É para rir: de Castelao aos Tonechos

Unha investigación analiza as particularidades do humor galego

Unha investigación analiza as particularidades do humor galego
Moito se ten falado sobre a importancia do humor como elemento definitorio da identidade galega. Desde Castelao a Piñeiro, pasando por Celestino Fernández de la Vega, Paz Andrade ou Siro López, diferentes pensadores analizaron o xeito no que nos rimos os galegos. Agora, Félix Caballero presenta unha obra na que recolle e analiza as opinións ao respecto.


Edicións Morgante presentaba o pasado mes de decembro O humor galego alén da retranca, un traballo no que Félix Caballero analiza o xeito que temos de nos rir e repasa as visións que sobre este fenómeno ten dado a cultura do país. No seu traballo atopamos desde análises xa clásicas sobre o humor galego ata comentarios sobre series televisivas actuais e o xeito no que o noso xeito de entender o sorriso se adaptou aos novos tempos. Na obra, a seguir autores como Baldomero Cores ou Paz Andrade que xa teñen tratado a cuestión no noso país, Caballero distingue “catro xéneros ou formas de humor. Está a retranca, que penso que é unha manifestación puramente defensiva onde se actúa con moito disimulo para dicir o que un quere sen que pareza mal, mais sen intención de burla”. Tamén ten este carácter o trasacordo, caracterizado por se desdicir do dito ou mudar de opinión. Fronte a isto, “a sorna é un xeito indirecto de loita, ten unha intención de atacar”. A rexouba, pola súa banda, “ é un tipo de humor claramente expansivo, mesmo ofensivo no mellor sentido da palabra, xoga coa burla e a exaltación”.

Presenza constante na produción cultural
O interese por analizar este fenómeno non é orixinal de Caballero, quen recoñece que o seu traballo supón unha compilación e unha análise de diferentes achegas que sobre esta materia que xa se teñen feito no país. “Non achega novidades teóricas, o que fixen foi compilar e ordenar o que se ten dito, pretendía facer unha especie de introdución”, sinala. Con O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega como obra de referencia ineludible para quen queira reflexionar sobre o tema, son varios os autores que no país abordaron esta cuestión. Malia ao interese que existiu e existe no noso país, Caballero recoñece que non foi sinxelo compilar a extensa bibliografía que manexou para o seu traballo. “A maior parte son artigos en revistas e referencias dentro de libros que non tratan especificamente a cuestión. De feito penso que o único traballo específico é o de Celestino Fernández de la Vega, que xurdiu como unha encarga para este investigador da man de Piñeiro e dos responsables de Galaxia”, lembra. “Castelao, Piñeiro, Rof Carballo ou máis recentemente Siro, que ten escrito moito, trataron o tema”.

Creación multidisciplinar
Canda aos estudos non faltou tampouco unha importante creación artística de carácter humorístico. “Está por exemplo o humor gráfico, que ten unha tradición importantísima no noso país”, e que Caballero analiza na outra obra que acaba de publicar, “ou en literatura, onde se verifica que todos os grandes humoristas de España teñen sido galegos”. Valle-Inclán, Fernández Flórez, Julio Camba, Cunqueiro, Torrente Ballester ou Cela son parte dunha extensa lista xa apuntada por Siro López ou Fernández Flórez, e á que se poden engadir aínda moitos escritores da nosa literatura. “Rosalía de Castro, Ánxel Fole, Celso Emilio, Carlos Casares ou Manuel Rivas” son algúns dos que recolle no seu traballo.

Importancia
Con semellantes antecedentes non é de estrañar que o autor afirme que ”o humor ten unha grande importancia na cultura galega. Ramón Piñeiro saliéntao como unha calidade distintiva do espírito galego, e realmente eu penso que é certo. Desde logo resulta un humor claramente diferente do madrileño ou do andaluz”. Encol desa especificidade hai, no entanto debate. “John Rutherford, por exemplo sostén que o galego é o humor propio dos pobos periféricos, responde a un modelo de resistencia fronte a unha cultura hexemónica, neste caso a castelá. Hai semellanzas, por exemplo, co caso irlandés”. Segundo a análise deste autor “en xeral coinciden en sinalar que é moi importante o humorismo na forma de ser dos galegos, e tamén moitos sinalan a semellanza con casos como o de Irlanda”. Disenten, no entanto, algúns humoristas como Pepe Carreiro, “insiste moito en que el non é nada esencialista ao respecto, e non pensa que os galegos reaccionen ao humor de xeito diferente a outros pobos”. Como características que lle poden apor ao humor galego, Caballero apunta, a citar a Siro López “a retranca, o realismo e a melancolía”.

Mudanzas
En calquera caso, como outras particularidades, tamén o noso sentido humor pode estar ameazado polas mudanzas na nosa sociedade. “Xaquín Marín, por exemplo é bastante pesimista neste sentido. Pola miña banda, véxoo moi vivo, aínda que é certo que a globalización e a urbanización mudaron moito Galicia, que cada vez é menos rural. Pero eu penso que se segue a notar a retranca e a sorna que saen espontaneamente na conversa dos paisanos”. Encol dos novos formatos que vai adoptando o humor, para este investigador a moda dos monólogos, por exemplo, amosa o potencial do carácter galego nese campo. “É curioso que, logo da explosión inicial, a nivel estatal moitos dos que quedan son galegos. Rober Bodegas ou mesmo Luís Piedrahita amosan nas súas actuacións moitas características do noso humor e amósanllo a toda España”. Canda a isto, e da man de creadores actuais como Antón Reixa, Quico Cadaval ou Cándido Pazó aborda o lugar do humor nos nosos días e o xeito no que se integra nos espectáculos ou na televisión. Precisamente outra cuestión eu tamén aborda é o enorme éxito que no noso país acadaron dúos como Os Tonechos ou Nucha e Mucha, e a polémica sobre o seu carácter de homenaxe ou de parodia da cultura popular. “Están no libro porque acadaron un éxito innegable, e para min a razón está en que conectan co cidadán medio, ou cando menos cunha parte da sociedade que segue a ser numericamente importante en Galicia, que se recoñece nestes personaxes ou ven neles veciños ou avós. Eu penso que se caricaturiza unha serie de tipos sociais pero non vexo un menosprezo”.

Máis traballos
O interese do autor por este suxeito pode estar relacionado co feito de non ser orixinario de Galicia, o que se suma ao seu gusto polo humor gráfico. Precisamente esta variedade da creación cómica é o eixe do outro libro que acaba de publicar, O humor en cadriños recolle entrevistas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro nas que estes autores reflexionan sobre o seu traballo e amosan unha selección dos mesmos. “O grande ausente é Quesada, non puiden falar con el. Quixen facer un libro de conversas porque escolmas das obras hai moitas, pero non é sinxelo atopar un no que os creadores poidan dar as súas opinións e reflexionar sobre o oficio e as súas traxectorias”. Ademais, Caballero está a traballar nunha tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre Xaquín Marín, polo que é de agardar que vexamos novas reflexións sobre o xeito en que nos rimos os galegos. Mentres, os interesados en afondar no tema teñen reeditado, da man de Galaxia O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega.