Obradoiros para escribir coa cámara

Diferentes propostas achegan á creación audiovisual persoas de todas as idades

Diferentes propostas achegan á creación audiovisual persoas de todas as idades
Rodaxe dunha rodaxe de Teño unha horta en San Sadurniño
Non só os escolares dispoñen de oportunidades para se achegar á creatividade audiovisual. Por todo o país diferentes iniciativas formativas están a achegar persoas de todo tipo ás cámaras. Cursos e obradoiros que transforman en creadores e en consumidores críticos os seus participantes e que están a fornecer toda unha serie de contidos inéditos na nosa cultura.

Casas da Cultura, Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, locais de asociacións... Todo un ronsel de espazos no noso país acolle diferentes obradoiros orientados a iniciar na creación audiovisual persoas de toda idade e condición. Como resultado desta intensa actividade, un grande número de amadores están a publicar nas redes os seus traballos e incorporan á nosa cultura novos xeitos de nos retratar e nos narrar.

Maria Yañez, investigadora sobre o audiovisual e as redes, considera que estamos nun momento de grandes mudanzas neste campo. "Está a se dar unha revolución coa xente que aprendeu a empregar a cámara do móbil como quen usa un bolígrafo. E non coa vontade profesional que antes só tiña quen traballaba en temas de televisión e cinema. Agora emprégase de xeito diario como quen escribe en Twitter ou ten un blog, pero con fotografías e vídeos". Ao seu ver "Resulta moi interesante esta dimensión do audiovisual como xeito de expresión sen máis. Á cultura audiovisual pasoulle ao revés que a outras. A música primeiro foi un xeito de expresión e despois foi industria, e o mesmo aconteceu coa literatura ou a pintura, pero o audiovisual comezou como unha industria que precisaba grandes medios e aos poucos fois democratizando, con soporte máis accesibles. Agora, cunha cámara na man a todas horas, é xa un medio de expresión e racha o totalmente o esquema. A xente conta historias en Instagram, manda vídeos no Whatsapp, fai transmisións en directo e documenta a súa vida".

O bolígrafo e a escrita
A nova situación propicia para esta investigadora que "ao ser algo máis espontáneo fanse cousas con moita máis liberdade. Pero ao tempo, se non existe unha alfabetización correcta, faltan referencias de linguaxe que provocan cousas formalmente moi primitivas ou moi manieristas cando tentan copiar o mainstream". Así, actividades como os obradoiros de alfabetización ou o traballo audiovisual nas aulas son ao seu ver necesarios. "Cando Manolo González, por exemplo, traballa cos seus alumnos de instituto recursos artísticos para empregar a imaxe, aprenden a se expresar cunha paleta máis diversa e moi interesante. Pero cando faltan eses referentes cópiase a referentes como o Youtuber El Rubius ou outros, o que limita moito a capacidade de expresión. Esta é a clave da alfabetización neste sentido. Porque a xente teña o equivalente audiovisual a un bolígrafo non ten tamén as ferramentas creativas. Para poder facer cousas que vaian alén do básico cómpre aprenderlle á xente recursos estilísticos, linguaxes e autores".

