A declaración do Entroido como ben de interese cultural completa a súa tramitación

O texto propón medidas de protección como un repositorio documental e a incorporación da festa ao ensino

O Diario Oficial de Galicia deste 11 de marzo recolle o decreto polo que se declara Ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Entroido. Esta publicación completa o percorrido legal para que esta manifestación do patrimonio inmaterial conte coa máxima protección prevista na lexislación galega. A declaración, que entrara en vigor de xeito cautelar en xaneiro de 2024, non tivo alegacións nin sufriu modificacións desde a súa presentación pública. O decreto entra en vigor este 12 de marzo de 2025.

O Consello da Xunta o pasado luns, 3 de marzo, aprobaba este texto legal, que contou con informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego. O texto da declaración protexe toda a celebración nas súas diferentes formas, a abranguer todo o calendario vencellado á festa, desde o Día do Petardazo ao Domingo de Piñata, as distintas máscaras e manifestacións tradicionais da mesma e mesmo o aspecto gastronómico destas datas.

A Xunta lembra que entroidos como os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Proba do Brollón) e Esgos, contan xa coa declaración como Ben de Interese Cultural no marco da protección para a paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018. Outras destas celebracións contan co recoñecemento como festas de interese turístico. Trátase dos de Xinzo de Limia, de nivel internacional; do de Verín, de interese turístico nacional; e os de Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín que son de interese galego.

Para alén de incidir na variedade de fórmulas que adopta a festa, o decreto dá conta das funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre esta á hora de "reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro" e favorecer a "a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional".

Como medidas de salvagarda, o texto non desenvolve propostas concretas e unicamente apunta a conveniencia de proceder ao arquivo e sistematización de documentos relacionados con este patrimonio para poder ter "unha comprensión máis eficaz e completa" do mesmo e garantir a súa preservación futura. A isto súmase unha recomendación da súa incorporación ao ensino "tanto formal como non formal" e outra de pór en marcha un repositorio dedicada á celebración "coa documentación, testemuños, material audiovisual e outros rexistros de interese".