A ollada rural

A pegada do contorno non urbano déixase sentir de xeito cada vez máis explícito no noso audiovisual

A pegada do contorno non urbano déixase sentir de xeito cada vez máis explícito no noso audiovisual
Imaxe de Arraianos de Eloi Enciso
O cinema volta a ollada para o rural. A xa tradicional cita do Festival de Cans no Porriño está a se ver acompañada nos últimos anos por outras propostas que achegan, desde diferentes perspectivas, o audiovisual a este contorno. O Festival Carlos Velo, o LAV de Vedra ou Chanfaina Lab son exemplos dun interese que tamén se reflicte nas producións dos nosos cineastas. Distintos creadores achéganse tamén ao rural e conforman todo un relato, por veces contraditorio, dunha realidade fundamental para definirmos Galicia.

Con antecedentes como Chantada Films, a etiqueta cinema rural está a resoar nos últimos anos da man de cintas como o Festival de Cinema Rural Carlos Velo, o Cinema Palleiriso de Chantada ou o Chanfaina Lab. En Culturagalega.org témonos achegado xa no seu día a varias iniciativas que se centran na relación entre audiovisual e medio rural desde diferentes perspectivas.

Agro e cinema. No ronsel de Cans
O LAV de Vedra
Dez anos do Festival de Cans

Nas producións
Para alén dos eventos, o interese por este ámbito deíxase sentir desde hai anos en múltiples producións, desde clásicos como Sempre Xonxa ou Mamasunción, de Chano Piñeiro, ata filmes recentes como Costa da Morte de Lois Patiño, ou Arraianos de Eloy Enciso, que están acadar importantes recoñecementos internacionais. Historia dunha parroquia, de Marcos Nine, En todas as mans de Diana Toucedo, Avión a aldea ausente de Marcos e María Hervera, Pacios. As fotos da memoria, de Manuel Darriba, Eloxio da distancia de Felipe Vega e Julio Llamazares, ou mesmo Pradolongo e Vilamor de Ignacio Vilar son outros exemplos recentes do interese por este ámbito. Inés Vázquez desde organización do Festival de Cinema Rural Carlos Velo lembrábanos na súa primeira edición, que a tendencia non é exclusiva do noso país. "Vemos que desde España, Galicia e todo o mundo hai moita xente a facer cousas moi interesantes. O rural pode semellar unha realidade esquecida, afastada ou mesmo algo apestada, pero unha grande parte da poboación vive aí. Existen moitas historias que se dan no rural e hai que as contar", explicaba.

Un peso relativo
Manolo González, impulsor do Chanfaina Lab, antigo responsable da Axencia Audiovisual Galega e un referente fundamental neste ámbito, advirte, no entanto que "non é que haxa unha grande cantidade de producións audiovisuais sobre o rural, pero o que si acontece é que teñen máis eco, e de xeito especial fóra do noso país", advirte. "Ao mellor se falamos de 400 curtametraxes que se puideron facer nos últimos vinte anos, poida que só catorce ou quince estean ambientadas no rural, pero sexa pola súa calidade ou polo interese que achega esa mesma perspectiva teñen máis repercusión, habería que ver exactamente as razóns en cada caso". Malia á pouca presenza relativa a nivel de cantidade, para González o rural si posúe un peso importante no noso audiovisual. "Se pos a cámara nun territorio determinado, no plano aparece o que máis nos identifica e é máis específico deste territorio. E no noso caso, alén de espazos como Santiago de Compostela e algúns elementos concretos, o que máis chama a atención é o rural".

Memoria, abandono, e paisaxe
A memoria, o abandono ou a ollada ao pasado predominan como eixe de moitos dos traballos que o noso audiovisual xera arredor do mundo rural galego. Alfonso Pato, director do Festival de Cans lembrábanos o pasado ano que "a maior relación que vexo do audiovisual co rural ultimamente é un cinema máis contemplativo e no que a paisaxe é un elemento moi relevante. Hai varios filmes, a maioría nas liñas de non ficción, que buscan ese camiño. O mellor exemplo para min é Costa da Morte de Lois Patiño, un filme fermoso onde a paisaxe acada a dimensión dun actor protagonista e engole o espectador".