As horas de San Sadurniño
Dentro das propostas formativas neste campo, as que desenvolven na Aula Cemit de San Sadurniño son sen dúbida das que están a acadar un maior eco público. O proxecto Fálame de San Sadurniño, que integra fotografía, audio e, en menor medida, vídeo, para recuperar a memoria local, é a matriz na que se integran propostas máis nitidamente audiovisuais como o encontro Chanfaina Lab, do que xa saíron varios cineastas amadores locais e, máis recentemente Teño unha horta en San Sadurniño. Cinco mulleres do concello desenvolven esta webserie como parte da formación no emprego das novas tecnoloxía que imparte a técnica Carmen Suárez. O seu traballo foi xa recoñecido con galardóns nas últimas edicións do festival Carballo Interplay e mais no concurso Youtubeir@s, e a súa peza Marihuana na horta volveuse viral e rolda as 200.000 visualizacións. O proxecto naceu en 2015 "como unha iniciativa de alfabetización dixital e audiovisual", explica Suárez. "Comezamos con iniciación á informática e a Internet, seguimos co manexo do smartphone e o seu uso na fotografía, e continuamos a gravar vídeos. Non se trataba de dar un curso de vinte horas e que adquirisen un coñecementos que logo non fosen aplicar. A idea era facer un proxecto que lle dese utilidade a ese traballo e que ao tempo fose motivador para elas". Así naceu esta iniciativa na que as participantes amosan o seu xeito de traballar a horta e abordan en cada capítulo un labor ou un cultivo diferentes. "Isto permítelles tamén amosar os seus coñecementos". Por se fose pouco, a propia webserie quere desenvolver un labor de investigación e desenvolvemento agrario. "Tentamos tamén innovar nos produtos que se plantan. O ano pasado experimentamos con xenxibre, cacahuetes ou azafrán. Este ano seguiremos con varios e imos comezar a probar cos boniatos. Este é un dos concellos afectados pola couza guatemalteca e non podemos plantar patacas, así que estivemos a mirar, mercamos un boniatos, probáronos e vanos botar a ver que tal se dan".



Empoderamento
O recoñecemento que está a acadar o seu proxecto deixa pegada nas participantes. "Unha das cousas máis importantes para min é darlle valor ao que fan e empoderalas. E isto está a se conseguir, tomaron o mando totalmente e aínda que o comezo o vían como algo pequeno, agora ven que se lles toma en serio, que hai xente que as segue e que no ámbito familiar e local son referentes, vense como mulleres innovadoras que fan vídeos e levan premios". Ao ver de Suárez, esta mudanza na percepción sobre as protagonistas da webserie non se dá só nos contornos máis próximos. "O vídeo da marihuana na horta, serviunos para saber o que é un vídeo viral e aprender a xestionar algo como iso, con moitas solicitudes de medios e unha grande exposicións pública. Pero é que ademais, algo que me chamou a atención é que todos os medios trataron o tema con moito respecto. Eu penso que se fose hai dez anos o ton no que se falaría del sería sobre unha muller ignorante galega que atopou unha planta na horta. Hoxe a imaxe que transmitiu é o dunha muller que ten retranca e pisa forte. O vídeo estaba todo teatralizado e fíxose con moito humor".



Ademais desta incursión na comedia, a liña temática da webserie deu tamén para unha incursión na opinión, que foi precisamente o que lles reportou o galardón en Youtubeir@s. "Estaban enfadadas coa prohibición de botar patacas e fixemos un vídeo para que o contasen. Vai saíndo o que lles vai apetecendo arredor dese mundo".



Videodinamizarte
Videodinamizarte é a proposta de formación audiovisual que puxeron a andar Ana Seijo e Sabela Pernas en 2011. A iniciativa combina a creación videográfica e a psicoloxía. Segundo explica Seijo, "entendemos a arte como unha ferramenta de saúde. Desde esa perspectiva traballamos sobre a ollada do real e o documental. Desde que comezamos a traballar neste proxecto vimos que funcionaba moi ben. A xente ten curiosidade por ser participantes activos e creadores desde o audiovisual e non só consumidores". Unha das peculiaridades dos obradoiros de Videodinamizarte é que se mestura un aspecto máis formativo en grupo cunha parte creativa individual. Polo xeral o dúo aposta por partir dun tema base, proposto por elas mesmas ou polos concellos ou asociacións que as contratan. "Hai veces que tamén deixamos tema libre, mais polo xeral tentamos adaptar ao grupo e propor temas amplos que sirvan como punto de partida". Logo dunha formación técnica en grupo, pásase a un proceso creativo individual, de xeito que cada participante remata por crear por si mesmo unha peza audiovisual completa. "Fai todo o proceso como autor completo. Decide o que quere contar e como o facer. Nós facilitámosllo procuramos que tome consciencia de cada paso desde traballo creativo. Trátase de facer un vídeo que conte algo que che resulte importante no momento e que che diga algo a ti mesmo. Polo xeral a xente leva o tema ao seu terreo, e de todos os obradoiros penso que só unha persoa apostou por facer ficción. A maior parte da xente xogou a retratar a súa propia realidade desde a perspectiva máis emocional, había quen dicía que era como se espir detrás da cámara". O resultado destes encontros "son pezas íntimas que ás veces teñen un sentido fondo para autores e autoras".





