Eleccións e cultura (e IV)

Poucas novidades sobre a Cidade da Cultura nos diferentes programas electorais

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:
Eleccións e cultura (e IV)

Foi o gran soño de Fraga, o pesadelo do bipartito e un saco sen fondo no que se leva investido máis do triplo do presupostado inicialmente. A Cidade da Cultura, o gran complexo do Monte Gaiás, será unha realidade nesta lexislatura. Pero os partidos políticos non inclúen grandes propostas en torno a este edificio. Con este rematamos o especial sobre a cultura nestas eleccións.

Agás o Partido Popular, que pretende recuperar o proxecto inicial tan criticado, o resto das forzas políticas inclúen poucas novidades sobre o complexo do Gaiás. Impulsar e potenciar a cultura galega, buscar fórmulas axeitadas para a súa xestión ou rematar a construción do edificio son algunhas das cousas que apuntan os programas neste ámbito.

Partido Popular: retomar o proxecto inicial


Ignacio López Chaves, número 5 nas listas do Partido Popular pola provincia de Pontevedra parte do feito de que “descoñecemos a situación na que se atopa xa que non coñecemos o contido cultural, nin as obrigas contraídas coas empresas”. Para o PP o primeiro é coñecer a situación exacta do complexo antes de poder adoptar medidas concretas. O segundo pasaría por agrupar todas as fundacións nunha “única fundación, porque isto implica incrementar o gasto burocrático”. Esta entidade ha de ser de natureza mixta e debe conseguir implicación económica de ámbito estatal. En todo caso, todas as medidas han de “evitar dilación que supoña incremento no gasto. Hai que rematala canto antes porque é un instrumento de proxección industrial e económica” apunta López Chaves.

Canda isto, o número 5 polo PP en Pontevedra apunta que sería doado “continuar co proxecto inicial da cidade da cultura que xa tiña” como recuperar o Centro de Arte Internacional e ver “se se pode retomar ou non o proxecto anterior, pero para iso cómpre saber que obrigas contractuais se teñen adquirido”.

PsdG-PSOE: un lugar de encontro


Francisco Cerviño, número 7 do PSdG-PSOE pola Provincia da Coruña explica que a Cidade da Cultura, debe ser entendida no contexto global no que “non hai lugar para políticas culturais illacionistas”. A Cidade da Cultura aparece no programa do PSOE dun xeito moi impreciso, con referencias ao falar da economía creativa e da divulgación da cultura do país. Francisco Cerviño apunta que “a Cidade da Cultura dotada dun modelo axeitado de xestión, dirección e promoción, deberá ser o espazo privilexiado para a interacción en Galicia do local e o global e unha plataforma creativa dende a que fortalecer a singularidade e a diversidade do país”.

BNG:Elaboración do plan galego das industrias musicais


Xosé Ramón Paz Antón, número 5 do Bloque Nacionalista pola provincia de Pontevedra, apunta que será nesta “lexislatura na que imos ver materializado o proxecto da Cidade da Cultura”. Un complexo que, para o BNG ten tres piares: a documentación (coa Biblioteca e o Arquivo Nacional), o coñecemento da nosa historia e a investigación (Museo da Historia e o Centro de Investigación do Patrimonio), así como a creación e exhibición artística (co Centro de Arte Internacional, Escenario Obradoiro e Museo de Nenos e Nenas).

Que che parece esta nova?
40 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Eleccións culturais (I)

Eleccións culturais (I)

Lingua, Cidade da Cultura e patrimonio acaparan as propostas dos principais partidos

Eleccións e cultura (II)

Eleccións e cultura (II)

A lei de Bibliotecas e subvencionar a compra de libros principais propostas electorais

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gaiás, Culturagalega, PSOE, Partido Popular...