O cancioneiro en dixital

A Fundación Barrié publica na rede o Cancioneiro Popular Galego de Schubarth e Santamarina

Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.

Cinco anos de traballo e máis de 5.000 pezas recollidas e clasificadas, coas súas correspondentes gravacións. O Cancioneiro popular galego que compilou a suíza Dorothé Schubarth marcou un antes e un despois no coñecemento da nosa tradición musical coa súa publicación en 1978. “É unha referencia. Non hai nada mellor nin o haberá”, así de categórico se amosa Pablo Carpintero, autor doutra obra de referencia da nosa música como é a monumental Os instrumentos musicais na tradición galega. Segundo el “é unha ferramenta que aumenta o seu valor cos anos, porque a xente vai morrendo e pérdese a posibilidade de facer traballo de campo”. De xeito semellante, Benxa Otero, membro de Linho do Cuco e profesor da Central Folque, sinala que “para min resulta un traballo básico”.

Versión web
O proxecto ve agora a luz nunha versión electrónica da man, como na edición física, da Fundación Barrié. Un web específico permite acceder ás letras, partituras e mesmo aos audios que acompañaban, orixinalmente en casete, á primeira edición da obra, difícil de atopar desde hai anos. Un total de sete volumes (o último dedicado exclusivamente a índices e táboas sinópticas) que se organizan nos epígrafes Oficios e Labores, Festas Anuais, Romances Tradicionais, Romances Novos, Cantos Narrativos, Sucesos, Coplas Locais e Cantos Dialogados e mais Coplas Diversas, Cantos Enumerativos e Estróficos.

A popularidade
Encol de se a obra conseguiu calar entre os músicos que desde a súa publicación veñen traballando os sons de Raíz, os músicos coinciden. “É complicado de empregar porque hai que o saber ler e empregar. Non vale só con saber solfexo, cómpre que lendo a partitura xa soe en ti a peza para poder escoller, se non tes que aprender varias e sobre estas escoller. E hai pouca xente que teña esa habilidade para ler así as partituras, iso esixe moitos anos de práctica”, explica Carpintero. Segundo explica Alonso Caxade, de Peldenoz entre outras formacións, a obra “non conseguiu facerse popular. O método tan académico que emprega Schubarth non é moi coñecido entre os músicos tradicionais ou folk. As pezas non teñen un compás asociado, tes que ver a marca de metrónomo e mirar na zona correspondente como son os ritmos”.

Máis dificultades
Segundo explica Carpintero, “unha peculiaridade que dificulta achegarse á obra é que Dorothé non era galega e organizou as pezas en categorías que non se corresponden coas nosas. Entón hai muiñeiras clasificadas como outras cousas, ou cantos narrativos que para nós son jotas. Son cousas que se detectan sendo galego ou estando aquí moitos anos, é normal que alguén que viña de fóra o fixese coa súa visión. Pero isto fai que á xente lle fose máis difícil achegarse”. Do mesmo xeito, Otero apunta que “é difícil entrarlle, resulta pouco agradable ou cómodo, e isto bota para atrás a moita xente. Pero cando te afás, atopas un material marabilloso e pouco coñecido”.

As outras fontes
Esa certa dificultade fai que haxa quen prefira recorrer ás súas propias gravacións de campo para procurar repertorio. “Resulta máis rápido, escóitalas e xa sabes como soan as pezas”. Coincide Otero con esta apreciación que ten o Cancioneiro entre os músicos galegos. “Coñécese pero trabállase pouco. Por unha banda ten unha certa dificultade que non presentan outros como o de Casto Sampedro ou o de Bal y Gay. Cómpre revisar como se fan as transcricións e a clasificación, e isto bota para atrás a moita xente”. Coincide nesta perspectiva Fernando Abreu, membro do grupo 2us. “Desde o meu punto de vista é a colleita mellor feita a nivel musical. Hai outras obras, como a de Casto Sampedro que presenta moitas inexactitudes nese sentido. Schubarth tiña unha formación impresionante e empregou un método de transcrición moi preciso pero que obriga a entender como o fixo para interpretar as pezas”. En xeral “a maior parte dos grupos folk buscaron referencia sempre nos cancioneiros. Aínda que nos últimos anos foi imperando máis a recollida e xa se parte de fontes máis recentes”.

