Un Laboratorio para mesturalos todos

O Chanfaina Lab explora as posibilidades da relación entre rural e cinema

O Chanfaina Lab explora as posibilidades da relación entre rural e cinema
Cun concello con pouco máis de 2.600 habitantes, sen ningún núcleo urbano, "calquera cinema que se faga ten por forza que ser rural", explica Manolo González. Do seu maxín saíu o pasado ano a primeira edición do Chanfaina Lab, un proxecto que convida a cineastas a descubrir San Sadurniño e as súas historias, e que quere explorar as posibilidades que ten a sétima arte feira no agro.

A idea básica é convidar cada ano unha serie de cineastas para que roden durante pouco máis dun día pezas no concello. Para traballar previamente dispoñen do material que iniciativa Fálame de San Sadurniño ten na rede, ademais da axuda de veciños e asociacións e dos contactos e localizacións que eles mesmos poidan procurar nas datas previas ás de rodaxe. Aínda que a proposta orixinal foi de Manolo González, na actualidade é Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura, quen carga coa coodinación do evento. "Somos como un equipo de cociña, e ela é a master chef", sinala González. Íñiguez apunta que a proposta do Chanfaina "pareceunos moi interesante. Desde a aula CeMIT levabamos tempo a traballar o tema de Internet e dos ordenadores coas persoas maiores, e vimos que funcionaba moi ben. Nesa mesma liña desenvolvemos o proxecto Fálame de San Sadurniño e como complemento a iso o Chanfaina pareceunos estupendo". Este web que recolle lembranzas, historias e fotografías de antano revelouse como unha importante fonte de información e de inspiración para os artistas convidados.

Vídeo promocional e filmes gravados no I Chanfaina Lab



Potencial para o lugar
O impulsor do encontro sinala que "o Chanfaina xoga coa idea da liberdade do autor, co territorio como protagonista e coa idea dos veciños a ser retratados por cineastas contemporáneos". Segundo explica González, con esta iniciativa "non queremos establecer o que é o cinema rural galego nin temos nada contra o cinema industrial. Simplemente queremos facer esta chamada, que ten moito de xogo e de creatividade, para contar cousas distintas e amosar que se pode facer cinema sen moitos recursos. Os que asistiron pasárono ben, e a experiencia é algo que se vai incorporar á memoria colectiva para a que quedarán estas pezas". Recoñece no entanto que "San Sadurniño é un concello que podemos dicir que é rural, rural. Son cen quilómetros cadrados con 200 núcleos de poboación, e só hai unha casa que teña tres pisos. Nese sentido, penso que é un bo campo de probas para ver isto do cinema e o rural, porque fagas o que fagas aquí, non pode ser urbano, non existe un núcleo que che permita facer un plano que non sexa do rural". Sabela Íñiguez engade que "para alén de servirnos como promoción turística, ao amosar as localizacións e paisaxes do concello, o contacto dos cineastas coa xente supón tamén un importante labor de empoderamento. O feito de que un director poña a túa historia ou a da túa familia nun filme, e que se proxecte e se vexa en festivais, é importante a nivel de autoestima".

Potencial para os creadores
Pendentes de ver o resultado final das pezas desta xeira, que se proxectarán en xaneiro, Íñiguez apunta que "semella que as historias que van saír van ser moi variadas, non se van parecer entre si", na liña dos resultados da primeira edición. Do mesmo xeito, González, a partir da experiencia do pasado ano e das rodaxes desta, sinala que en xeral, "predomina a variedade, hai pezas moi académicas a nivel de estrutura e posta en escena, que conviven con cousas moi experimentais". Para alén de xerar contidos sobre e para o concello, a primeira edición do Chanfaina Lab deixou tamén varias pezas que se presentaron a festivais. "A nós parécenos xenial que pase isto", asegura González. E semella que o interese dos creadores por aproveitar o potencial desta cita medra, xa que este ano catro dos proxectos se gravaron en formato cinema". Do mesmo xeito, os convidados prepararon máis a experiencia. "Estudaron moito o web, e varios achegáronse en datas previas para buscar localizacións e contactos", sinala Íñiguez. "Houbo moito traballo de campo e chegaron con ideas moi claras sobre que ían facer. Un problema que pode haber é que se traballar contrarreloxo, e entre a inauguración, as proxeccións e o tempo de xantar e cear tes pouco máis dun día".


Os creadores falan da súa experiencia no I Chanfaina Lab

Participación
Como principal novidade, os dous responsables coinciden en sinalar o incremento na participación dos veciños. "Moita xente que participa son labregos, tentamos que colaborasen as asociacións de veciños e todos os colectivos que viven aquí. Fixeron de guías, levaron a xente a diferentes lugares e proporcionaron recursos e persoas. A idea é que isto vaia a maiores e que este evento teña cada vez máis forza para a cohesión social", advirte González. Íñiguez salienta tamén que "o Chanfaina pódese facer grazas á colaboración dos veciños, tanto particulares como asociacións. Achegan os directores ás localizacións, e conseguen a xente que precisan para actuar". Ademais "integrouse máis a persoas que viven aquí. Houbo afeccionados que traballaron en pé de igualdade con profesionais e persoas novas que compartiron esta experiencia con xente de sesenta anos. A idea é ser como a propia Chanfaina, un prato no que hai partes do porco do máis diverso", lembra González. A participación veciñal non se reduce a esa colaboración coas creadores que chegan de visita e semella que pode servir para potenciar os talentos propios. "Pretendemos que ademais de vir cineastas de fóra tamén xurdisen creadores locais. Este ano tivemos xa como cineasta local un dos señores que é usuario da aula CeMIT. Ten máis de sesenta anos e aínda que leva moi pouco tempo a facer vídeos, ten moito interese".

Futuro
Como vindeiros obxectivos, Íñiguez salienta o interese do Concello en manter o formato deste encontro. "O contacto da xente de aquí coa de fóra parécenos algo moi bonito. Queremos tamén engadir unha parte didáctica, que haxa obradoiros de formación en audiovisual, e como un terceiro elemento, pretendemos facer un certame e premiar pezas de cinema rural galego". Sobre o crecente atención que suscita este tema a concelleira de Cultura apunta que "vese ese interese pero penso que aínda está a comezar. O Festival Carlos Velo, por exemplo, ten as mesmas edicións ca nós e logo está Cans, claro, pero xa é algo moi potente. A nós dános moito gusto que haxa iniciativas como estas, en ningún momento nos parece que haxa rivalidade e pensamos que o rural ten aínda moito que contar. Algo que nos gustaría é que se fuxa dese cinema de historias tristes que aínda se asocia ao rural. Hai historias moi bonitas que contar e xente moi interesante, hai que lle dar outra volta".