A música e o baile tradicionais xa son ben de interese cultural

A declaración definitiva presta especial atención ao papel das mulleres como transmisoras deste patrimonio

12/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniomúsica
141 lecturas | Compartido 0 veces

Baile na Foliada de Melide de 2022. Fonte: Facebook da foliada

O Diario Oficial de Galicia deste 12 de xaneiro publica a declaración como ben de interese cultural (BIC) da música e o baile tradicionais. O texto que garante a protección deste patrimonio inmaterial chega logo dunha tentativa truncada que comezou en 2018 e modifica a proposta de novembro de 2024 a atender, segundo recolle a propia declaración, diferentes alegacións presentadas a aquel texto.
A declaración que agora recolle o DOG sofre modificacións na descrición no ben, a lle tirar protagonismo á foliada ou fiadeiro como elemento a protexer, aínda que mantendo as referencias a este tipo de encontros e a recoñecer a súa importancia. Canda a isto, mudan as categorías nas que se inscribe este BIC. Se na anterior redacción se propuña a súa inclusión como "artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes e os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos", agora súmanse a estes os recoñecementos como "tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas", "formas de socialización colectiva e organizacións", "manifestacións sonoras, música e danza tradicional" e mais "a lingua, como vehículo do patrimonio cultural inmaterial".

Entre as novidades do texto está unha maior atención á música tradicional, que de xeito explícito fica incluída nesta declaración mesmo naquelas formas non se empregan para bailar. Así, a declaración sinala que "fan tamén parte da música tradicional e, xa que logo, obxecto desta declaración, aqueloutras manifestacións musicais que non están ligadas ao baile nin lle serven de soporte, como poden ser alboradas, alalás, pasacalles, cantos de sega, marchas procesionais, alzamentos, cantos de Nadal e Reis, romances, regueifas ou outras formas de improvisación cantada, etc".

A declaración inclúe ademais un novo apartado específico dedicado a recoñecer a importancia do papel das mulleres na transmisión do novo BIC. Así, o texto salienta que "nesta declaración é imprescindible subliñar e recoñecer o protagonismo da muller na manifestación cultural inmaterial da música e do baile tradicionais de Galicia. As pandeireteiras e cantareiras, como colectivo, foron as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega". Este apartado salienta tamén a invisibilización das artes practicadas polas mulleres, "xa que o seu ámbito de práctica se desenvolvía no eido local e privado, integrado na normalidade da vida cotiá e diaria. Así, as cantareiras ficaron nunha situación de invisibilidade cultural, case ignoradas" fronte á maior presenza pública dos homes dedicados a este ámbito.

Para alén desas diferenzas, a declaración actual aplica, ao igual que a proposta inicial de 2024, a protección tanto aos "bailes que se executan seguindo os códigos e as convencións propias do baile tradicional galego, consonte a orde estrutural subxacente da manifestación: puntos, movementos, xeitos, colocación corporal, posicións de pés e brazos, braceos e coreografías de conxunto" como a aqueles que "se executan segundo fórmulas preestablecidas" e aos "bailes que representan en recreacións e reconstrucións escénicas as agrupacións folclóricas". Mantense tamén a listaxe de persoas e entidades que conforman a comunidade portadora deste legado, e que inclúe "intérpretes: cantadoras, instrumentalistas e bailadoras", mestras, profesionais da música e do baile tradicionais, alumnado, informantes, artesáns e luthiers, persoas compiladoras e tamén "persoas individuais" que participan na transmisión do ben.

En canto ás medidas de protección previstas, o texto aprobado pola Xunta de Galicia mantén as propostas da declaración provisoria de 2024. Entre estas destacan a promoción da investigación e difusión sobre as formas deste BIC e a aposta pola compilación de "materiais documentais, sonoros, musicais e/ou audiovisuais" sobre o mesmo de cara á "creación dun arquivo audiovisual público na rede, sustentable no tempo, gratuíto e de libre acceso". Canda a isto, mantense a proposta de favorecer divulgación deste patrimonio nos medios de comunicación e no ensino, o interese por manter formas comarcais de baile, a aposta por promover "a profesionalización das expresións culturais relacionadas co baile e coa música tradicionais de Galicia", ou o apoio das administracións á organización de foliadas e seráns. Fica tamén no texto final o compromiso de elaborar un estudo de actualización para avaliar a situación do novo BIC transcorridos nove anos desde a declaración.

Universo culturagalega.gal