Da verbena á billarda

Os xogos populares comezan a se incorporar ás festas veraniegas

A recuperación de xogos tradicionais está a conquistar novos ámbitos do verán. Nestas datas, non son poucas as celebracións que inclúen no seu programa un recanto para entretementos relacionados, con máis ou menos fundamento, coa tradición e mais coa vida no agro. Esta mesma semana a Festa dos Xogos Tradicionais de Melide ou as Olimpiadas Rurais en Chantada amosan as posibilidade de aproveitar este legado para animar as festas patronais.

Alén da orquestra, dos concertos, das feiras medievais e dos máis habituais entretementos das festas de verán, os xogos tradicionais están a reivindicar o seu espazo nos programas para estes meses. Hoxe mesmo e mañá, Melide acolle por terceiro ano a súa Festa dos Xogos Tradicionais, un encontro que recupera para o entretemento os máis diversos espazos da vila e que, da man da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional consegue interesar a un bo feixe de xente de diferentes idades.

O atractivo da tradición
“Temos moito ambiente, a verdade. A iniciativa naceu para recuperar o patrimonio lúdico, e para isto temos que recuperar tamén os espazos de xogo. E no casco histórico de Melide xogábase en cada espazo”, explica Paco Veiga, un dos organizadores do evento. Malia a que pode semellar que entretementos coma a billarda, a mariola ou a ra poden ter pouco atractivo, a realidade é que en xeral moita xente se achega e participa. “Quizais os xogos máis espectaculares, coma os zancos ou o aro chaman máis a atención do público, pero eu agora mesmo teño diante uns nenos xogando a mariola a pleno rendemento”, explica Veiga.

Innovación
A experiencia de Melide non é a única deste tipo que atopamos neste mesmo mes. Temos por exemplo os diferentes descensos de carrilanas, que van desde aqueles que se centran en buscar os máis estrafalarios medios para percorrer o camiño ata aqueloutros que están inscritos na Federación de Deportes de Inercia e contan cunha estrutura semellante aos rallies. “En xeral en todo o contorno europeo está a se dar un proceso de recuperación do patrimonio lúdico”, lembra Veiga, “cada vez é mais frecuente ver xente practicando xogos tradicionais”. Como ollamos no caso das carrilanas, hai casos nos que a popularidade do deporte vai parella dunha certa reinvención do mesmo.

Olimpiadas rurais e campionatos de chave
É en certo xeito a proposta que fan en Chantada coas súas Olimpiadas Rurais, que se celebran por segunda vez este ano. No canto de xogar á chave, a organización deste evento asposta por orixinais competicións artelladas arredor do mundo do agro, aínda que nen sempre vencelladas á tradición. Deste xeito, atopamos probas coma a carreira de rolos de herba, lanzamento de alpacas ou carrexo de uvas entre outros. Para Veiga, “os camiños para a recuperación dos xogos tradicionais son moitos e moi variados. Entre eles, non hai dúbida que teñen as súas posibilidades a deportivización ou a espectacularización, como é o caso dos deportes de inercia ou das Olimpiadas Rurais”. Unha proposta semellante é a que fan en Vilantime, Arzúa, coa festa de San Queremos. Sen darlle tanto protagonismo, a presenza destes entretementos non falta noutras citas festivas como son as mesmas Festas do Apóstolo en Compostela, que acollen anualmente un recoñecido campionato de chave. Esta mesma fin de Semana a Illa de Ons celebra a súa propia festa na que non falta o o seu propio campionato deste deporte.

Proceso demorado
Desde a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional “malia a que nos parecen moi interesantes todas estas iniciativas, preferimos apostar por iniciativas máis sosegadas no tempo, que poden ter resultados menos espectaculares pero buscan un impacto a máis longo prazo. Iso non quita para que, por exemplo, teñamos hoxe mesmo un campionato de tirapedras, que é competitivo”. De cara ao futuro, no colectivo teñen clara a necesidade de seguir o traballo de recuperación. “se queremos seguir tendo país temos que recobrar os xogos tradicionais, naceron atendendo a unhas circunstancias e un xeito de vida e de comprender o mundo, e de xeito inconsciente transmíteno. Ante a polémica actual, nós temos claro que se un neno xoga en galego vai falar en galego”, conclúe.