Tendencias en política cultural para 2009

As eleccións autonómicas marcan coa continuidade as políticas culturais para o vindeiro ano

As políticas públicas culturais que veremos en 2009 desde o goberno autonómico van estar marcadas, fundamentalmente, pola continuidade. A celebración das eleccións en marzo fará que, malia á previsible renovación da Consellaría de Cultura, os novos responsables atopen un orzamento xa fechado (ademais de restritivo) que non lles permitirá grandes innovacións neste campo. Non cabe dúbida de que ao longo dos vindeiros meses, sobre todo a partir da primavera, irán aparecendo as liñas do equipo que rexerá este departamento de cara aos vindeiros catro anos e, sen dúbida, veremos tamén novos proxectos. Pero haberá que agardar ata os orzamentos de 2010 para que o programa, sexa o que sexa, comece a se traducir plenamente en realidades.

Enchendo o Gaiás
Deste xeito, non cabe dúbida que 2009 se caracterizará por un ano de concreción arredor da Cidade da Cultura. Para ben ou para mal, os galegos comezarán a ver qué utilidade ten o Gaiás e coñecer polo miúdo os proxectos para a súa xestión. Neste sentido, a recén creada Fundación do Gaiás promete ser unha fonte importante de novidades, concretando sistemas de xestión e rendemento económico de boa parte do complexo. A inminente inauguración do Arquivo e da Biblioteca nacionais prometen ir dando contidos a esta iniciativa, que comeza o ano cun congreso de primeiro nivel, Lugares de Cultura.

Cuestións legais
Fóra das xestións, non debemos esquecer que no campo lexislativo fica pendente, a aprobación no Consello da Xunta da Lei de Arquivos (que xa pasou polo Parlamento). No entanto, houbo dúas grandes débedas que deixou o ano (e a lexislatura) a este nivel. Por unha banda, está por iniciar a renovación da Lei do Patrimonio Cultural, amplamente demandada e que debe contemplar con especial atención o patrimonio inmaterial entre outras cuestións. Pola outra, a anunciada Lei de Bibliotecas ten o seu anteproxecto aínda en proceso de redacción. A que xa comezou o seu trámite parlamentario foi a de Museos, que deberá agardar á que se forme a nova cámara para atopar a súa forma definitiva e, agardemos, a súa aprobación.

Os patrimonios
A seguir co Patrimonio, agárdanse novas sobre os inventario de patrimonio industrial, etnográfico e marítimo fluvial, ferramentas que queren desenvolver polo miúdo a protección destes ámbitos. Pola banda de proxectos de recuperación, agardamos os proxectos que han seguir á declaración coma Bens de Interese Cultural das principais mámoas e depósitos megalíticos do país. Do mesmo xeito, han seguir os plans de recuperación de mosteiros, pinturas murais e bens eclesiásticos en xeral. Tamén será en 2009 que vexamos as primeiras concrecións do plan de recuperación das fortalezas do Miño, e os primeiros pasos da extensión do mesmo á Raia Seca. Neste campo é ben posible tamén que vexamos os efectos dos plans dos Ministerio de Cultura referidos á Arquitectura Defensiva, Relixiosa, Bens Mobiliarios, Paisaxes Culturais e Arquitectura Industrial, previstos nos seus orzamentos.

Desde Madrid
De xeito semellante, o interese posto desde Madrid en promover a presenza da cultura estatal en distintas citas internacionais han ter o seu impacto tamén entre os creadores e as industrias culturais galegas. A súa influencia tamén se ha notar no inicio das xestións para dotar a Vigo dunha biblioteca nodal e mais na continuación das longamente demoradas obras do complexo cultural de San Francisco, en Ourense.

A Axencia e o exterior
No campo dos proxectos que continúan a súa andaina, a flamante Axencia Galega das Industrias Culturais está chamada a demostrar en 2009 a súa capacidade para concentrar as políticas de apoio ao audiovisual, a arte, a edición, as artes escénicas e a música. Sen dúbida as súas iniciativas han ser base de moitas novas e debates ao longo dos vindeiros meses. No campo da proxección internacional, está previsto que a Axencia comparta protagonismo coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural (ou o departamento que a suceda): Mentres a primeira centrará a súa acción en empresas e produtos, a segunda actuará na divulgación de creadores e da cultura do país en xeral. Nos dous casos, 2009 sinala o despegue da marca The Galician Way, que levará os nosos proxectos culturais polo mundo. Ás citas internacionais xa habituais, coma Guadalajara, Frankfurt, Buenos Aires ou Boloña no campo dos libros, o Popkomm, o Midem ou o Womex en música, ou o Saló de Barcelona (con Galicia como comunidade convidada) na BD, inclúense novas citas. Por exemplo a presenza, tamén coma convidados no Festival de Lorient. Outra grande novidade será o programa Focus GZ, que quere achegar ao exterior seleccións de diferentes ámbitos da produción cultural mediante exposicións e programas arredor da música, a banda deseñada, a escrita ou as artes.

