Improvisados para vibrar

Teatros, museos e prazas de Santiago acollen concertos de música improvisada

Sen ensaios, sen directrices, sen partituras, sen regras pero con moito ritmo. Estes son os sinais de identidade da música que sonará a partir de hoxe polas rúas e escenarios de Santiago. Fai parte do primeiro encontro internacional de improvisación libre de Galicia, o “Festival Vibracional TPS”, no que non hai nada improvisado.

“Non existe unha definición única de música improvisada, é diferente para cada quen e, no meu caso, ten que ver co lúdico ou co xogo" explica Pablo Rega un dos promotores deste festival que abre hoxe as súas portas en Santiago. Non é unha rareza, porque a música improvisada leva décadas desenvolvéndose (tanto desde un xeito práctico como teórico) desde que naceu no Reino Unido e na Alemaña dos anos sesenta. Bebe nas influencias do free jazz, a música contemporánea, a música electrónica pero tamén nas diversas músicas de carácter popular. "Cando quedas con alguén para improvisar establécese un novo xeito de comunicación, ten moito que ver coas actitudes da xente nas conversas nas que se crean roles e actitudes" explica este membro do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro.

O festival
Malia que leva a improvisación na etiqueta, nada hai sen planificar neste encontro. Hai música feita para poucos oíntes, para escoltar unicamente con auriculares ao tempo que o creador está a compoñer e que compoñen unha das seccións máis traballadas do encontro como é Minúsculo (xoves na Praza do Toural, venres na Praza da Quintana e venres na Praza de Praterías, ás 19:000 horas). Pero tamén haberá concertos de obxectos que soan como instrumentos que se mesturan co saxo e o acordeón nun concerto con influencias tanto da música (tradicional, jazz, improvisación libre, rock experimental) como doutras disciplinas artísticas tales que o teatro, cine, literatura ou poesía (xoves, 21:30 horas Michel Doneda e Alfredo Costa Monteiro). Ou unha mestura de concerto e instalación que usa o espazo físico do Centro Galego de Arte Contemporánea (sábado ás 21:00 horas) como instrumento musical. O programa remata con O.M.E.GA, a Orquestra de Música Espontánea de Galicia (domingo 7 ás 22:00 horas, no Salón Teatro), onde un grupo de vinte músicos ofrecerá un concerto no que o director emitirá unha linguaxe de sinais prefixada que os músicos han de interpretar en tempo real.

Pero, por suposto, non pode faltar no Festival un concerto na Sala Nasa, o espazo no que o Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro (TPS) leva a desenvolver un intenso labor de difusión da improvisación libre. Para este espazo, os organizadores reservaron, entre outras cousas, un proxecto que pretende desconcertar ao público, incomodalo, ofrecéndolle un espectáculo ao que de seguro non estará afeito. (venres 5, ás 21:30 horas)

Ritmos e acordes
Foi no ano 2003 cando o Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro (TPS) comezou a desenvolver un programa baseado na improvisación libre. Propostas en solitario, dúos, tríos, cuartetos, jam sessions e experimentos de condución xestual de pequenas e grandes formacións que pronto comezaron a dar os seus froitos. Conseguiron un acordo coa Sala Nasa que acabou converténdose nun espazo fixo para este tipo de experimentación sonora. Pero o proxecto medrou e acabou por parir O.M.E.GA, a Orquestra de Música Espontánea (formación que hoxe conta con máis de vinte membros), pero faltáballes un paso, que é o de facer chegar esa música ao público. E isto é precisamente o que acabaron por completar agora, coa celebración do primeiro festival internacional de improvisación libre. Un encontro que conta co obxectivo de consolidar a cidade de Santiago como un punto máis na vangarda musical que existe na Península, á altura de Barcelona, Madrid, Porto e Lisboa. Un proxecto que conta coa colaboración do Concello de Santiago, o CGAC e a Agadic, a través da cesión do Centro Dramático Galego. Unha proposta musical ben diferente para todos os públicos e, sobre todo, para aqueles que gusten de levar a música ata as últimas consecuencias.
Programa Festival Vibracional TPS.