Teatro, danza e circo na XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño

Durante o festival farase a entrega dos galardóns da edición de 2024 ao Grupo Chévere e a Compañía Píscore

A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño, unha das citas culturais máis veteranas e destacadas de Galicia celebrarase entre o domingo 3 e o sábado 9 de agosto, e levará ao municipio coruñés 14 representacións de diversas temáticas, que se desenvolverán entre os dous escenarios habituais: o Auditorio Municipal da Casa da Cultura e a Praza da Pulida. Nesta nova edición, participarán compañías de referencia no panorama escénico galego, como Teatro del Andamio, Malasombra Producións, Teatro Ghazafelhos ou o Grupo Chévere. Ademais, durante o festival tamén se entregarán os Premios do Público 2024, co Premio Público Adulto para o Grupo Chévere e o Premio Público Infantil para a Compañía Píscore.

Unha das grandes novidades desta edición será a función que terá lugar o sábado 2 de agosto, como antesala oficial da Mostra. Nesa data estrearase a obra 'Ás 12', protagonizada por un grupo de mozos e mozas de Cariño participantes nas actividades extraescolares municipais. Trátase da primeira vez que un grupo amador local actúa na Mostra. A programación da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño dará comezo o domingo 3 de agosto, coa celebración do acto inaugural. A continuación, ás 13:00 horas, a compañía Pedras de Cartón presentará na Praza da Pulida o espectáculo 'Moby Dick', unha adaptación da coñecida novela de Melville pensada para todos os públicos. Xa pola noite, ás 21:00 horas, tamén na Praza da Pulida e con acceso libre, será a quenda da danza tradicional galega con 'Un baile ceibe', da Compañía de Danza Fran Sieira.

O luns 4 de agosto a actividade trasládase ao Auditorio Municipal, onde se ofrecerán dous espectáculos. Ás 12:00 horas, Teatro dos Ghazafelhos e Magín Blanco presentarán 'A nena e o grilo camiño das cores'. Pola noite, ás 22:00 horas, Malasombra Producións representará 'Testosterona'. A programación continuará durante toda a semana ata a clausura da Mostra o sábado 9 de agosto con dúas funcións de circo ao aire libre na Praza da Pulida. Ás 12:30 horas, o grupo Zirko Txosko presentará 'Oh Pera!', e ás 21:00 horas, pechará a edición o espectáculo 'Rogelio III. La Fête', da Agrupación Assircopatas