Dez anos de tolemia

Segundo Grandío repasa para nós a primeira década do estudio de gravación Casa de Tolos

O estudio Casa de Tolos, unha das referencias no campo da gravación musical en Galicia, está a facer estes días dez anos. Unha década que deu para arredor de 300 gravacións de todo tipo e que nos permite reflexionar, de man de Segundo Grandío, responsable do proxecto, sobre o traballo de rexistrar sons.

“Empezamos co estudio simplemente por tratar de conseguir un soño que era ter un lugar onde poder rexistrar a música con boa calidade, algo que hai dez anos era moi difícil”, lembra Grandío. “Comecei facendo eu só todos os traballos, desde a gravación ata a promoción e a facturación. Logo fomos medrando e hoxe somos oito persoas e abarcamos máis campos”, explica Grandío. Ao poucos, aquel pequeno proxecto foise consolidando e deu nunha amplísima lista de grupos do noso país. Berrogüetto, Chouteira, espectáculos coma Cantos na Maré, programas coma Banda Curta ou o Xabarín Club, Batuko Tabanka, Emilio Rúa, Ruxe Ruxe, Cristina Pato, Lamatumbá, Milladoiro, a orquestra SondeSeu, Treixadura ou Budiño son só algúns dos nomes que se deixaron caer polo estudio nestes anos.

Gravar é máis que rexistrar
A gravación é nesta empresa máis do que un rexistro de son. “Tentamos dar o noso selo e conseguir un son propio”, explica Grandío. “Hai quen puxo isto coma algo malo, dicindo que todo soa igual. Nós pretendemos darlle un estilo, que soe a un determinado produtor, algo que acontece mesmo aos máis altos niveis da música”. Nese sentido recoñece que “en ocasións hai que entrar non só no técnico, senón tamén no artístico ou no interpretativo. Se un batería non toca ben a tempo hai que traballar para que entre. Tamén hai que empregar ferramentas técnicas coa voz nalgunhas ocasións e poden ser gravacións complicadas”. Á hora de falar de casos especialmente complicados ou de anécdotas de gravación, a Grandío pódelle a profesionalidade e négase a dar nomes de grupos. “Non saiu nada do que me teña que pór colorado. Penso que todo o que saíu quedou ben, aínda que sempre evolúes e cando escoitas algo que fixeches un ano despois pensas que o podes facer mellor”.

Comodidade
“Desde o comezo tentamos que o grupo toque moi cómodo, ás veces iso é máis importante que outros factores técnicos. Por exemplo, unha norma nos estudios de gravación é que non haxa cristais, e nós temos unha ventana na sala de gravación.Preferimos permitirlle aos músicos ver luz natural e un pouco verde a ser máis pulcros acusticamente”. Esa filosofía de buscar a comodidade esténdese, segundo Grandío, á totalidade do ambiente de traballo do lugar. “Os grupos saben que van atopar xente que ten bastante experiencia e bo trato, cun ambiente distendido. Estamos no campo e iso pode ser un atractivo para os artistas e axudar a que se sintan cómodos e arroupados”.

Evolucións
Dez anos deron para que mudasen moitas cousas tanto no mundo da música como no campo da gravación. No primeiro caso, Grandío sinala que “Galicia pegou un estirón tremendo a nivel musical. Iniciativas coma a Rede de Música ao Vivo ou a de Locais de Ensaio fixeron que grupos tivesen que pór as pilas e que tivesen facilidades para ensaiar e tocar en directo. E iso estase vendo agora mesmo”. A nivel técnico, “houbo melloras tanto a nivel de software coma de hardware. Aquí comezamos co programa Protools pero xa pasou da versión 4 á 8, e cada vez estamos máis preto do mundo analóxico”. E é que o estudio foi dos primeiros no noso país en apostar por un sistema íntegro de gravación dixital, nun momento no que o habitual era mesturar esta tecnoloxía coa analóxica. Ao longo do tempo as innovacións deron tamén nunha amplicación dos campos de traballo. “Contamos co estudio móbil e estamos a avanzar no campo do video. Isto permítenos levar a gravación a calquera lugar e rexistrar calquera evento en directo en Galicia en alta definición e son 5.1”. De novo a aposta pola gravación de directos foi unha iniciativa pioneira de Casa de Tolos, xa que previamente compría traer os equipos necesarios desde Madrid.


A nivel do que queda por facer, o responsable de Casa de Tolos recoñece que ten moita gana de gravar o vindeiro disco de Niño y Pistola. “Teño moitas ganas de o facer, imos comezar en setembro. Tampouco gravei nunca a Rosa Cedrón” apunta. De certo que nos vindeiros dez anos han aparecer, e se cumprir, novos soños.