Unha lexión de creadores audiovisuais están a se debruzar na cultura galega. Persoas formadas en obradoiros de creación, alumnos e alumnas de centros de ensino que se alfabetizan nestas técnicas ou diferentes youtubers amosan novos xeitos de entender este mundo e están a asaltar xa espazos consolidados da nosa cultura. Festivais como o Carballo Interplay, Olloboi ou o concurso Youtubeir@s institucionalizan estes movementos e amosan a vitalidade e a capacidade creativa desta vaga.
Youtubeir@s para o galego
Youtube está a se revelar como unha das grandes opcións para as persoas que teñen interese na creación audiovisual. A posibilidade de xerar contidos con facilidade e conectar directamente co público favorece en todo o mundo a aparición de formatos pensados especificamente para esta canle de vídeos en liña. E o noso país e a nosa lingua non fican atrás neste movemento, aínda que con certas peculiaridades. A pasada fin de semana o Teatro Principal de Ourense acollía a gala de entrega dos galardóns da I edición de Youtubeir@s, o certame nado para potenciar presenza da nosa lingua no mundo dos vídeos en Internet. A iniciativa pon o foco sobre un ámbito do audiovisual amador que conta cada vez con máis adeptos e que posúe ademais un grande potencial para a normalización da nosa lingua.
A orixe
Segundo explica Mónica Fernández Valencia, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeir@s, "a idea naceu nunha edición das xornadas Traballando en lingua", que organizan a Universidade da Coruña e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, e "que estaba dedicada especificamente á mocidade. Alí, a debater en que pasan o tempo de lecer os máis novos, viuse que había unha grande importancia de Youtube, tanto no rol de espectadores como a nivel de creadores. Ao tempo, comprobouse que había unha presenza moi escasa do galego neste ámbito, e pensamos como se podía actuar sobre el desde os servizos de normalización lingüística dos Concellos". A desenvolver o proxecto xurdiu a proposta de coordinar un certame que contase ademais cun apartado de formación. Os departamentos de normalización de once concellos e das tres universidades do país apoiaron a iniciativa, cuxa coordinación recaeu na empresa Illa Bufarda.
O panorama galego
Sabela Iglesias e Adriana Pérez son, desde esta a produtora, as responsables da xestión técnica deste proxecto. A súa implicación supúxolles achegarse a un ámbito, o dos Youtubers no noso país, que non coñecían a fondo. "A verdade é que non estabamos moi postas. É un mundo innovador, con códigos propios. Notabamos que había moitos creadores e creadoras que estaban a facer creacións en Youtube desde Galicia, pero a maior parte empregaban o castelán, non había moitos que usasen a nosa lingua", explica Iglesias. Concorda con elas Mónica Fernández para quen "aínda que hai pouca presenza de galego, si que se detecta moito consumo de contidos deste tipo na nosa lingua, sobre todo entre adolescentes e idade universitaria". Pola súa banda María Yáñez, investigadora sobre novas formas do audiovisual e membro do xurado desta iniciativa, considera que "polo momento non se ve moito contido espontáneo en galego cun certo alcance en Youtube. Así como cando saíron os blogs houbo unha explosión e todo o mundo tiña un, agora semella que a xente que ten contidos en galego no aposta polo Youtube, quizais por falta de dominio do medio. Nalgúns ámbitos semella que se non metes gasolina, como pode ser na forma de premios, non saen as cousas de xeito orgánico. Agora mesmo o formato está a madurar dun xeito moi acelerado e o galego está aínda a aterrar nel. É normal que os comezos sexan cambaleantes, pero agardamos que vaia collendo forza e o medio se integre con naturalidade".
