Alberto Vázquez: A coherencia artística

Dous premios Goya consagran o universo creativo deste autor coruñés

Dous premios Goya consagran o universo creativo deste autor coruñés
Foi ao se facer a pasada semana cos premios Goya á mellor longametraxe e á mellor curta de animación que o seu nome saltou á fama. No entanto, o coruñés Alberto Vázquez leva xa moitos anos a traballar no campo da ilustración, a banda deseñada e, máis recentemente, no cinema animado. Desde os seus comezos no mundo dos fanzines, o debuxante galego mantén un estilo recoñecible que agora amosa o seu potencial para chegar ao público desde a pantalla grande.

Non tivo descanso. Logo de recibir o sábado 4 o premio Goya á mellor curta de animación por Decorado, e o da longametraxe por Psiconautas, Alberto Vázquez partiu para Francia. O festival de curtametraxes de Clermont-Ferrand foi a seguinte parada na longa e exitosa xira internacional que están a vivir as dúas producións.


PSICONAUTAS, LOS NIÑOS OLVIDADOS_TRAILER_Castellano from Basque Films on Vimeo.



Estilo propio
Desde que iniciou o seu traballo como autor de banda deseñada nas publicacións autoeditadas do colectivo Polaqia, Alberto Vázquez forxou un estilo inconfundible que mantén a día de hoxe. Sexa no mundo dos fanzines, na ilustración en revistas como El País Semanal e agora no ámbito da animación, os seus personaxes retortos, os animais antropomorfos con feitío de bonecos, o trazo fino de tinta ou os contrastes cromáticos mantéñense como marcas recoñecibles da súa arte. Alén do estilístico, Vázquez mantén un universo creativo que foi quen de trasladar ao longo da súa carreira desde o underground do fanzine Enfermo ata as actuais producións do mundo industrial da animación. De feito, proxectos coma as curtametraxes Birdboy, Judas o esquío católico ou a propia Psiconautas están baseados en bandas deseñadas previas do autor. Para o autor, esa fidelidade responde a unha visión clara do seu traballo. "Eu sempre pensei que o mellor é apostar por ti mesmo como empresa. E que todo o que fagas teña a túa autoría. É unha estratexia. Moitas veces ofertáronme traballos para outra xente, outros equipos ou lugares que podían estar mellor pagados ou eran máis estables dalgún xeito. Pero eu perdía a miña identidade. Sempre o tiven moi claro, e como tiña esa mentalidade, funo mantendo. E ao final conseguín, desde que comecei, vivir do debuxo dunha maneira ou doutra, con temporadas mellores ou peores, pero sempre tendo moi claro que non quería perder a miña identidade".


DECORADO Trailer from UNIKO on Vimeo.




Transición entre medios
O tránsito dun medio a outro, segundo recoñece, non resulta demasiado sinxelo para un autor. "Eu realmente cheguei de casualidade, porque leron a miña BD Psiconautas, fixemos unha curta, despois funme animando e fixen outra e logo ao final apareceu o proxecto do filme, pero isto todo foi nun proceso longo de varios anos, non foi doado entrar neste mundo". Vázquez, no entanto, ve evidentes os contactos entre as diferentes formas de arte ilustrado. "Penso que a todos os debuxantes nos gusta a animación. É outro xeito de contar historias, a empregar o debuxo de xeito narrativo. A banda deseñada dános a opción de narrar dun xeito moi barato, podes facelo ti só. A animación é todo o contrario, trabállase en equipo, é cara, os procesos son moi longos e pasan por moitas fases e por moitas mans. Aí muda a mentalidade de traballo, pero penso que o amor pola animación compartímolos todos os debuxantes". Á hora de adaptar contidos cómpre atender ás especificidades de cada unha das linguaxes. A falar do proxecto Psiconautas, o debuxante advirte que "se colles o cómic tal e como é e o pasas directamente a linguaxe audiovisual, daría para un filme de 35 ou 40 minutos. Hai que pensar na propia narratividade do cinema de animación e procurar un ritmo axeitado". Isto esixiu elaborar un guión máis extenso ata chegar aos 70 e pico minutos que dura o filme. Houbo que ampliar tramas e afondar en personaxes, pero fixémolo a seguir a senda que marcaba o propio libro. Non tivemos que inventar, senón que desenvolvemos máis os personaxes a ter en conta as peculiaridades da narración".

Dimensións
A fidelidade a un rexistro gráfico moi concreto como é o seu explica en boa medida a apostar pola animación bidimensional. Segundo explica, "eu como debuxante emprego moito cadernos, e entendo o debuxo como dúas dimensións. O 3D en animación en realidade non deixa de ser unha representación tridimensional nun contorno de dúas dimensións. Para min é moi difícil pensar en 3D, non teño a preparación necesaria para ter en conta as posicións da cámara, os procesos da imaxe e esas cousas que se fan" nesta técnica. "Gústame pero non é meu mundo, eu penso en 2D" explica. A maiores, "penso que o 3D polo momento envellece bastante mal. Se ves un filme deste tipo de hai 10 ou 15 anos ves como foi mudando a tecnoloxía e detectas píxeles ou polígonos que quedan raro. No entanto, podes ver un filme de animación que ten oitenta anos, ou Bambi, e segue a ter vixencia esa maneira de representación. Ademais, o 2D nunca desapareceu, todas a series televisivas de grande éxito, tanto para adultos como infantís, son en 2D". Do mesmo xeito, a realización de Psiconautas "foi totalmente artesanal, pintando debuxo a debuxo e texturizando debuxo a debuxo. Empregas o ordenador como programa de montaxe, pero o concepto é o mesmo con como se traballaba hai 50 anos". Para isto, a produtora montou un estudio na sede da Fundación Mans no polígono industrial de Pocomaco, na Coruña, onde traballou un equipo de entre 11 ou 15 persoas. "Foi un grupo pequeno. Cando eramos máis, eramos 15, a incluír equipo de arte, produción e animación", recoñece Alberto.

Vindeiros proxectos
Despois do éxito nos Goya, que se suma a recoñecementos anteriores como os que obtivo con Psiconautas en festivais de Canadá, México, Francia, Italia ou Alemaña, ou ao anterior Goya que lle reportara a curta Birdboy, Vázquez continúa carreira no campo da animación. "Estamos xa en fase de financiamento dunha nova película que se chama Unicorn Wars, unha coprodución galego-vasca-francesa. Agora mesmo temos o guión, probas de animación, fondos e imos o vindeiro 3 de marzo ao Cartoon-Movie de Burdeos para buscar financiamento. Estamos moi esperanzados porque o proxecto é un paso adiante moi grande, é moi ambicioso".

Mentres agardamos por este novo filme, os interesados en coñecer de primeira man o traballo de Vázquez, poderán ver Psiconautas nas salas de cinema a partir do vindeiro 24 de febreiro.