Recuperarmos a noite estrelecida

A contaminación luminosa provoca efectos non desexados na natureza e na nosa saúde. E tamén nos priva da beleza do firmamento

A contaminación luminosa provoca efectos non desexados na natureza e na nosa saúde. E tamén nos priva da beleza do firmamento
F. Falchi et al., Light Pollution Atlas, ISTIL
O 2 de abril de 1851 a luz eléctrica alumeou por primeira vez a noite compostelá. O arco voltaico instalado no claustro da Universidade polo profesor Antonio Casares marcaba un fito da historia da ciencia en Galicia e avanzaba un elemento de progreso que nas vindeiras décadas cambiaría por completo a vida cotiá. Cento sesenta e sete anos despois, a luz eléctrica é un elemento de benestar irrenunciable. Pero o mal uso e o abuso da iluminación artificial está detrás dunha serie de problemas en aumento que van desde o incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro ata alteracións no comportamento da fauna e mesmo prexuízos para a saúde humana. E tamén dunha perda patrimonial: a da noite estrelecida que deu nome a unha das obras poéticas de Ramón Cabanillas.


O logro de Antonio Casares sería recollido anos despois nun relato de Armando Cotarelo Valladares no que aseguraba que a noite fora "varrida da Terra". Esta cita inicia o capítulo dedicado á contaminación luminosa de E fixemos a luz!, o segundo libro da Biblioteca de Divulgación da USC, escrito por Salvador Bará, coordinador do Laboratorio de Contaminación Luminosa da mesma institución universitaria. Neste traballo, o físico alerta de como na actualidade todas as noites son varridas en boa parte do planeta por mor dunha produción de luz artificial innecesaria e mesmo prexudicial. E o fenómeno non para de medrar, como demostra a última actualización do Atlas da Contaminación Luminosa: desde a anterior medida, quince anos atrás, o ceo que ve o 83 % da poboación mundial en 2016 está contaminado pola luz artificial.

"Por contaminación luminosa enténdese calquera efecto non desexado que provoque a iluminación artificial: de saúde, de gasto enerxético, de produción de gases de efecto invernadoiro ou de dificultades para a visión humana", resume Salvador Bará. Nos tempos nos que case todo se mide en termos económicos, non está de máis salientar que a iluminación interior e exterior significa o 20 % do gasto público e privado de toda a electricidade que se consome no mundo, parte do cal podería aforrarse cun deseño máis eficiente do alumeado tanto en edificios como nas rúas ou parques. Existen argumentos aínda máis poderosos para optarmos particular e colectivamente por estas medidas: estímase que as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción de electricidade que se precisa para emitir toda esa luz equivalen ao 70 % das xeradas por todos os vehículos lixeiros do mundo. Ou o que é o mesmo, ás emisión totais combinadas de Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.

A iluminación interior e exterior significa o 20 % do gasto da electricidade que se consome no mundo, parte do cal podería aforrarse cun deseño máis eficiente do alumeado


Gastar, e contaminar, menos non significa alumear peor. Máis ben o contrario. Os estudos sobre este asunto estiman que o 30 % desa luz pérdese directamente porque se emite en direccións ou en momentos en que ninguén a vai aproveitar. "Estamos falando, por exemplo, de luz perdida cara arriba, cara ao ceo pensada para iluminar estradas e corredoiras cara abaixo, pero tamén nas casas, nas empresas e nos edificios públicos se emite moita luz que simplemente non se aproveita", ilustra Salvador Bará. Porén, a maior parte da cidadanía, e mesmo dos responsables da iluminación pública, están convencidos de que con máis luz se ve mellor. "Pero non son cousas que necesariamente estean relacionadas. O que se require é unha iluminación ben deseñada e homoxénea. Na maioría das cidades galegas poderiamos reducir varias veces a cantidade de luz que emite o alumeado público e veriamos perfectamente. E falo tamén de homoxeneidade porque un efecto de consecuencias perversas é que o noso sistema visual resume moi ben os contrastes. Isto quere dicir que se temos unha rúa moi iluminada e a do lado aínda o está máis a primeira parece escura, de modo que podes estar iluminando moitísimo e provocando a percepción contraria. De igual xeito, se foramos reducindo de maneira homoxénea o nivel da iluminación, percibiríase que é suficiente. A xente nin se decataría da diferenza, porque o noso sistema visual non ten boa memoria sobre a luz. Poderiamos vivir con moita menos e nin a botariamos de menos".

