A XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño ven de presentar a programación para as dúas semanas que durará este ano adaptándose ás circunstancias sanitarias. Unha das principais medidas que tomou o Concello teñen que ver coa organización: durará dúas semanas en lugar de unha co obxectivo de reducir o número de funcións diarias para evitar aglomeracións e facilitar a desinfección dos espazos. A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia, mentres que a segunda semana centrarase no teatro adulto. En total serán case vinte os espectáculos que se verán do 9 ao 21 de agosto en diferentes espazos do municipio: o auditorio municipal, a Praza do Campín, o local social da casa do concello e de modo itinerante polas rúas do municipio. O teatro na rúa, na Praza do Campín, seguirá sendo gratuíto pero desenvolverase nun recinto pechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para acceder. O día inaugural, domingo 9 de agosto, Barafunda representará Aguillóns de Ortegal, unha creación específica da compañía para Cariño que comezará a partir das 12:30 horas de modo itinerante polas rúas do municipio. Ás 20:30 horas terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición a Malasombra Producións con Bernarda e a Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos con A meniña e o grilo máis alá. A clausura do 21 de agosto correrá a cargo da Companhia Do Chapitô portuguesa coa súa obra Electra, entre medias pasarán pola localidade costeira algunhas das principais compañías teatrais do país cos seus máis recentes espectáculos.
Dúas semanas de Mostra de Teatro Galego en Cariño para evitar aglomeracións
A XLIIª edición do evento amplíase en duración e separa por semanas espectáculos familiares e teatro adulto
