Gabriel Quiroga:”O arquivo debe ser a referencia para o control do patrimonio documental”

O Arquivo Nacional prepara a súa inauguración na Cidade da Cultura

Son os pioneiros do Gaiás. Os traballadores do Arquivo Nacional de Galicia, canda aos seus compañeiros da Biblioteca, están chamados a estrear a actividade da Cidade da Cultura. Alén desa responsabilidade, este equipo ten por diante un enorme traballo de catalogación, dixitalización e difusión de fondos que está chamado a mudar radicalmente o panorama de arquivos en Galicia. O director deste novo organismo, Gabriel Quiroga, explícanos as tarefas en que andan metidos e os traballos que prepara nesta nova institución.


A creación dun organismo novo coma o Arquivo Nacional implica un intenso traballo que afecta a outras institucións. Como cada vez que xorde un novo organismo, aparecen cuestións sobre as súas competencias e ata que punto pode afectar ao actual panorama. Neste caso, os arquivos xa existentes poden estar tranquilos. O Arquivo Nacional non se vai facer cos seus fondos nin vai exercer unha xefatura das infraestruturas deste tipo. De entrada, o Arquivo vai custodiar documentos históricos derivados da Administración autonómica. Segundo explica Gabriel Quiroga, “ao contrario dunha biblioteca ou dun museo, un arquivo non ten que facer un programa de adquisición nin buscar fondos. O arquivo créase de xeito natural, e neste caso vai recibir a voluminosa produción documental da Xunta de Galicia e mais das diferentes consellarías. Ese é o núcleo, e con iso xa temos fondos de abondo, pero o problema é que levamos case trinta anos de autonomía e ata o de agora a actuación arquivística sobre ese conxunto documental foi mínima. Queda moito por facer, e iso determinará a nosa actividade de cara aos vindeiros anos”, explica. Ademais dese material histórico, que supón unha parte do que se conserva no Arquivo Xeral da Xunta, haberá un fluxo continuo da nova produción documental do goberno autonómico. “O Arquivo Nacional non é un ente illado. Debe estar intimamente relacionado cos arquivos da Xunta e mais das consellarías. Trátase de regular un sistema de arquivos de organice de xeito racional o fluxo de documentos que se producen alí, a súa conservación e o acceso aos mesmos”. No entanto, si se prevé a incorporación de fondos galegos de importancia achegados desde outras fontes. “Unha estratexia que si está prevista no plan director é a recuperación de patrimonio documental privado que se poida recibir por doazón, depósito ou compra”, explica Quiroga.

As tarefas en marcha
Aínda con tanto traballo por diante, o novo organismo está preparado para a súa apertura oficial en breve. “Xa estamos a traballar no Gaiás, aínda que non todo o persoal, e o edificio está xa listo para cumprir o seu labor e pode entrar en funcionamento en calquera momento”, explica o director. O groso do traballo actual é “a recepción de fondos documentais, fundamentalmente da administración da Xunta de Galicia e doutros entes públicos de caracter supraprovincial”. En particular, están a desenvolver unha primeira transferencia de material desde o Arquivo Xeral da Xunta de Galicia, documentación de 27 anos de autonomía na que “hai fondos que teñen un valor histórico indubidable que poderán ser recollidos no arquivo nos vindeiros meses”.

A dixitalización dos fondos da RAG
Un dos procesos en macha que acadou máis sona foi o acordo polo que o arquivo abordará a dixitalización dos fondos da Real Academia Galega. Segundo explica Quiroga, “a dixitalización é un dos instrumentos previstos no Plan Director de Arquivo como un medio de conservación e de difusión. O da Real Academia é un exemplo de como se poden deseñar políticas deste tipo sen necesidade de integrar fisicamente os fondos. O proxecto pretende desenvolver progresivamente a dixitalización e permitir o acceso en liña a todos estes materiais”. Lonxe do que poida parecer, levar documentos físicos a un soporte dixital é moito máis complicado do que un simples escaneado. “Trátase dun proceso lento e complexo. Implica unha serie de actuacións previas, especialmente describir os fondos dun xeito moi detallado, que non todos os arquivos están en condicións de desenvolver. Ata o de agora nos arquivos, pola especificidade do material e mais o seu grande volume é difícil acceder ao nivel máis baixo de información, o documento. O arquivo da Real Academia leva anos traballando nisto e avanzaron moito no proceso de descrición. Entón, alén da importancia dos fondos en si, tamén acontece que moitos están en disposición de ser dixitalizados. Comezarase por aqueles que xa están máis avanzados neste tratamento, ademais de ter en conta a relevancia histórica dos documentos”, completa o director. O proceso tamén prevé a inclusión de metadatos que faciliten a recuperación da información e mais a conservación indefinida dos fondos. “A miúdo esquécese nestes procesos de dixitalización que cómpre conservar eses datos a longo prazo. No programa de dixitalización do Arquivo Nacional faise moito fincapé nesta cuestión”, explica Quiroga. A intención é que o programa continúe con outras institucións cun patrimonio documental destacado, coma a Fundación Penzol, os propios arquivos que xestiona a Consellaría ou os de concellos que conten con fondos históricos. “Temos un amplo programa de traballo, pero o importante é abordalo con rigor”, completa

