Óscars escolares

O Festival Olloboi amosa a potencia da creatividade audiovisual no ensino

O Festival Olloboi amosa a potencia da creatividade audiovisual no ensino
Imaxe do blog de Olloboi
O pasado venres 9 de xuño, escolares de toda Galicia tiñan a vista posta en Boiro. A vila do Barbanza acollía a oitava edición de Olloboi, o Festival Audiovisual Escolar. Alí concorrían a concurso 137 traballos chegados de 50 centros de ensino de todo o país. O evento amosa a grande penetración que o audiovisual está a ter nas nosas aulas, e pon de relevo as posibilidades e tamén as carencias neste campo.

Desde o seu nacemento en 2010, Olloboi viu un espectacular incremento de participación. Se na primeira xeira competían 40 filmes, o ano pasado chegaron a 234 os proxectos presentados. Malia a redución desta última edición, vencellada posiblemente á incerteza sobre a celebración da mesma por problemas orzamentarios, contar con 137 traballos audiovisuais non deixa de ser algo destacable. Segundo recoñece Ana Moreiras, unha das organizadoras do encontro, "non nos podemos queixar. Comezamos como un grupo de profesores dun Instituto de Ribeira que coincidimos nun obradoiro audiovisual do CEFORE". Logo dun primeiro certame co Equipo de Dinamización Lingüística do IES Leliadoura restinxido aos centros nos que traballaban, ampliaron o equipo e apostaron por organizar un certame a nivel galego. "Agora mesmo estamos de xeito directo tres profesores, unha compañeira de Belas Artes e outro de Comunicación Audiovisual que nos bota un cabo". Susana Diz, Manuel Garrido, Óscar Aguado e Manuel Álvarez, completan o equipo que coordina o proxecto. Recoñece que para ela o mundo audiovisual foi unha descuberta. "Os outros eran algo máis conscientes da súa presenza nas aulas, para min foi algo novo. Tentamos aprender algo sobre o tema, e ao nos relacionar con profesionais vimos que lles gustaba ter contacto cos alumnos e ver os seus vídeos. Tamén comprobamos o importante que estaba a ser o medio para desenvolver capacidades e contidos. Desde traballos como o de Manuel González, que dá a súa materia de Historia a través de vídeos ata seminarios de animación como os que fan no IES As Barxas ou propostas de ficción como as que saen en Noia".

Mostra
Lonxe de se centrar no aspecto máis competitivo, Olloboi pretende pór de relevo e visibilizar a inxente produción videográfica dos centros de ensino galegos. "Pensamos que o festival contribuíu a que se achegase máis xente a este mundo. Non se trata dun evento institucional, non ten ningún interese peculiar detrás. Entón penso que se transmitiu o entusiasmo de quen o facemos. Desde a primeira edición veu moita xente á entrega de premios, e a presenza de xente do mundo profesional tamén funciona para atraer público". Cun xurado composto por Alfonso Zarauza, Lucía C. Pan, Andrés Mahía, Xosé Castro “Pato”, Araceli Gonda, Ángel Amaro, Andrés Goteira, Suso López, Sandra Montes, Miguel de Lira, Sandra Sánchez, Jorge Coira, Carlos Ares, Beli Martínez, Luis Avilés e Giselle Llanio e a presenza de varios dos membros no acto de entrega, que conduciron Sabela Hermida e Federico Pérez, non é de estrañar que haxa centros que organicen excursións para acudir a un evento que contou con 300 asistentes nesta edición.

Os nativos dixitais teñen que aprender
Malia a asegurar que hai proxecto cunha elevada calidade, Moreiras advirte da necesidade de afondar en tarefas de formación para os alumnos. "En xeral gravan sen medo e montan desde pequenos. Pódese pensar que están formados no medio, pero logo decátaste de que non entenden ben as leis de composición, que non valoran os cambios de planos cando son necesarios ou non son conscientes das posibilidades da montaxe". E nestas cuestións non se detecta un maior coñecemento co paso dos anos. "Cada xeración ten que aprender. Damos por feito que xa saben porque nacen vendo tele ou Youtube. Pero non é certo, non dominan a linguaxe. Van gravar directamente sen criterio, e penso que é aí onde deberíamos insistir máis desde o profesorado. Pero para isto cómpre ter máis formación". Onde está clara a evolución nos vídeos escolares é nos avances técnicos. "Se ollas os vídeos da primeira edición había de todo", advirte Moreiras. "Agora cos seus propios móbiles e catro cousas que aprenden dálles para obter unha calidade moito mellor, esa mellora notouse moito".