Obras
A nivel e obras (e alén do Gaiás) estaremos pendentes da evolución do Museo Nacional da Ciencia na Coruña e do complexo de San Francisco, en Ourense, que semella que despega por fin logo de innumerables atrancos. Tamén Vigo, coa muselización de restos arqueolóxicos e mais o seu novo auditorio, Lugo, que ten pendente o Museo da Romanización ou Pontevedra, co Museo da Historia e posta en marcha definitiva do Museo Provincial han reclamar atención a nivel de inauguracións e posibles atrasos. Aínda que, sen dúbida, unha das estrelas desde 2009 vai ser o dólmen de Dombate e as súas ansiadas obras de protección. O que xa será unha realidade, dentro da Rede do Patrimonio Arqueolóxico, será o Centro Interpretación de San Cibrán de Lás e mais o da Arte Rupestre en Campolameiro, ambos os dous de cara á primeira metade ao ano.

Reorientacións
Alén de infraestruturas, Galicia inicia 2009 coa transferencia total de varios espazos culturais. Pasa a mans da Xunta a titularidade das bibliotecas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago. Tamén museos coma o das Peregrinacións, o do Castro de Viladonga, o de Belas Artes da Coruña, o Arqueolóxico Provincial de Ourense e o de Artes e Costumes Populares de Ribadavia, así coma as torres da Porqueira, a Pena e Sandiás, así coma o castelo de Monterrei, en Verín. Malia a que a xestión destes espazos xa estaba transferida, o cambio de titularidade pode dar en mudanzas na orientación dalgún destes espazos. Vigo agarda que este ano sexa o da renovación do Museo Quiñones de León, que pretende ser un foco destacado de historia local nun ano que, non esquezamos, tamén estará marcado pola celebración do Bicentenario da Guerra da Independencia. Tamén van ser uns meses clave na redefinición dos Museos Científicos Coruñeses, co seu flamante director. Pola banda de Lugo é de prever que o Museo Provincial tentará asentar a súa condición de centro de referencia, continuando as iniciativas dos últimos anos.

Ano de camiños
Sexa desde Cultura, desde Turismo ou desde a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, está claro que os camiños de Santiago van ser protagonistas en 2009. A proximidade do Ano Santo 2010 há multiplicar as obras de acondicionamento, que se sumarán aos proxectos xa en marcha de delimitación das diferentes rutas. Precisamente os camiños alternativos ao Francés han ser dos máis reivindicados ao longo dos vindeiros doce meses, tanto desde a Administración como desde colectivos coma os concellos que se agrupan arredor do Camiño Inglés ou dos colectivos que reivindican o recoñecemento da chamada Ruta de Inverno pola Ribeira Sacra.

Técnicos
Para 2009 han cobrar un especial protagonismo os elos finais das políticas neste campo: Os técnicos culturais. Ao longo de 2008 estes profesionais desenvolveron un intenso labor de formación no marco do programa Vía Cultura e acababan o ano coa fundación da primeira Asociación Profesional de Xestores Culturais. Dotados desta nova voz e cun recoñecemento social crecente para o seu labor, é de agardar que os responsables de desenvolver as programacións culturais do país inicien nestes doce meses un necesario despegue que dea unha cotas de calidade cada vez maiores ás propostas que nos chegan desde organismos públicos e privados. Aínda que é unha aposta a longo prazo, as mudanzas neste sector poden resultar decisivas á hora de artellar a nosa futura no século XXI.

Consello da Cultura
Pola banda do Consello da Cultura Galega, este organismo prevé continuar co traballo de asesoramento ás institucións que lle é propio, cun amplo informe centrado na situación da lingua e outro que analizará o estado no noso patrimonio. Aa maiores, quere desenvolver diferentes proxectos que continúan as actividades de celebración dos seus vinte e cinco anos. No campo dos congresos, a diversidade cultural en Europa protagonizará unha das grandes citas previstas para este ano, mentres que a Lusofonía será o eixe dun segundo encontro. Outra iniciativa prevista é a publicación en rede dun Mapa de Infraestruturas Culturais e mais o proxecto Roteiros da Cultura, que, coa colaboración de diferentes fundacións e entidades de estudos locais, vencellará turismo con contidos culturais.

Sen materia
O Patrimonio Inmaterial, que nos últimos anos está a reclamar o seu papel no panorama cultural, ha seguir conquistando espazos. A continuidade do Proxecto Ronsel, con novas propostas incluídas no Asociación Galega de Concellos con Danzas Brancas ou Gremiais, o traballo da Candidatura do Patrimonio Común Galego-Portugués á UNESCO, a recuperación de tradicións de Entroido e de Nadal (e aquí chega con forza a figura do Apalpador, como vimos recentemente) ou o traballo da recén fundada Asociación de Concellos con Danzas Brancas han servir para consolidar un traballo de grande importancia.

E, malia a que a iniciativa parte da Real Academia, non podemos esquecer no campo das políticas culturais para o ano a multitude de actos e algún congreso que nos lembrarán a Ramón Piñeiro, homenaxeado este ano no Día das Letras. De calquera xeito, e malia a todas estas previsións, non cabe dúbida de que o ano vai estar marcado nunha moi ampla medida pola incerteza derivada do proceso electoral, que pode supor xiros destacados nas prioridades culturais da administración.