Temas galegos
Ademais de ser escasa, a presenza do galego neste ámbito aparece en boa medida asociada a determinadas temáticas e intereses. "En moitos casos as canles que están feitas en galego tenden a falar máis do mundo rural, da propia lingua ou en xeral sobre o pobo galego. Precisamente a idea do certame é favorecer que haxa máis variedade temática" no Youtube na nosa lingua, explica Iglesias. Na mesma liña, Mónica Fernández recoñece que "os estereotipos están aí, vémolo sempre. Dentro das propostas que chegan ao concurso vemos por exemplo que moitos dos vídeos da categoría de opinión falan sobre lingua ou sobre a problemática de ser galego na aldea e na cidade. Aínda hai que rodar para procurar a normalidade e que se acepte plenamente que en galego se pode falar de todo, isto vaise logrando pouco a pouco". A participación no certame "resultou moi variada a nivel temático e técnico. Temos desde propostas nas que aparecen persoas a falar directamente ata vídeos de animación ou que empregan debuxos". Yáñez, pola súa banda, advertiu que entre os participantes "puido faltar algo máis de orixinalidade. Viuse moito mimetismo cos formatos máis habituais do Youtube, co emprego do galego como principal elemento diferenciador. Pero áchase de menos certa ollada propia. Isto tamén é habitual cando calquera persoa comeza nun medio, a xente ten que ir atopando o seu propio discurso". Para esta investigadora, en xeral no Youtube do país "faltan moitos temas por contar. Hai moita presenza da comida, non sei se polo tópico de que somos de moito comer pero tamén de falar de comer. Tamén se ver moitos contidos sobre a memoria e o mundo rural, a miúdo desde unha visión urbana aínda que tamén hai propostas moi interesantes de xente de aldea que contan o que fai, como é o caso do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño. Aí temos unhas señoras cunha capacidade comunicativa brutal que comparte un coñecemento moi interesante e que conseguen enganchar polo xeito en que comunican".
Categorías e idades
A partir dos 224 vídeos que se presentaron ao premio, pódense detectar tamén certas tendencias no emprego que en Galicia se lle está a dar a este formato. "Predomina o humor. Entre os participantes hai propostas moi creativas, como poden ser titoriais sobre como procurar alieníxenas, ou como pasar do rural ao urbano", lembra Fernández. Deste xeito, atopamos producións que en certo xeito hackean as propias bases do certame, que contemplan as categorías "Vídeo-facermos", orientadas a titoriais que amosan "saberes e procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender" e mais "Vídeo-Opinarmos", nos que "se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese. Por exemplo, sobre un libro, un filme, unha serie, sobre temas de actualidade, moda ou tendencias". Segundo recoñecen desde a organización, "un dos puntos que se teñen en conta para valorar os traballos é a orixinalidade, o deseño e a creatividade, entón houbo xente que apostou por ficcionar os formatos ou facer cousas máis surrealistas". Canda a estas propostas que se poden considerar menos ortodoxas, "hai tamén moitos vídeos de cociña, titoriais sobre videoxogos ou tecnolóxicos e tamén moitas propostas de opinión, tanto sobre a actualidade como a abordar unha grande variedade de temas", explica Iglesias. En total, 130 vídeos, un 58% do total, responderon á primeira das categorías, mentres outros 94 (o 42%) foron de opinión. Por idades, un 44,60% dos Youtubeir@s teñen entre 18 e 30 anos, mentres os menores de dezaoito supoñen o 28,60%. Entre os grupos de máis idade, os participantes de entre 30 e 50 achegaron o 17,30% das candidaturas e os maiores de 50 un nada desprezable 9,5%. Sobre a cuestión de quen fai estes vídeos, Yáñez apunta que a iniciativa "tenta cubrir a anomalía de que a xente que emprega o galego para xerar contidos de interese non aposta polo audiovisual, mentres a xente que si utiliza este medio non o fai, polo xeral en galego. Pesa aínda a idea de que temos unha cultura moi textual, ou tamén pode ser unha cuestión xeracional. Os millenials utilizan pouco o galego, e a xente de máis idade que ten unha militancia ou un discurso non aposta polo vídeo".
Debuts e experiencia
Entre os participantes atópase unha mestura de creadores noveis, que se achegan ao formato por vez primeira con ocasión do certame, e de Youtubers que xa tiñan unha actividade previa. A maiores, segundo explica Fernández desde a organización do encontro, o proxecto busca tamén "non só potenciar que aparezan novas propostas en galego na rede senón tamén que se amose o que xa estaba a funcionar na nosa lingua". Segundo apuntan desde Illa Bufarda, "moitas destas persoas, a raíz do concurso, animáronse a facer vídeos en galego ou a abrir unha nova canle na nosa lingua, cando antes só empregaban o castelán". Así e encol deste perfil, Fernández apunta que "queremos que se dean conta de que facendo vídeos en galego tamén van ver xente que os siga". Canda a eles, as coordinadoras recoñecen que "entre moitas das persoas que comezan vese vontade de continuar con esta actividade", polo que este certame pode dar pé a unha nova fornada de comunicadores dixitais no país. Nese sentido, Yáñez apunta que, como membro do xurado, "o mellor de todo foi descubrir tantas voces novas que son boas comunicadoras, sobre todo mulleres, que saben falar a cámara e teñen un bo dominio do medio. Hai aí un casting estupendo para TVG ou para calquera medio audiovisual, xente cun dominio estupendo do galego que ademais ten cousas que dicir".
