Un parque temático da tradición

O proxecto Aldea Nova emprega elementos históricos e tradicionais con fins didácticos

As propostas para darlle nova vida ao noso ámbito rural son do máis variado. En Sedes, concello de Narón, podemos atopar unha das máis curiosas. Alí existe, desde ai uns anos Aldea Nova, que se define coma o único Parque de Natureza e Cultura Autóctona de Galicia. Un espazo de educación e lecer centrado na nosa cultura tradicional e no medio ambiente, que o mesmo amosa placas solares que a reprodución dun castro.

“O Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova (PTIDR) é unha gran infraestrutura creada para dinamizar e desenvolver a zona rural galega. Aldea Nova revaloriza o rico patrimonio cultural e natural galego, potencia os recursos autóctonos de Galicia tantos gandeiros, como agrícolas e forestais da zona, aos que aplica sabiamente os principios de I+D+i, as novas tecnoloxías e o emprego das enerxías limpas e renovables. A súa experiencia é un exemplo perfecto para aplicar no mundo rural, mellorando notablemente a súa calidade de vida e a eficiencia do traballo”, explica o web do proxecto.

A proposta didáctica
Segundo explica Carlos Rodríguez, xerente do complexo, “A iniciativa xurdiu do Concello. A titularidade do parque é municipal e está xestionado por unha empresa mediante unha concesión. A filosofía é contar cun parque de desenvolvemento rural, que dinamize a zona e aproveite os seus potenciais”. A vocación didáctica é o eixe das numerosas actividades que se desenvolven no complexo, destinadas fundamentalmente a escolares. Nelas trátanse cuestións coma o coidado do gando e dos vexetais, a apicultura, xogos e lendas tradicionais ou o funcionamento de fontes de enerxía alterantivas. “O parque está dividido por áreas. Hai unha de temática agraria e ambiental, unha de lecer e xogo, unha de enerxías renovables e novas tecnoloxías, unha dedicada á etnografía e ao patrimonio natural e aínda outra de hostelaría e servizos”, explica Rodríguez. En total uns 35.000 metros cadrados de superficie que acollen a diario un bo feixe de actividades que desenvolven 9 persoas sen contar o persoal de limpeza.

A nova aldea
Como o seu propio nome indica, Aldea Nova non parte dun conxunto de edificacións preexistentes. Só se recuperou a casa en ruínas que actualmente se emprega coma exemplo dun fogar tradicional. “Respectouse o xeito en que estaba construída, co chan de terra, os mobles e as vaixelas antigas. A idea é ir facendo nela un pequeno museo e compilamos moitas pezas que amosan como era a vida diaria dos nosos antepasados. Tamén se vai aproveitar para facer encontros de teatro ou de música”. As demais instalacións aproveitan as posibilidades da arquitectura bioclimática e mais a enerxía renovable que xeran elementos presentes neste espazo. Do mesmo xeito, o traballo co gando e mais coa horta xera produtos de agricultura ecolóxica ademais de cumprir as súas funcións didácticas. Entre os edificios que compoñen o complexo, destacan pola súa orixinalidade a reprodución dun poboado castrexo a escala 1/5 e mais a reconstrución dunha mámoa. “Estes espazos aprovéitanse para contar historias e facer obradoiros”, explica Rodríguez. No caso do Castro, tomouse coma modelo o de Eiravedra, no propio concello de Narón, e construíuse en pedra e fibra. A mámoa, pola súa banda, ocupa 50m2 e reproduce un destes monumentos funerarios neolíticos.

O contacto coa tradición
O feito de que se faga un parque temático que ten coma eixe a vida tradicional e o contacto coa natureza obríganos a preguntarnos ata que punto a sociedade actual está distante da que se desenvolveu en Galicia nos últimos séculos. Segundo explica Rodríguez, “algúns dos rapaces que veñen coñece no traballo no campo polos seus avós ou porque son desta zona. Da urbe hai moitos que lles chocan as cousas que van atopando, pero en xeral o que máis lles sorprende e lles gusta é o enfoque didáctico das actividades”. En xeral, Rodríguez incide no ben que funciona este xeito de traballo. “Aos rapaces o que lles gusta sobre todo é xogar. Sempre tentamos facer atractivos os obradoiros, que se diferencien da didáctica dos colexios. Incluímos o xogo sempre que podemos”. Encol da implicación dos veciños de Sebes nas propostas deste parque, Rodríguez explica que “tivemos encontros con eles para lles presentar o proxecto. Este ano xestionamos a Feira do Mel e dos Produtos Ecolóxicos que se fixo aquí e hai algunhas actividades nas que se lles oferta participar especificamente, coma os cursos de cociña ou de poda. A infraestrutura está pensada para dinamizar a zona e nese sentido ofértanse produtos culturais”.

Ampliacións
O proxecto ten aínda pendentes futuras ampliacións. “Quedan cousas pendentes coma o observatorio astronómico e a cafetaría. Tamén se vai ampliar a superficie do parque”. Ao longo do último ano, pasaron por estas instalacións algo máis de 8.000 persoas, segundo a estimacións da xerencia, na súa maior parte visitas escolares de todo o país. “Estamos a desenvolver máis actividades didácticas e imos enviarlle a lista a todos os colexios do país. A iniciativa espertou o interese a nivel internacional. Visitas desde España, Portugal e contactos con Europa refrendan as posibilidades deste modelo de parque temático. “Viñeron xentes que querían ver o que facemos porque tiñan iniciativas semellantes, especialmente en Andalucía e no Sur de Portugal”, lembra o xerente. Polo momento, a iniciativa semella ter o futuro garantido.