Houbo un momento no que Galicia semellaba unha potencia no campo da animación. A creba das grandes produtoras que durante case unha década conseguiron unha importante proxección para este sector deixou un panorama desartellado e con escasas oportunidades profesionais. Repasamos, ao abeiro dos recentes premios Goya para Alberto Vázquez, a situación e a evolución da animación galega nos últimos anos.
María Crego presentaba, hai agora algo máis dun ano, a súa tese La animación audiovisual en Galicia, origen, evolución y perspectivas de futuro. Un traballo pioneiro que repasaba todo un sector que desde o seu nacemento pasou xa por épocas moi diferentes. Crego apunta, a resumir a situación actual, que "non existe un sector, nin unha industria sólida, pero aínda así hai moitas persoas que seguen a traballar na animación en Galicia. Pequenas produtoras como Algarabía, OQO Filmes, Ladybug e outras máis que continúan seus proxectos". No mesmo sentido, Alberto Vázquez, flamante gañador de dous Goya neste ámbito pola longametraxe Psiconautas e mais pola curta Decorado, lembra que "cando estivo Dygra e todo iso era un momento no que resultaba máis doado financiar proxectos, antes da crise. Había máis cartos para todo". Na actualidade, "están a facer Memorias dun home en pixama con produción galega, e logo hai algún animador independente que fai cousas na súa casa", explica. A estes proxectos súmase, como non, o seu propio traballo, nun panorama carente de grandes proxectos. Para Vázquez, a crise do sector alcanza a todo o Estado. "Hai que pensar que nos Goya este ano só había tres películas que optasen ao premio de animación" explica. "Isto amosa que o sector non está moi potente. É unha mágoa porque a nivel internacional move un lote de cartos. Hai feiras de compra-venda de dereitos moi potentes, festivais enormes aos que van milleiros de persoas".
A creba
A desaparición das produtoras Dygra e Bren, que ao longo da primeira década deste século competían a nivel internacional con títulos como O bosque animado, O soño dunha noite de San Xoán, O Cid, a lenda, ou P3K: Pinocho 3000, supuxo unha total ruptura no panorama. Para Crego, as dúas firmas "fracasaron pola súa total dependencia do sistema de subvencións públicas. Estas empresas naceron ao amparo dunha serie de medidas proteccionistas que obedecían á decisión, por parte da administración pública, de declarar o sector audiovisual como estratéxico e prioritario, coa súa lei específica de 1999. Dentro do audiovisual, a animación tivo un proteccionismo aínda maior, a partir do bo resultado obtido logo de apostar polos proxecto O bosque animado (2001) de Dygra Films". O filme, considerado un fito a nivel europeo, "foi un punto de inflexión a partir do cal, xa non só en Galicia, senón en toda España, comezou a se investir en proxectos de animación e a crer que era posible xerar unha industria baseada neles".
A desaparición do apoio público
"Entre os anos 2001 e 2008", lembra esta investigadora, "o apoio foi firme e subministráronse grandes cantidades de diñeiro e todo tipo de facilidades para que os produtos xerados puidesen resultan competitivos, e iso traduciuse inmediatamente nunha sucesión de recoñecementos como os premios Goya" de animación, que naquela época repartían sistematicamente as empresas galegas. No entanto, ese recoñecemento non implicou un éxito comercial parello. Na súa tese, Crego sostén que "o éxito na billeteira destes filmes nunca foi abondo como para conseguir unha amortización inmediata, e moi poucos conseguiron realmente xerar beneficios". Deste xeito, ao reducírense os apoios públicos ao abeiro da crise económica, "estas empresas tiveron que fechar". A investigadora matiza que "non quero dicir que as subvencións sexan un erro, todo o contrario. Cómpre que a administración dea todas as facilidades, pero tamén é necesario que o produto final se sosteña por si mesmo e sexa quen de xerar beneficios".
A expectativa
Esa sucesión de galardóns, canda ao interese dos medios por esta industria, creou unha certa expectación social encol das potencialidades deste sector cinematográfico. "Estes premios, sumados ás novas nos medios de comunicación que se facían eco desta sucesión de logros, foi o que acabou por asentar a idea de que a animación era un sector moi sólido en Galicia", explica Crego. No entanto, a realidade non respondía a esta visión. "Era só unha idea que flotaba no ambiente, e o único que deixou foron débedas e unha sensación de fracaso e desencanto". José Chavete, coordinador do mestrado en libro ilustrado e animación audiovisual que se imparte na Facultade de Belas Artes, en Pontevedra, recoñece que "o éxito dalgunhas produtoras conseguiu que moita xente pense que Galicia é un centro de animación a nivel nacional. Pero a realidade é outra: Actualmente as animacións fanse como o resto dos produtos industriais, moi lonxe da nosa terra. Mesmo é difícil saber se unha animación que se di galega é realmente galega", apunta. Á hora de buscar causas para a queda daquel modelo industrial, ten claro que "desde a Xunta houbo subvencións ao cinema, pero aquí fallou a distribución. Existen moreas de material audiovisual que nunca viu a luz".
