Alfabetizarse na paisaxe

Paisaxes culturais e arqueoloxía da paisaxe amosa a historia a través das pegadas no contorno

19/1/2009 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
20 lecturas | Compartido 0 veces

Unha exposición para aprender a lermos a nosa paisaxe. Esta é a proposta coa que o Laboratorio de Patrimonio do CSIC pretende achegarlle ao público os seus quince anos de traballo coa idea de paisaxe cultural. A mostra, en Vilagarcía ata o final de xaneiro, percorrerá despois todo o país amosándonos que todo o que vemos no territorio é cultura.
“A exposición o que é en si é un percorrido polas sucesivas paisaxes arqueolóxicas que temos en Galicia”, explica Carlos Otero, comisario da exposición. “Cada cultura, sexa a megalítica, a da Idade do Bronce ou a castrexa desenvolve un xeito de estar no territorio. Queremos amosar estas paisaxes desde a perspectiva da arqueoloxía da paisaxe”. Máis preto de nós, a mostra “tamén trata o modelo da paisaxe tradicional galega, que ata hai ben pouco estaba a funcionar. Empregámola sobre todo coma referencia para explicar o demais, xa que nela vemos elementos doutras máis antigas. Nunha das imaxes que amosamos, por exemplo vese unha leira abandonada, un dolmen e detrás aínda un xerador eólico”. A idea de paisaxe cultural que dá título á exposición baséase en que “non existe un territorio salvaxe nin natural. Todo é produto da influencia da acción social e está en certo xeito humanizado. A paisaxe nace no momento en que a cultura o contempla coma tal”.

Os contidos
Quen acuda á mostra atopará unha serie de paneis con imaxes e un audiovisual nos que se explican, alén dos conceptos básicos da paisaxe cultural, as características de paisaxes que corresponden con determinadas sociedades pretéritas. Deste xeito, a mostra fálanos da paisaxe cazadora, propia de comunidades paleolíticas da paisaxe monumental que se deu lugar no Neolítico, a paisaxe dividida da Idade de Bronce, a fortificada da Idade de Ferro e finalmente a chamada paisaxe tradicional, que se estende ata os nosos días desde o século IV da nosa era. Segundo explica o comisario, a intención do Laboratorio é completar a exposición con contidos relativos a cada un dos lugares nos que se vaia amosando. “En Compostela, por exemplo, faranse referencias ao Pico Sacro. Tamén empregamos paisaxes de Uruguai e Etiopía como referencia para oque temos aquí, ao tempo que se incide na idea de diversidade cultural”. Alén das imaxes, a exposición conta cun guía nas tardes de maior afluencia que atende as preguntas do público. Tamén contarán con guíaas visitas escolares que se desenvolven en Vilagarcía a partir do dezanove de xaneiro.

Ler a paisaxe
A intención do proxecto é “darlle á xente ferramentas para ler a paisaxe que poida ter diante, alén do valor estético”. Analizar as funcións dos diferentes elementos, ou situar historicamente diferentes partes dunha vista poden achegarnos moitas pistas sobre o xeito de vida dun espazo ou a evolución do mesmo. Como exemplo, explica que “os asistentes decataranse de que unha aldea tradicional está asociada a un xeito de explotación do seu contorno que se repite en toda Galicia. Entón nas proximidades das casas están sempre as horas, algo máis lonxe atopamos o espazo destinado á gandería e xa nas aforas o espazo dedicado ao toxo”, explica Otero. Neste ollar teñen unha experiencia no Laboratorio de Patrimonio, que desde hai quince anos está a traballar sobre o concepto de paisaxe cultural aplicándoo á arqueoloxía.

A nosa pegada
Do mesmo xeito que as épocas anteriores, tamén a nosa ha deixar as súas pegadas de cara ao futuro. “A nivel persoal, penso que o que vai queda desta época serán sobre todo os efectos negativos, coma en todas as paisaxes. O que percibimos a simple vista é a substitución dun sistema agrícola intensivo, que aproveitaba todos os nichos e todos os espazos case por unha explotación forestal, unha paisaxe moito máis homoxénea”, explica. Alén da mudanza física, a modificación é tamén cultural, “trátase dun territorio que só se valora coma espazo económico, mentres que antes a paisaxe tiña asociados valores de toponimia ou folclore entre outros”.

Outras mostras
Esta exposición itinerante é só comezo dunha iniciativa que quere medrar. A intención do Laboratorio de Patrimonio é desenvolver unha mostra de maior tamaño sobre esta mesma cuestión. Ademais, de xeito paralelo, a mesma entidade ten en marcha outra aproximación ao temal. Desde o pasado oito de xaneiro, a Sala Araguaney, en Compostela, acolle Huellas de la memoria, unha mostra que amosa as paisaxes cultural de Tacuarembó (Uruguay), one tamén estivo a traballar o Laboratorio. “O enfoque desta mostra é moi visual e mesmo artístico, e busca a implicación emocional do espectador, aínda que nos dous casos comparten o punto de vista da arqueoloxía da paisaxe”. Aos interesados, pois, non lles faltan oportunidades para se introducir nesta materia.

Universo culturagalega.gal