Recoller cantigas da outra banda do Atlántico

As relacións entre Galicia e Cuba marcaron as músicas das dús beiras do océano

Desde hai xa moitos anos, abondosos colectivos percorren o noso país recollendo de aldea en aldea pezas do noso legado musical. No entanto, nos últimos anos comezan a aparecer traballos que amplían moito a área de recuperación da música galega. En concreto, están de actualidade dous traballos sobre a música galega en Cuba, un país que tivo unha importancia fundamental no desenvolvemento dos nosos sons, e nos que os músicos galegos deixaron unha fonda pegada. Achegámosche unha selección de temas galego-cubanos da man do proxecto Descarga ao vivo e mais do Quinteto Monterrey.

A La Habana quiero ir é o título da investigación na que Ramom Pinheiro analiza o percurso da música da comunidade galega en Cuba e mais a súa influencia na illa. Este ambicioso proxecto, que lle supuxo un ano de traballo, presentouse en 2008 durante a Feira do Libro da Habana. “Estaba previsto facer unha edición en galego, pero non sabemos se chegará a habela, así que decidimos presentar a obra aquí tamén”. Segundo apunta este investigador, a importancia da música galega na illa caribeña vai moi para alén da tradición. “Houbo instrumentos coma a gaita ou o chifre dos afiadores que levaron os galegos, pero tamén hai unha pegada importante noutros campos, coma as bandas de música ou mesmo as zarzuelas ou o teatro musical. Por exemplo, tiveron moita influencia os coros, que foron ata os anos cincuenta quizais as máis importantes organizacións da comunidade a nivel non só de música, senón tamén coma lobby e forma de socialización. A nai do coralismo contemporáneo no país, María Muñoz de Quevedo, era galega”.


Músicos profesionais
“A presenza galega na música cubana foi brutal desde mediados do século XIX”, asevera este investigador, “sobre todo nos ámbitos máis urbanos. Tanto a nivel académico coma popular non se pode escribir a historia da música cubana sen contar cos galegos”. Deste xeito, atopamos unha longa lista de músicos do noso país que atoparon na illa un ámbito no que exercer o seu traballo de xeito profesional, unha opción que tiñan moito máis complicada na súa terra natal. “Atopamos figuras coma Fortes Alvarellos, o maestro Guide, Chané, ou grupos de gaitas coma o Quinteto Monterrey”. Precisamente desta última formación saía hai poucas semanas unha publicación monográfica da man de Óscar Ibáñez na editorial Dos Acordes, co título O Quinteto Monterrey de José Posada: nos xardíns da Tropical.

Quinteto Monterrey
“O Quinteto Monterrey foi un dos conxuntos na década dos anos 30 do século pasado que amenizaba as conmemoracións das sociedades galegas e españolas da Habana. Antes ca eles había tamén outros coma o Quinteto Barcalés, que tamén empregaban a gaita. A importancia do Monterrey é que é o único do que recuperamos o seu repertorio íntegro, coñecemos exactamente que é o que tocaban”, explica Ibáñez. O conxunto, que fora fundado por Xosé Posada, tocaba habitualmente nas celebracións que se tocaban nos xardíns de cervexarías com a Tropical ou a Polar. “Alí actuaban grupos de son, de danzón e grupos de música galega e española. Entre os temas que intrepretaban estaban éxitos do momento, coma Mi Buenos Aires querido ou cancións de zarzuela, ao carón de temas galegos coma alboradas e mais con xéneros coma o vals, a polka ou a mazurca. Era un repertorio de baile agarrado, e o xénero rei era o pasodobre”, explica Ibáñez. De feito, das 54 obras que se conservan deste conxunto, 30 son pasodobres. Estes temas, aínda que interpretados con cinco instrumentos, tiñan arranxos para outros, xa que o conxunto alternaba varios deles segundo as posibilidades do momento. Á hora de reinterpretar estes temas para o libro, “optamos por gravar con oito instrumentos para manter eses arranxos”. Co tempo, a gaita foise substituíndo polo acordeón neste tipo de grupos, unha substitución que tamén se deu en certa medida en Galicia.

Formación e pegadas
Canda a estas figuras, Pinheiro destaca un intenso labor de formación musical. “Xa no século XVII está documentada a primeira escola de música da illa, da man do bispo Compostela, que era galego”, lembra. Despois outros paisanos crearon escolas que incluían formación musical nos seus programas e os centros galegos abordaron un forte traballo neste campo. A pegada da nosa cultura na Cuba da primeira metade do século XX era tal que mesmo no teatro musical era unha figura habitual o galego, “mesmo en obras feitas para cubanos había frases en galego ou se tocaba a gaita”, explica Pinheiro. “A primeira cubana que fixo un rexistro fonográfico en Estados Unidos cantou, entre outros temas, unha versión de Unha noite na eira do trigo, que facía parte do repertorio habitual dos cantantes cubanos do momento”. Gaitas en rexementos de soldados galegos na Guerra de Cuba, ou o capitán dun barco da mariña española que, en resposta á marcha real, tocou unha alborada con gaita cando o recibiron son algunhas das anécdotas que se poden localizar na obra deste investigador.


Influencias de volta
As influencias foron, como non, de ida e volta. Segundo Pinheiro, “quizais o primeiro xénero foráneo que se popularizou na nosa música popular foron as habaneiras, que aínda son moi aprezadas na franxa costeira galega. A partir dos anos 40 a rumba inseriuse nos repertorios habituais de gaiteiros e pandeireteiras, pero hai moitas máis influencias”. E é que debemos pensar que, ademais de ritmos, os contactos coa emigración introduciron tamén soportes para a música. “Cuba era un referente da modernidade, e desde alí chegaban moitos fonógrafos e instrumentos coma acordeóns. Realmente non se pode explicar o ingreso da música galega na contemporaneidade sen este influxo, aínda que logo Arxentina colleu en boa medida o relevo”.

Outras achegas sobre a cuestión
Obviamente non son estas as únicas achegas que se fixeron nos últimos anos encol da música galega fóra do país. En 2005, o IV Encontro O Son da Memoria. A música galega na emigración reunía especialistas que analizaron a importancia de Andrés Gaos ou do patrimonio musical galego en Arxentina ou en Lisboa. Neste mesmo encontro, Javier Garbayo, da Universidade de Santiago, falou sobre a importancia da música da vida cotiá dos emigrantes galegos. Precisamente está previsto que en vindeiras datas vexan a luz as actas deste encontro, engrosando así as publicacións sobre esta cuestión. Tamén o documental Os últimos gaiteiros da Habana de Natasha Vázquez recolle o testemuño contemporáneo dos galegos que mantiveron a presenza deste instrumento na illa.

Actualidade mixta
A relación musical entre os dous países, aínda que menor, non quedou nin moito menos estancada. Aínda hoxe “hai bastante curiosidade polo mundo da gaita, aínda coas limitacións que teñen para aprender e facerse con instrumentos”, explica Pinheiro. “O instrumento ten alí a súa vida, con intépretes coma Wilber Calber, que insiren o instrumento sen moitos problemas en ritmos contemporáneos”. A anovar estes vencellos, en 2009 presentábase na Habana o proxecto Descarga ao Vivo, unha iniciativa que reunía músicos do noso país con membros do Instituto Superior de Artes da Habana para reinterpretar temas desta tradición común. Agora, o proxecto chega ao noso país con concertos que se poderán ver ao longo do verán, un xeito de renovar estes vencellos sonoros.