A lembranza do ollar (II): Proxecto Socheo, A Guarda nun mar de imaxes.

Un arquivo audiovisual online para preservar a memoria colectiva de A Guarda

“Un álbum colectivo feito de xeito horizontal entre todos os guardeses" así describe ao Proxecto Socheo, a súa produtora Beli Martínez. Unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

“Non nos limitamos ao pasado e apostamos por impulsar, dun xeito activo, a inquietude polo audiovisual na nosa zona”, afirman as creadoras de proxectosocheo.wordpress.com

A idea xorde logo do éxito internacional do filme Vikingland, que situou a Beli Martínez e Xurxo Chirro como grandes figuras do novo cinema galego.

“Cando proxectamos en A Guarda Vikingland, a xente achegábase a nós para contarnos que elas tamén tiñan gravacións caseiras e que tiñamos que facer algo con esas imaxes” explica Beli. Ese é o xermolo deste proxecto de salvagarda do patrimonio audiovisual do Baixo Miño, totalmente horizontal e comunitario.

As Videobitácoras recollen as imaxes realizadas polos propios mariñeiros filmando o seu día a día durante as diferentes campañas marítimas que poden durar varios meses. Unha clara referencia á orixe deste proxecto, que como en Vikingland segue a rescatar este material audiovisual do que A Guarda ten unha boa cantidade, xa que os mariñeiros, grazas ás súas viaxes polo mundo tiñan acceso ás novas tecnoloxías moito antes de que estas chegasen e se democratizase o seu emprego no noso país.

“Nos traballamos co que nunha filmoteca común sería considerado detrito audiovisual, material de desfeita” Na web podemos atoparnos dende fragmentos de filmes de todas as épocas nas que a paisaxe de A Guarda enmarca a narración, ata filmes caseiros rodados polas propias veciñas e veciños da vila nas súas actividades cotiás, en Super8 ou VHS, pasando por gravacións actuais realizadas expresamente para o Proxecto Socheo, onde persoas do pobo falan sobre diferentes lembranzas do pasado, centrándose na oralidade dos seus protagonistas.

“Síntome orgulloso de ter aportado unha pequena parte deste patrimonio” cóntanos José Antonio Uris, un antigo boticario da vila, e un dos máis destacados colaboradores con esta iniciativa, á que cedeu moitas dos filmes caseiros que tiña gardados na casa. Imaxes da matanza do porco, a vendima, festas populares... rexistradas polo “toma vistas” do seu irmán.

Esta iniciativa segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que desinteresadamente ceden as súas gravacións, xa que o apoio institucional é practicamente inexistente. Ademais, as imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e edítanse correctamente sen custe algún para os particulares.
Ligazóns