Exportar talentos
A falta de proxectos industriais no país, a animación é outro dos ámbitos nos que exportamos talentos. "Logo de fechar Dygra e Bren", segundo lembra Crego, "poucos deses profesionais conseguiron ficar a traballar en Galicia sen mudar de campo. A maior parte tivo que marchar a outras comunidades e incluso a outros países". Coincide con ela Chavete, quen sostén que "en Galicia existe un material humano extraordinario. Contamos con persoal ben formado e estamos a exportar animadores ao resto de comunidades, xente descoñecida que achega os seus coñecementos a outros proxectos".
Mudanzas técnicas e de mercado
As mudanzas nas técnicas de traballo, cun peso importante do dixital, modificou en boa medida o xeito de produción dos filmes animados, impoñendo en boa medida métodos industriais. Chavete apunta que "é evidente que o 3D influíu notablemente no mundo da animación, sobre todo pola súa rendibilidade e polo xeito de produción. Fixo que os custes sexan moi baixos, xa que un equipo de persoas reducido pode deseñar unha serie e logo producila en países con man de obra barata. A animación tradicional non pode competir con este tipo de producións. Unha animación stop-motion, por exemplo, é deseñada e realizada polo mesmo equipo que fai a obra final, é un todo difícil de seccionar en partes", explica. Isto ten efectos tamén no mercado, ao provocar unha baixada nos prezos de venda destes produtos. "As televisións pagan moi poucos cartos pola emisión dos filmes, e iso fai moi imposible a subsistencia", asevera o coordinador do mestrado. A isto súmase o peso que está a coller Internet como canle de distribución de contidos deste tipo. "Está a facer unha competencia terrible, e as propias televisións poden desaparecer en breve", asegura. Neste contexto, ao seu ver "as superproducións americanas poden ser rendibles, pola tecnoloxía que teñen ao seu servizo e porque son propietarias das distribuidoras. Nós, en 3D nunca poderemos estar á súa altura, pero en animación tradicional si". No mesmo sentido, Prego ve tamén no ámbito máis artístico unha oportunidade para o noso país. "Un filme cun bo guión pode soportar unha animación que non sexa perfecta. Por moi boa que sexa a técnica, se non hai unha boa historia que a sosteña, todo o traballo se derruba. E iso nótase máis nos filmes que nas curtametraxes. Cómpre testar e ser honestos, cun mesmo e co público".
Eivas
Como eivas xerais no panorama, Alberto Vázquez considera que "temos unhas infraestruturas moi pequenas e moi pobres. Practicamente non hai escolas de animación. A nivel público non existe nada, e no ámbito privado hai algunhas cousas pero en xeral non están ben enfocadas". No ámbito estatal, "as empresas non teñen desgravación fiscal por apostar por investir no cinema, as axudas, por exemplo as da Agadic, son escasas, e no caso das curtametraxes xa son ridículas. Cada ano hai recortes. Moita xente pensa que hai moitas subvencións ao cinema, pero se ves as cifras, en España destínanse entre 30 e 50 millóns de euros, cando Francia inviste 700, Italia 400 ou Alemaña 350. Hai un desprestixio importante da cultura".
Formación
A falar da formación neste ámbito, Chavete apunta fortalezas e debilidades no país. "O alumno de Belas Artes é o idóneo para animación tradicional. A súa formación basease en boa medida no debuxo, a cor e a forma, é quen de crear fondos e personaxes", sinala. "Logo, cunha formación complementaria, pode facer historias e desde logo animación. Para os nosos alumnos, unha animación é unha obra de arte, como un cadro ou unha escultura". No entanto, recoñece, "se falamos do 3D é cando xorden as complicacións. Mesmo saíndo con coñecementos de produción e postprodución audiovisuais, é certo que o alumno de Belas Artes non está formado para traballar a cegas nunha produción de animación. Estudantes da nosa titulación que pasaron por Dygra ou traballaron en Pocoyó din o mesmo, que no seu traballo habitual nestes lugares non coñecen a animación completa. Deseñan cousas que moitas veces non saben en que parte do filme aparecen, e isto é algo que un alumno de Belas Artes leva moi mal".
Aprendizaxe
Como lección a aprender, Prego considera que "deberiamos investir en formación e apostar por proxectos máis arriscados e persoais, non tentar crear produtos para competir con Pixar". Nese sentido apunta exemplos como o do propio Alberto Vázquez."Sabe contar historias e iso é moi importante. Tanto ten que o produto final sexa máis independente ou máis mainstream, o que interesa é que enganche o público". Éxitos como os que acaba de conseguir o debuxante coruñés poden facer del "un artista de referencia no campo da animación. Galicia precisa máis creadores con esa capacidade de crear universos propios e persoais, e produtoras que aposten por eles". Chavete, en relación a este retorno, insiste nas eivas de distribución. "A grande materia pendente na nosa comunidade é non saber distribuír o material audiovisual xerado. Todos sabemos que cómpre que o audiovisual se vexa e que sexa rendible para poder seguir producindo, pero aquí semella que coa simple produción xa se acadou o seu fin". Nese sentido, asegura que "cómpren apoios políticos que saiban vender estes produtos no resto do mundo".