A lei de arquivos
A creación do Arquivo Nacional enmárcase na posta en marcha da Lei de Arquivos de Galicia, un texto que promete revolucionar o panorama destes organismos no país. “Vai ter unha importancia fundamental. O novo marco regulador permitiranos intervir no sistema de arquivos de Galicia. O Arquivo Nacional debe traballar de forma coordinada cos demais e ser a cabeceira e a referencia para o control do patrimonio documental”, lembra Quiroga. Debemos pensar que “no sistema de arquivos de Galicia están tamén arquivos das delegacións provinciais da Xunta, os históricos provinciais, os das administracións locais ou os eclesiásticos, que teñen un peso importante polo seu contido. A través da Lei vaise trazar unha regulación para que poidan funcionar dun xeito máis coherente sen que perdan a súa autonomía”. Na actualidade “o sistema de arquivos de Galicia está nunha situación bastante precaria. É por isto que son de grande interese tanto a creación do Arquivo Nacional coma o desenvolvemento da Lei de Arquivos. Son dous instrumentos básicos para comezar a planificar e conseguir que o sistema funcione axeitadamente. Levamos nese sentido un grande retraso a respecto doutras comunidades. O Arquivo Nacional de Cataluña naceu hai xa 28 anos coma un instrumento de control do patrimonio documental pero tamén como unha ferramenta para mellorar a Administración. Tamén Madrid, Castela A Mancha ou Andalucía contan con iniciativas deste tipo. Agora ábrese en Galicia un período bastante esperanzador a este respecto”. Encol das funcións que a Lei lle reserva á institución que dirixe, Quiroga lembra que “dentro da Consellaría de Cultura existe un Servizo de Arquivos que é quen exerce un papel de coordinación entre estas entidades . O Arquivo Nacional vai traballar en coordinación con esta sección, pero o seu traballo estará máis centrado no Arquivo Xeral de Galicia e mais nos da Consellarías, para organizar o fluxo de documentos. O que pretende ser é un centro de referencia, máis do que controlar o sistema, liderando as políticas arquivísticas e dando servizo a todos estes arquivos. Desenvolverase asesoría técnica, faranse programas de dixitalización de fondos ou xornadas de formación que permitan establecer vencellos máis fortes entre estes organismos.

A difusión do arquivo
Outro grande eixe que prevé o Plan Director é a difusión do traballo que se fai nesta institución. Neste campo, Quiroga explica que o arquivo “vai desenvolver por unha banda o que é a difusión clásica mediante exposicións de fondos do propio arquivo ou do patrimonio galego median programas comúns coa Biblioteca Nacional. Tamén se prevé facer publicacións sobre os fondos documentais, instrumentos de descrición, congresos relacionados cos fondos e as funcións do arquivos, conferencias, cursos e toda unha batería de
actividades que xa están previstas”. A intención é que os fondos poidan ser coñecidos por todo o mundo, non tanto desde o punto de vista dos usuarios administrativos, senón dos que se achegan por motivos culturais, que pode ser un público moito máis amplo”. Nese sentido “estamos a preparar o portal de Internet, que se coordinará co web da Cidade da Cultura. Alí non só haberá información sobre os fondos que haxa no arquivo, senón que tamén se recollerán os resultados do plan de dixitalización de fondos, de xeito que non só haxa acceso á información sobre os fondos senon ás propias imaxes”. Ademais, en colaboración coa Biblioteca Nacional, prepárase unha exposición de cara á inauguración dos dous centros.