Diferentes retratos
En canto aos resultados que xorden de obradoiros deste tipo, Sabela Iglesias apunta desde Illa Bufarda que nos seus obradoiros "normalmente traballamos con adolescentes, e notamos que se rexen polos patróns estéticos e temáticos que consumen por televisión ou por Youtube. Nós tentamos valorizar contidos próximos e que procuren intereses máis achegados". En xeral, "está moi presente o humor, os retos e gravar as propias fazañas, amosar as propias calidades en diversos campos". Desde Videodinamizarte, pola súa banda, traballan maioritariamente con persoas de máis de 50 e de 60 anos. "É xente con curiosidade, tempo libre e medios pero que ao mellor non se achegan a un curso máis profesional. Hai xente que chega aos obradoiros e que lles hai que quitar o medo a se expresar e desterrar a idea que temos moitos de que non somos creativos. Tamén hai un certo medo ás tecnoloxías que non existe nas xeracións máis novas".


A coelliña Marcela from Illa Bufarda on Vimeo.




O ladrón de palabras from Illa Bufarda on Vimeo.



Creatividade e crítica
Para Ana Seijo, o audiovisual "é unha ferramenta que hoxe está ao alcance de todos". Entre os participantes nos seus obradoiros "hai de todo, e iso é o máis bonito. Cadaquén ten unha ollada diferente". Ao seu ver, na actualidade as propostas de achegamento desta arte á poboación, "están a gañar espazo, con propostas como Youtubeir@s". Canda a isto, propostas como as que elas mesmas desenvolven "están moi ben para chegar a diferentes públicos, permiten dar o primeiro paso para facilitar esta expresión e ao tempo fan dos usuarios participantes activos e espectadores críticos. Nos vemos que á xente interésalle saber como se fan as cousas e logo aplican eses coñecemento para analizar o que se consume. Saben os recursos que se están a utilizar nos medios e para que os utilizan, e isto permítelles tamén filtrar información", explica.

Futuro
En canto ao papel que este tipo de producións pode chegar a ter na cultura do país, Sabela Iglesias apunta que "hai contidos moi interesantes que poden chegar a calidade profesional sen o ser, e iso fai pensar tamén na situación da propia profesión. Polo demais, a min paréceme moi interesante o poder reapropiarnos desta linguaxe. Desaparece a barreira que facía pensar que o audiovisual non ía con nó. Cadaquén pode xerar contidos propios e isto desestabiliza moitas cousas, para ben e para mal. Hai xente que mesmo con poucos recursos e sen ter grande calidade técnica destaca pola súa capacidade comunicativa e pode enganchar a outras persoas. Que os rapaces se alfabeticen en como funciona este medio é interesante porque podes xerar referente e fai que se cuestionen moitas cousas". De cara ao futuro, as propostas audiovisuais afeccionadas "irán a máis. Penso que a televisión quedará como algo obsoleto". Seijo, pola súa banda, advirte que "hai moitas cousas para nenos pero é tamén moi interesante darlles ocasión ás persoas maiores de probar. Moitas veces non as temos en conta neste medio, e cantas máis olladas integremos máis poderemos aprender. Estivemos en contacto con iniciativas iberoamericanas e vemos que se fan cousas impresionantes con moi poucos medios. Entón pensamos que hai espazo aínda para moito máis".