En defensa
Fronte a estas aparentes dificultades, no entanto, non faltan músicos que defenden as posibilidades desta obra. “Aínda que o de non ter compás bota para atrás algunha xente, a min paréceme que outorga moita máis liberdade á hora de abordar as pezas. Un músico de jazz, por exemplo pode facer o que queira con iso”. De xeito semellante Rodrigo Romanía apunta que “a min paréceme un traballo accesible. Require certa preparación pero tampouco é excesivamente inintelixible. O problema ata o de agora era conseguir os libros”.

A pegada
Malia a dificultade que supuña o manexo do volumen orixinal, a obra deixou a súa pegada na nosa música. “Todo o movemento da música folk galega serviuse moito dos materiais compilados por Schubarth” apunta Romaní. “Na discografía de Milladoiro hai moitas cousas que proceden do Cancioneiro”. Carpintero sinala que “está en moitos discos, a xente que temos grupos de música usámolo. No último disco dos Carapaus, no Kikirikí ou en Pelo gato 24 pódense atopar moitos temas tirados do Cancioneiro”, lembra Carpinteiro. “Eu téñoo usado, por exemplo, para completar as coplas que che di unha persoa á que non se lle entende moi ben. E logo saquei 10 ou 15 veces coplas para o grupo”. Para alén da pegada directa nos repertorios de grupos galegos, o Cancioneiro marcou o xeito de investigar a nosa tradición musical. “Supuxo unha primeira achega a un xeito Europeo e científico de facer as cousas, afastado dos folclorismos. Aí abriu un camiño e deixa ver a súa pegada”, lembra Otero. Caxade, pola contra, sinala que “está pouco valorado, a súa presenza nos repertorios dos grupos é case anectdótica. É un traballo impresionante e penso que o mellor xeito en que o podíamos agradecer era facendo uso del”.

Por explorar
Dentro da relativa influencia que tivo o volume no noso panorama musical, existen apartados da obra que foron pouco explotados nese sentido. “Hai cousas que valen pouco para escenarios. Por exemplo os cantares de cegos, os romances ou os reis non sen axeitados para un grupo que busca algo dinámico”. De xeito semellante, Otero apunta que “aínda que a nivel musical os romances non están demasiado explotados, si que se teñen desenvolvido traballos a partir deles, todo o material que hai de Florencio, o Cego dos Villares é marabilloso, tanto polo complexo das pezas como pola calidade das transcricións”.

A nova versión
Á hora de analizar o novo formato da obra, Carpintero sinala que “para o manexar hai que coñece o cancioneiro de papel. Permite consultar os audios pero hai que os ir pasando secuencialmente, non permite buscar un específico. Entón sabendo onde está no cancioneiro un tema concreto, podes ir á sección concreta e pasar ata atopalo, pero se non é complicado, facía falla algún texto que explicase como funciona. Logo estaría ben que houbese un mapa no que se estivesen localizados todos os ítens”.

Futuro prometedor
De cara ao futuro, a obra amosa a súa vixencia. Malia aos seus comentario sobre no novo formato, Carpintero recoñece que “o traballo é impresionante, gustoume moito poder escoitar esas gravacións” e sinala que “ao polo na rede sen dúbida vaise aproveitar moito máis”. Pola súsa banda, Romaní apunta, “na E-Trad de Vigo traballamos moito con el, os volumes son un pouco como os libros de texto”. Isto garante unhas novas xeracións de músicos que estarán familiarizados coa obra e co seu emprego, ao tempo que apunta as posibilidades que as escolas de música tradicional abren para o futuro do noso legado sonoro. Otero, pola súa banda, sinala que “hai moita xente que está a traballar en cuestións coma a análise de melodías a seguir esa senda”, lembra Otero, sinalando que “na actualidade está a se incidir nunha concepción máis etnomusicolóxica do traballo, e esa vía comezou co Cancioneiro”. Por se fose pouco, Caxade mesmo está nominado aos Premios Opinión de música folk deste ano “precisamente polos arranxos sobre temas do Cancioneiro”. Tamén o grupo no que participa, Peldenoz, opta a un destes galardóns por un disco, Jazz&Trad, no que a práctica totalidade dos temas están tirados da obra en cuestión. O Cancioneiro segue vivo.