Os tempos do Carrabouxo

O popular personaxe cumpre 30 anos feito unha auténtica icona cultural

Cadriño do Carrabouxo publicado o 10 de novembro de 2012
Cadriño do Carrabouxo publicado o 10 de novembro de 2012
En novembro de 1982 as páxinas do xornal La Región acollían o primeiro cadriño de O Carrabouxo. O seu autor, Xosé Lois, comezaba entón un camiño singular no humor gráfico galego que daría nun dos personaxes máis populares e iconográficos do país, especialmente en Ourense. Agora, a Agrupación Cultural Auriense acaba de galardoar o debuxante co I Premio Brais Pinto aos Bos e Xenerosos.

“Lembro perfectamente o día no que chegou Xosé Lois para falar con Xaquín Marín e comigo para nos dicir que tiña a oportunidade de publicar en La Región, ilusionado e preocupado polo rato e sen saber canto tiña que cobrar”, lembra Siro López, un dos nomes fundamentais do humor gráfico galego. Segundo lembra Marín, “Daquela publicaba Sabeliña en A Nosa Terra e preguntábamos cómo había facer” para desenvolver unha historia diaria. Aquel galego “algo estraño e sui generis, cunha boina que lle tapa os ollos de xeito que non ve nada arredor aínda que logo semella que o ve todo”, segundo o define o propio Xosé Lois, “comezou como un experimento máis, non pensei que botase máis do que unha temporada no xornal”. Desde aquel día pasaron 30 anos de publicación de cadriños e o personaxe transformouse dun debuxo a toda unha icona popular. “Foi un dos grandes acertos do autor e en xeral do humor galego”, lembra Siro.

Fito popular
Tamén Henrique Torreiro, organizador durante anos da Bienal da Caricatura de Ourense, sinala que “a nivel galego é sen dúbida un dos fitos humorísticos do país. E no ámbito ourensán é unha auténtica institución. Desde o comezo había xente que coleccionaba os cadriños ou bares que ían pegándoos nas paredes. Considérase un ourensán máis. O personaxe mesmo chegou a eclipsar ao autor, e hoxe “moita xente coñece a Xosé Lois como O Carrabouxo”, lembra Torreiro.

A aceptación pode comprobarse nos produtos derivados que se teñen feito do Carrabouxo, e que acadan xa sete volumes compilatorios e 26 capítulos dun minuto nunha serie de animación que desenvolveu Lhosca Arias no ano 2000. A isto débese sumar toda unha colección de carteis ou ilustracións como as que o autor realizou para o libro Os dados do reloxeiro de Xurxo Mariño. E non se pode esquecer toda a mercadotecnia pirata que aproveitou a imaxe deste peculiar suxeito. Segundo lembra Henrique Torreiro, “Está tan arraigado que existe a consciencia social de que o personaxe é propiedade colectiva. Había xente que vendía colgadoiros coa serigrafía dun cadriño do personaxe, ou mesmo un quiosco puxo o nome de Carrabouxo e ilustrouno cun debuxo de Xosé Lois, sen o avisar”.

As claves do éxito
Encol das razóns que explican ese éxito, non é sinxelo dicir algo. O propio autor recoñece que “non o sei. Supoño que o personaxe establece unha complicidade intelectual coa xente, fai un humor moi próximo, moi de aquí”. Xosé Lois sempre sinalou que non existen referentes reais para a súa creación. “Ninguén pode ser como el. Si que puido haber múltiples persoas que ao mellor coñecín na infancia e que tiñan un estilo retranqueiro e un xeito de ser aparentemente pasota e deselixado”. Malia a isto, son moitas as persoas que teiman en ver o Carrabouxo en veciños e coñecidos. “Teño unha colección de fotos que me envía a xente cos seus Carrabouxos, con persoas que lles lembran o personaxe física ou intelectualmente”.
Segundo sinala Torreiro “son viñetas moi apegadas á actualidade, con xogos de palabras que todo o mundo entende no contexto do día. Claro que iso dificulta tamén a comprensión logo do tempo”. Siro, pola súa banda apunta que “é un personaxe simpático que trata a actualidade, pero ademais faino dun xeito absolutamente galego que se entende perfectamente no ámbito do xornal”. Para Marín, “o truco é que se trata dun personaxe real, unha persoa que vive no medio da xente e pensa como ela, cunha retranca esaxerada, que é bo que a teña”.

