súa integridade física e a súa vocación cultural".