Mudanzas nos ollares
González, pola súa banda recoñece mudanzas na visión que o noso cinema achega sobre este ámbito, e sinala que en moitos casos a propia poboación agraria non se recoñece nas producións que lles chegan. "No último Chanfaina Lab proxectamos unha pequena antoloxía de cinema rural e o público de San Sadurniño que asistiu saíu moi perplexo de ver somo se retrataba este mundo. Estaban sorprendidos e non se sentían reflectidos no que viran". En concreto, este ciclo recollía as curtametraxes O O Carro e o home, de Antonio Román, 1940, Mamasunción (Chano Piñeiro, 1984), O desexo (Miguel Castelo, 1994) As muxicas (Alberto Alonso, 2002), A meiga chuchona (Pablo Millán, 2006), Isolina do Caurel (Chema Gagino, 1997), O matachín (Jorge Coira, 1996) e Taxia (David Robles, 2002). Desde a perspectiva de González, "os filmes dos anos 80 e 90 que tratan este tema teñen unha visión desesperanzada, amosan unha situación de decadencia e extinción, e en moitos casos o leitmotiv da curtas son as aldeas abandonadas. Que realmente estas producións son denuncias para loitar contra iso, pero non fan que os veciños se sintan identificados". Fronte a isto, os habitantes do rural de hoxe "ven que a súa realidade non é así. Parécelles unha visión negativa e triste". A nivel de producións máis recentes, González considera que se está a producir un cambio na maneira na que os nosos cineastas ollan para fóra da cidade. "Hoxe fanse pezas moi diferentes. Propostas como as de Xacio Baño traballan co cinema localizado no mundo rural, onde se amosa ese territorio e as tramas e subtramas son tamén as propias deste mundo. Paréceme que hai unha ollada máis contemporánea e cineastas que dalgún xeito o entenden mellor, mesmo algúns proceden da aldea, e iso inflúe no resultado".

Imaxe negativa
Fóra destas producións, este investigador denuncia a representación televisiva deste mundo, que contribúe a xerar unha imaxe negativa. "A tele só se lembra desta xente cando hai un crime ou un suceso do que se considera a Galicia Profunda, entón adoita asociarse a elemento tradicionalmente negativos". Fronte a isto, sinala "temos un rural vivo e rico, onde hai Internet e se está conectado con todo o mundo. Algunha persoa que veu por aquí rodar, quería que a xente que ía aparecer fose vestida de negro, e eles levaban camisetas con debuxos, como as que se usan normalmente para ir traballar e como as que se ven na cidade. A xente do rural usa Whatsapp e Internet e xa non é a señora cun pano na cabeza", insiste.

Universalidade
Encol do interese que pode espertar a nivel artístico este territorio advirte que, sobre todo nos últimos anos, "nun momento concreto parece que toda a xente buscaba facer filmes universais, e empregaban ambientacións urbanas que non tivesen connotacións e puidesen ser o mesmo Galicia que Moscú. Agora semella que hai cineastas interesados que ven que a idiosincrasia e o propio é o que chama a atención fóra, e que mimetizarnos cos elementos do mundo contemporáneo non nos leva a nada". E cita exemplos de cómo esas visións do particular conectan cun público alleo á nosa realidade. "En 2006, coa Axencia Audiovisual, proxectaramos unha antoloxía de curtas en Berlín, e os alemáns ficaron algo sorprendido polo interese que viran na paisaxe e no rural. Hai tamén moitas pezas do Novo Cinema Galego como Costa da Morte de Lois Patiño ou Arraianos de Eloi Enciso están a chamar a atención fóra, e iso dá a sensación dunha maior presenza do rural no noso cinema". A tendencia continúa.