A experiencia de mesturar sons

Os protagonistas de Descarga ao vivo explícannos este proxecto de mestizaxe musical

Ameaza con ser un dos fenómenos musicais deste verán. Os tres concertos do proxecto Descarga ao vivo achegan ao noso país, da man da Central Folque unha experiencia única de fusión entre música galega e cubana. O evento reúne unha quincena de músicos que interpretan alboradas, danzón, rumbas ou pezas clásicas do repertorio galego en versións inéditas ata o momento.

O espectáculo poderá verse este mes de xullo. En concreto será o día 23 na Coruña (Teatro Rosalía), o 25 en Compostela (Campus Sur) e o 30 Vigo (Teatro Caixanova). Esta é a segunda entrega en vivo da iniciativa, que se estreou no Teatro Mella da Habana en febreiro de 2008, no marco da Feira Internacional do Libro da Habana.


Segundo explica Pedro Pascual, director musical, con Marcos Teira, da banda galega do proxecto, “a proposta naceu da investigación que desenvolveu Ramom Pinheiro na Habana sobre a música que levara a emigración galega a Cuba”. A partir do repertorio rescatado naquela investigación, o propio Pinheiro “contactou cunha serie de músicos para darlle nova vida a aquel material. Contactou cos músicos que dábamos clases no que daquela era o Conservatorio Folque de Lalín, canda a outros músicos galegos”. Falamos de nomes coma Quim Farinha, Xabier Díaz, Óscar Fernández ou Pedro Pascual entre outros.



Da outra banda, o Instituto Superior de Arte cubano actuou coma interlocutor e achegou o traballo de Alejandro Vargas, terceiro director musical do proxecto, Raciel Jiménez ou Edgar Martines Ochoa entre outros recoñecidos intérpretes e compositores. As actuacións galegas gravaranse con vistas a editar, de cara ao outono, un disco que recompile os resultados deste proxecto.