Recoñecemento público
Unha das peculiaridades do Carrabouxo é esa aceptación institucional que obtivo. Para alén da estatua de César Lombera que o representa, e que está desde 2002 nunha rúa de Ourense, organismos como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia teñen publicado escolmas de cadriños e participado en homenaxes a un personaxe que se caracteriza por unha posición contestataria, e que mesmo lle valeu ao seu autor a Medalla Castelao en 2008. “Ten unha grande carga ideolóxica” explica Xosé Lois, “pero penso que mesmo os que non comulgan coa miña ideoloxía debenmo perdoar, aínda que ás veces tamén se cabrean cando me meto con eles. Debe ser unha mara cultural propia do país, senón non mo explico”. “O seu humor non é precisamente agradable para o poder público, é bastante crítico, pero está claro que unha potencia popular tan grande que mesmo desde institucións que son criticadas por estes cadriños dánselle honores”, sinala Torreiro. “Aínda que as institucións galegas nunca valoraron axeitadamente a importancia do humor gráfico en Galicia, que ten unha grande tradición, si que de cando en vez semellaba que alguén se lembraba e algúns debuxantes si fomos recoñecidos con medallas ou premios. En todo caso, o Carrabouxo é un caso excepcional. A figura do seu personaxe no medio de Ourense é case como Torre de Hércules para os coruñeses”. “As altas esferas terán algo de retranca tamén”, conclúe Xaquín Marín.

O personaxe e o xornal
Resulta curioso o contraste ideolóxico entre a crítica do Carrabouxo e o carácter conservador de La Región, pero desde logo, semella que funciona. “Boa parte dos lectores é o primeiro que buscan cando abren o xornal, e sospeito que boa parte das vendas que ten veñen de aí”, lembra Torreiro. Tamén Siro comenta que “foi un acerto tremendo para o xornal”. No entanto, Xosé Lois recoñece que se teñen dado diferenzas. “Hai como 14 cadriños que non se chegaron a publicar, normalmente por falta de conexión coa dirección do xornal, ás veces por cuestión económicas, porque me metía cun banco que lle acabada de dar un crédito ao xornal. Eu nin sequera lle chamo censura, é unha liña editorial. Todos os medios limitan a expresión dos seus colaboradores. En xeral teño unha relación admirable con La Región, mesmo tendo unha liña ideolóxica diferente eu téñome expresado a tope, teño chegado a límites insospeitados. A verdade é que ultimamente non tiven problema ningún”.

Novidades
O tempo non pasou en balde, e aínda que a tarefa de debuxar os cadriños continúa a ser totalmente artesanal, Xosé Lois está a aproveitar as novas tecnoloxías. Desde 2011 un blog recolle diariamente os debuxos do Carrabouxo, que tamén se publican no Facebook logo de saír no xornal. “En breve lanzaremos unha nova versión do web no que se poderán ler debuxos históricos, clasificados en temas como o agro, a muller, a loita obreira a emigración ou ás festas”. Canda a iso, “o único que mudou é que emprego o Photoshop para escanear e mandar os debuxos ao xornal en vez de usar o fax”. Co tempo mudou tamén algo o propio personaxe. “Fisicamente mudou moito. Estilizouse, antes era máis repoludo. E logo tamén mudou algo o xeito de facer os chistes, agora é mais actual, emprega unha linguaxe máis moderna, mantendo sempre o galego. Evoluciona segundo vai mudando a cultura, e penso que tamén por iso lle gusta á xente”.

Os trinta anos
Precisamente os cadriños do Carrabouxo que ficaron inéditos por diferenzas co xornal poden verse desde o pasado sábado nunha exposición que organiza a Asociación Cultural Auriense dentro dos actos cos que conmemora estes trinta anos e que comprender outro material inédito deste personaxe. O vindeiro día 15, un roteiro unirá as estatuas de Otero Pedrayo e do Carrabouxo polas rúas de Ourense. Estes actos súmanse ao magosto conmemorativo que se celebrou o pasado Día de San Martiño. Por se fose pouco, a Auriense acaba de lle concecer a Xosé Lois do I Premio Brais Pinto aos Bos e Xenerosos, a recoñecer "traxectoria vital na que a defensa do noso idioma, o noso xeito de vida e a liberación social e nacional da Galiza". Unha cea, tamén o vindeiro día 15 acollerá o acto de entrega. E de certo non han ser os últimos que teñan a este peculiar personaxe como protagonista. "Ha de durar, cando menos porque hai unha estatua en bronce que o representa", bromea Xosé Lois.

Galería: Carrabouxos

Galería: Carrabouxos

O Carrabouxo. 18 de Novembro de 2011. Xosé Lois.

Carrabouxo. 20 de decembro de 2011. Xosé Lois.

Carrabouxo. 20 de decembro de 2011. Xosé Lois.

Carrabouxo. 27 de outubro de 2012. Xosé Lois.

Carrabouxo. 27 de outubro de 2012. Xosé Lois.

Carrabouxo. 30 de decembro de 2011. Xosé Lois.

Carrabouxo. 30 de decembro de 2011. Xosé Lois.

Carrabouxo. 25 de maio de 2012. Xosé Lois.

Carrabouxo. 25 de maio de 2012. Xosé Lois.

Carrabouxo. 29 de abril de 2011

Carrabouxo. 29 de abril de 2011

Galería do Carrabouxo nos nosos arquivos.
Os dados do reloxeiro no web do Consello da Cultura.