Xéneros e estilos
Malia á creatividade que os máis novos amosan neste campo, Moreiras advirte que o labor do profesores déixase notar en grande medida nos proxectos que chegan ao Olloboi. "A maioría dos traballos están condicionados polas materias no seo das cales se fan. Hai moitos vídeos sobre acoso escolar, igualdade de dereitos, ciberacoso e, aínda que agora xa non está tan de moda como estivo, tamén os que falan sobre sexo e drogas. Nalgúns casos vese moito a man do profesor para procurar que quede ben". Canda a estes, "hai tamén propostas na que se aprecia unha maior liberdade. Moitas veces son máis imperfectos, pero para min o principal é que eles o fagan todo: idea, produción, gravación e montaxe. Nestes casos as súas ficcións tenden todas ao xénero do terror, hai moitos sustos e zombis. Logo tamén hai moitos dramas". De cara a favorecer a variedade e os contidos traballados, o festival desenvolveu nos últimos anos novas categorías. "Tentamos reforzar estas propostas con premios ao mellor guión orixinal ou cómico, que hai moi pouco. Moitas veces ao condicionar os contidos do vídeo a unha materia o alumnado tende a abordalos desde o drama, pero cómpre que vexan que poden aproveitar para contar cousas doutra maneira".

Referentes foráneos
Os referentes que manexan os alumnos no audiovisual "son polo xeral alleos. E nin sequera filmes moi vellos, filmes de máis de cinco anos xa non os coñecen. Falta moita cultura audiovisual", advirte Moreiras. Na maior parte dos casos, son os profesores os que animan a retratar cuestións máis próximas. "Sobre todo a nivel documental e etnográfico, para recoller costumes e contos". No entanto, os organizadores e Olloboi salientan a dificultade para achegar aos estudantes ao audiovisual galego, o que lles podería fornecer de referentes máis próximos "Non hai un programa para achegar estas producións aos alumnos. Está o traballo de Ignacio Vilar, que leva os seus filmes aos centros a un prezo razoable e os rapaces poden ver por exemplo A esmorga. Pero non coñecen por exemplo a Lois Patiño, por moitos premios que leve".

Aprendo con Olloboi
A responder a esta cuestión, os organizadores quixeron aínda dar un paso a maiores. "Este ano pedimos unha licenza e formación e elaboramos un material para afondar en cuestións específicas da linguaxe audiovisual que vimos que podían ser de axuda".
Naceu así Aprendo con Olloboi, unha proposta didáctica que aborda as diferentes fases de elaboración dun filme a empregar exemplos do audiovisual galego. A aprendizaxe estrutúrase a través de clases que imparten profesionais do sector. "Contactamos con xente do ámbito profesional e a resposta foi sorprendente, quixeron colaborar axiña e coa súa axuda conseguimos un material moito máis proveitoso". Vídeos, documentación, actividades e exercicios procuran que as persoas interesadas desenvolvan unhas nocións básicas para elaborar os seus propios filmes.



Con este material procuraron tamén "difundir o audiovisual que hai en Galicia e achegar unha visión máis poliédrica do mesmo, tentar que se vise que alén do cinema e da televisión máis comercial hai tamén videopoesía, documental, webseries o Novo Cinema Galego. Entón quixemos facer un material que falase destas producións e que reunise homes e mulleres para facer do audiovisual unha ferramenta transformadora.

Evolución
Malia á pegada do proxecto por todo o país, o desenvolvemento de Olloboi non está en absoluto garantido. "Este ano non tivemos financiamento ata última hora, e estivemos por non facer nada. Falamos con asociacións locais e animáronnos moito a seguir adiante. Aínda que o festival é maioritariamente virtual, ese apoio do tecido local foi fundamental. Finalmente organizamos un mapa emocional, que contou co financiamento do Concello de Boiro, no que participaron estas asociacións". Neste proxecto, arredor 150 estudantes de diferentes lugares do país percorreron a vila, entrevistaron veciños e elaboraron os seus propios traballos audiovisuais ao longo dunha mañá. "É como un cine de guerrilla, facer unha peza no propio evento e a involucrar o tecido local, que nos parece un modelo bonito". Propostas anovadoras buscan completar un evento fundamental para achegarnos ao audiovisual que sae das aulas.




Premios do certame Olloboi 2017
Mellor traballo de Primaria: "O cole que queremos", do CEIP do Carballal de Marín

Mellor Interpretación: individual a "Non significa non", do IES de Mugardos; colectiva a "Efecto Bolboreta", do IES Macías o Namorado de Padrón


Mellor Fotografía: "En el Baño", do Centro Galén

Mellor Arte: "Os xeranios do señor Alfonso", do CPI Virxe da Saleta (Cea)

Mellor BSO: "Aínda que sexa un soño", do IES As Barxas

Mellor Guión: exaequo a "A muller Lamprea VI", do IES As Barxas e "Máis che vale non ser ti", do IES A Cachada.

ARIADNA QUERE SER TESEO from EduPlástica- Luz Beloso on Vimeo.



Mellor Montaxe: "Esta son eu", do IES Cacheiras

Olloboi Zamburrioi: "Non, non, non", do CPIP Eusebio L. Baleirón (Dodro)