A pantalla do ordenador do especialista amosa mentres ganduxa argumentos unha das principais cidades de Galicia vista desde a Estación Espacial Internacional, a uns 400 quilómetros de altura, envolta nunha gran capa luminosa que apunta cara ao propio firmamento. "É un comportamento de novos ricos, temos un problema serio de cultura da luz", sentencia. Noutros puntos do planeta, como as principais cidades dos Estados Unidos, a situación é aínda máis dramática. Deste país proceden investigacións que engaden máis razóns a prol dun alumeado máis racional: hai axentes contaminantes que se producen polas reaccións da luz solar con químicos que emitimos á atmosfera. Este fenómeno diminúe polas noites precisamente pola ausencia de luz, pero nas grandes urbes da costa oeste estadounidense comprobouse que eses contaminantes, normalmente compostos do nitróxeno, non caen como deberan cando o Sol se pon por mor da luz artificial.

Hai estudos que apuntan a relación da cronodisrupción coa obesidade e a síndrome metabólica


A alteración artificial dos ciclos luz-escuridade tamén incide negativamente no reloxo interno que regula diferentes fenómenos do noso organismo e, xa que logo, na nosa saúde. "A chamada cronobioloxía é unha rama bastante recente, impulsada nas dúas ou tres últimas décadas. Ultimamente están a xurdir moitísimos estudos que tratan de analizar os posibles efectos da cronodisrupción, a alteración dos ritmos biolóxicos, sobre a saúde humana. Semella que esta alteración é maior debido a este sistema de vida no que temos luz a todas horas e usamos ata tarde a televisión e o ordenador. Hai estudos que apuntan a súa relación coa obesidade e a síndrome metabólica", resume a catedrática de Medicina da USC Ángela Peñalva Maqueda.

Noutros elos da natureza as consecuencias poden ser máis devastadoras. A perda de biodiversidade asociada á contaminación luminosa é crecente, salienta Salvador Bará. "O outro día lía a uns colegas que lembran que a Terra leva xirado 1,5 billóns de veces desde que hai vida. Se rompes o ciclo luz-escuridade, ao que se adaptaron os distintos organismos, como o estamos a romper nos últimos anos, introducimos un factor de disfunción total. Hai familias de especies enteiras que cambiaron ben o comportamento ben a distribución territorial por como iluminamos. O brillo do alumeado público dunha cidade pode verse a máis de cen quilómetros, e ese brillo residual pode influír a esa distancia ou mesmo máis. Pensemos en calquera animal con visión nocturna. Se é unha presa, vai poder ver mellor os depredadores, e se é depredador, vai poder cazar mellor. Pero se hai desequilibrio entre esas capacidades, un sairá gañando".

Familias enteiras de especies cambiaron o comportamento ou a distribución territorial por como iluminamos


A perda do ceo, da noite estrelecida, un patrimonio cultural que acompañou a humanidade dende a súa aparición, é outra consecuencia da contaminación luminosa sobre a que a cidadanía empeza a tomar conciencia. A situación do ceo como elemento da paisaxe do noso contorno cotiá é relativamente preocupante en todo o mundo. Para atoparmos un ceo nocturno normal na nosa realidade xeográfica debemos adentrarnos case no medio do mar. A luz que emiten as nosas cidades fai brillar tanto o ceo que nelas xa non se pode ver a Vía Láctea nin no inverno. Mesmo repercute nas montañas orientais de Galicia, os puntos da nosa comunidade con mellor firmamento. "A boa parte deste fenómeno desde o punto de vista da paisaxe é que é reversible, os fotóns afortunadamente desaparecen rápido. Outra cousa é o que pasa cos efectos ambientais e sobre a saúde a medio ou longo prazo mesmo se reducimos a contaminación luminosa. Probablemente, non todos os efectos se poidan reverter", conclúe Salvador Bará.