A cultura que move o campo

Os proxectos encol da cultura afiánzanse coma alternativas de desenvolvemento rural

A cultura, no seu máis amplo sentido, está a gañar peso nos proxectos de dinamización do noso rural. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) fallaba o pasado día 15 de xaneiro a súa liña de axuda a proxectos dinamizadores, que contan con 19,5 millóns de euros. Entre os proxectos que recibirán estes cartos, atopamos propostas de explotacións agrarias, gandeiras e forestais mais, ao seu carón, proliferan proxectos de creación de rutas, recuperación de patrimonio e turismo. Novas propostas que reclaman as posibilidades da cultura para dinamizar o campo.

A Liña de Axudas a Proxectos Dinamizadores lanzouse por primeira vez, de xeito experimental, en 2006 cun investimento dun millón de euros. O seu obxectivo é “contribuír á revitalización socioeconómica e a fixación de poboación nas áreas rurais”. En 2007 o orzamento pasaría a dez millóns, e na convocatoria de 2008 chegou case aos vinte debido, segundo á axencia “ao número e á calidade dos proxectos presentados” xunta ao interese por paliar os efectos da crise económica.

Cultura e desenvolvemento
Anxo Escariz, subdirector de Coordinación e Planificación de Desenvolvemento Rural Agader, explica que “estamos convencidos da necesidade de valorizar o medio rural a través do seu patrimonio material e inmaterial. De feito, o patrimonio (nas súas diferentes  modalidades) configúrase como un área de actuación deste departamento para revitalizar a economía produtiva das áreas rurais”, explica. Como exemplos nese sentido, menta “áreas como a artesanía, a revitalización de núcleos rurais en decadencia ou abandonados, a posta en valor de roteiros, as actuacións etnográficas ou a potenciación das antigas feiras e feiróns configúranse como líneas de actuación dentro das accións da Agader. O obxectivo é ben claro, potenciar o medio rural a través da recuperación do seu patrimonio, principalmente, dende o punto de vista socieconómico e turísitico”.

Turismo
Alén das estratexias da propia axencia, as solicitudes que habitualmente reciben para esta liña de axuda amosan que as posibilidades da cultura están a tamén a se incorporar ao rural. “Cada ano recibimos un número importante de propostas relacionadas co patrimonio, principalmente, coa posta en valor de roteiros culturais e etnográficos”, explica Escariz. Á luz das axudas concedidas este ano, o subdirector explica que, a nivel de turismo, “destaca o agroturismo e as actividades complementarias relacionadas co sector no ámbito dos proxectos produtivos”. En total cóntanse vinte e nove proxectos neste sentido, que suporán un investimento total case oito millóns de euros, dos de Agader achega unha cuarta parte, aproximadamente. Mesóns, proposta de turismo activo, valorización de produtos autóctonos ou hospedarias son algunhas das propostas anovadores que, é de agardar, poderemos ver en breve no noso rural, a teor das axudas recibidas.

Rutas
Tamén se percibe interese “na posta en valor e uso turístico do patrimonio rural no marco dos proxectos non produtivos, coma rutas de sendeirismo e áreas de esparcemento”. En total, en 2008 a Axencia distribuirá 3.771.000 euros entres 76 proxectos deste tipo, que supoñen un investimento total de sete millóns e medio de euros no noso rural ao sumar as achegas privadas. No que semella ser toda unha tendencia, na última convocatoria recibiron axudas tirnta rutas que valorizan todo tipo de contidos, desde os lavadoiros e fontes da Ruta da Auga de Parada (Silleda) ata feitos históricos coma o Estraperlo (Vila de Cruces) ou a figura do Siñor Afranio, fuxido de sona da posguerra. Mesmo atopamos a proposta dunha ruta fluvial na canle de Escudeiros, en Ramirás.

Recuperación patrimonial
En canto a propostas sobre o patrimonio natural “destacan as iniciativas de mantemento e recuperación de sistemas pastorís en montes en man común” e no campo do patrimonio “poden salientarse os proxectos de recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico en xeral”, conclúe. No primeiro destes epígrafes atopamos vinte e seis proxectos, dos que dezaseis avogan por recuperar prácticas de pastoreo nos montes comunais. En canto a patrimonio arqueolóxico, atopamos catro iniciativas subsidiadas, entre as que destaca o proxecto de musealización do Castro de Estea, a recuperación da calzada medieval de Meiro ou a recuperación de castros na Mezquita. A estas pódense sumar outras propostas de valorización do patrimonio históricoa, comas a accións “ambientais e culturais” previstas nos castros de Toiriz e San Mamede (Silleda) ou o programa de visitas didácticas ao Mosteiro de Carboeiro. De calquera xeito, a nivel de solicitudes, contrastan con estas as 35 propostas de recuperación de patrimonio etnográfico, que se centran en muíños (6), fornos (2) e outros elementos. Aínda que non estritamente etnográficos, obsérvase tamén un amplo interese na recuperación de antigas escolas (8) e de casas reitorais (2), na maior parte das veces con fins sociais. Entre unhas e outras, un investimento de cinco millóns de euros dos que Agader achega algo máis da metade. Sumando todos os ámbitos, adscríbense a este tipo de actuacións 171 dos 419 proxectos que reciben axudas na convocatoria do último ano.

Xa en marcha
A presenza da cultura neste ámbito non é cousa deste ano. Ollando a convocatoria de 2007 atopamos proxectos que xa entán en marcha e que apostan pola recuperación de razas e de produtos autótonos, ou por retomar o emprego pastorl nos montes. Canda a estes, aparece unha grande cantidade de proxectos con fins turísticos que adoitar ir alén da idea básica de casa de turismo rural, polo xeral ausente destas axudas. Do mesmo xeito, abondan as propostas de creación de rutas (entre elas a coñecida Ruta dos Sentidos de Esmelle) e recuperación tanto etnográfica coma arqueolóxica (entre elas a recuperación dos petróglifos de Outeiro dos Lameiros) entre outras inicaitivas de dinamización.

Debemos pensar que as axudas de Agader fan parte do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, que ata 2013 quere investir no noso rural 91,6 millóns de euros. Deste xeito, é de agardar que ao longo dos vindeiros anos se multipliquen e perfeccionen as propostas para aproveitar a nosa cultura coma un valor co que darlle nova vida a este campo.
Axudas de Agader a proxectos innovadores en turismo en patrimonio.

Fonte: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural