O home como destino

Coñecemos ao Home Clástico de Cee a través de Galicia 100

Coñecemos ao Home Clástico de Cee a través de Galicia 100
O home clástico do Dr. Azoux, pertencente á Fundación Fernando Blanco de Lema, de Cee, dá conta do elevado investimento en educación feito polos indianos, na súa crenza de que a educación podería cambiar Galicia, especialmente se esta ía da man da ciencia e do coñecemento.




Dixitalización de Patricia Mañana Borrazás e Alejandro Güimil Fariña.

Coñece máis sobre o Home clástico no texto de Francisco Díaz-Fierros no catálogo de Galicia 100:

O home clástico foi fabricado polo Dr. Louis Thomas Jérôme Auzoux en París e foi vendido pola firma de material científico francesa de Émile Deyrolle. Mide 120 cm de altura e representa un corpo humano, que pode descompoñerse en 2000 pezas. Construído con papel maché coloreado, está montado sobre unha base de tres pés.

Os institutos de ensino medio, desde a súa creación en España en 1845, contaron con material didáctico axeitado para os estudos correspondentes ás materias de ciencias grazas a laboratorios e gabinetes propios. A incorporación da materia de Fisioloxía e Hixiene, desde o plano de 1868, propiciou que entre o material didáctico de apoio aparecesen modelos das diferentes partes do corpo humano e, dentro deles, nas últimas décadas do século, os denominados «homes clásticos», nos que se representaba a totalidade da figura humana coa posibilidade de que se puidesen separar os diferentes órganos e partes dela. Os máis coñecidos foron os fabricados polo Dr. Auzoux (1797-1880). O prezo dun home clástico destas características era de 1160 pesetas en 1870.

Este doutor en medicina francés empezou en 1828 a fabricar reproducións anatómicas mediante un procedemento da súa invención con base no papel maché. A súa técnica e precisión, inigualables naquela altura, fixeron que axiña se popularizase a súa produción, que era demandada por todos os centros de ensino do mundo. Á súa morte, en 1880, deixou unha colección excepcional de pezas de anatomía clástica, humana e animal, internacionalmente recoñecida. En 1980 a súa empresa comezou a fabricar os modelos en resina, e no ano 2000 pechou.

O Colexio de Ensino Medio da Fundación Fernando Blanco de Lema inaugurouse no curso 1884-1885 e poucos anos despois, no curso 1890-1891, instalouse o Gabinete de Ciencias Naturais, aínda que as xestións e a merca do material didáctico se iniciaran anos antes. Constaba de case 4000 exemplares de animais, vexetais e minerais, amais da importante colección de insectos de Macho y Velado, hoxe desaparecida. Posteriormente, completouse coa adquisición en París á firma Eyrolles dun esqueleto e dun home clástico.

Este material didáctico é representativo da vocación pedagóxica que tivo unha boa parte das actividades filantrópicas dos emigrantes galegos ultramarinos. A emigración galega cara a América, que comezou dun xeito xa masivo arredor de 1870, foi de inmediato consciente de que na falta de escolarización estaba un dos factores que deran orixe a esta traxedia. Por iso, en canto puido dispor dun certo desafogo económico empezou un labor altruísta de atención ao pobo emigrado coa posta en marcha de actividades educativas, sanitarias e sociais. Primeiro atendéronse as comunidades emigrantes, pero non se tardou en volver os ollos cara á terra que deixaran e iniciar nela un amplísimo traballo de sementeira cultural que perdurou ata ben entrado o século XX. Dela, quizais unha das actividades que deixaron máis fonda pegada foi a da creación dos centros educativos. Por todas as partes foron agromando as escolas promovidas polas comunidades emigradas e unha boa parte da rexeneración cultural do país púidose sustentar nelas. Por iso, este home clástico da Fundación Fernando Blanco de Cee pode ser un obxecto ben impregnado dese simbolismo pedagóxico que quixeron deixar como a mellor herdanza para seus veciños os galegos do alén mar.