Formación
Para alén do certame en si, o proxecto Youtubeir@s incluíu tamén unha serie de obradoiros formativos que pretendían achegar aos potenciais participantes e a outros interesados, as ferramentas básicas para se achegar ao mundo dos vídeos na rede. Illa Bufarda foi tamén a responsable de desenvolver estas actividades, que transcorreron na súa maior parte en centros de ensino. "A idea desta formación era ensinar a lle tirar proveito aos recursos máis básicos. Hoxe é moi sinxelo ter acceso á tecnoloxía mínima que permite se xeradores de contido", explica Iglesias. Entre os participantes "atopamos un perfil moi variado, desde xente moi nova que coñecía o medio pero non tiña conceptos de edición e cousas similares, ata xente maior que tiña interese en coñecer como funcionaban as novas tecnoloxías". Entre estes "houbo xente que logo se inscribiu no concurso, mentres outros só querían aprender e experimentar pero despois non participaron".
Premiados
Manolo González, responsable de innúmera iniciativas no noso audiovisual, a poeta María Lado, o responsable do Servizo de Normalización da Universidade de Santiago Manuel Núñez Singala e mais o cineasta Pablo Lamosa, para alén da propia María Yáñez foron os responsables de realizar a selección entre todos os proxectos presentados. Finalmente foi a receita, chea de retranca do Guiso especial Anti-San Valentín (abstéñanse delicad@s) que propuxo o dúo Corazón de Churrasco a que se impuxo na categoría Vídeo Facermos. Pola súa banda, o proxecto Teño unha hora en San Sadurniño venceu no Vídeo opinarmos co seu Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca. A estes galardóns, dotados con cadanseus mil euros sumáronse as Mencións honoríficas con 400 euros de permio. A de enxeño e creatividade para o humorístico SmartFol G6! Unha REVIEW moi especial... na que se analiza un fol como se fose un gadget de alta tecnoloxía. A Mención honorífica á calidade técnica voi para A noite de 1000rpm, o recoñecemento ao vídeo con maior eficiencia comunicativa levouno a receita Tortilla de Pascua da canle O Galego Mola, e o vídeo de maior calidade lingüística foi para Seis pasos para falar malpicán que realizou o IES Urbano Lugrís de Malpica.
Futuro Youtubeir@
Logo do éxito desta primeira edición, o certame pretende continuar co seu labor. Para Yáñez, "o obxectivo de favorecer que haxa máis vídeos en galego está cumprido. Este ano había moitos vídeos feitos expresamente para o certame. Agora cómpre buscar que se consolide o Youtube como un espazo máis para o galego. Penso que a idea ten que ser, alén de que se xeren vídeos, que haxa un ecosistema". Entre as posibilidades de cara ao futuro, está a de ampliar ou modificar as categorías. Segundo recoñece Iglesias, "desde o xurado xa propuxeron que no canto de valorar un só vídeo, como se fixo nesta ocasión, se teña en conta o percorrido dos participantes, o seu número de seguidores ou a repercusión do seu traballo", aínda que polo momento están abertas as posibilidades de cara ao vindeiro ano. Segundo explica Yáñez "penso que se debe procurar premiar as canles, que cada vez máis son o auténtico medio. Antes pesaba máis o vídeo como unidade de contido, pero hoxe son estas canles, onde se fai unha serialización, hai un discurso e unha estratexia de contidos, o que funciona. É como se nun certame de blogs premiásemos unicamente un post concreto", exemplifica. A esta cuestión, Fernández suma a posibilidade de que "tentemos afinar máis a barreira entre video facermos e vídeo opinarmos. Aínda temos que facer a avaliación, pero polo momentos, vistos os resultados desta edición, semella claro que hai que continuar".
Gañadores de Youtubeir@s 2017
MELLOR VÍDEO-FACERMOS
Guiso especial Anti-San Valentín (abstéñanse delicad@s)
Laura Pego Crugeiras (Corasón de Churrasco)
MELLOR VÍDEO-OPINARMOS
Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca
Carmen Suárez Nieto (Teño unha horta en San Sadurniño)
Mención honorífica enxeño e creatividade
SmartFol G6! Unha REVIEW moi especial
David Otero Fumega
Mención honorífica á calidade técnica
1000rpm Video-Opinarmos A noite
Miguel Rodríguez González
Mención honorífica ao vídeo con maior eficiencia comunicativa
Tortilla de Pascua #ogalegomola
Isabel Villanueva
Mención honorífica ao vídeo con maior calidade lingüística
Seis pasos para falar malpicán
Xacobo de Toro Cacharrón I.E.S Urbano Lugrís de Malpica