Boloña, máis preto

Revisamos a aplicación do Espazo Europeo de Educación Superior ante as múltiples protestas

Os estudantes de toda España saíron nas últimas semanas ás rúas para protestar contra a aplicación do Espazo Europeo de Educación Superior, máis popularmente chamado Proceso de Boloña en recordo do lugar no que 29 países asinaron no 2001 a declaración. Á marxe de que moitas das protestas non teñen que ver con Boloña, quixemos ver un exemplo práctico da aplicación e falamos con Juan Viaño, decano de Matemáticas, unha das primeiras titulacións en estrear plan.

A reordenación do mapa de titulacións (a supresión e a modificación de carreiras actuais), a entrada de capital privado na universidade e o prezo dos créditos son algúns dos motivos que teñen en pé de guerra aos estudantes por todo o Estado. Pero coincide tamén que son tres reivindicación que non teñen nada que ver co Proceso de Boloña, que establece o procedemento para crear o Espazo Europeo de Educación Superior, que ven ser algo así como a gran universidade europea.

A aplicación práctica
As facultades de Matemáticas e de Ciencias Políticas en Santiago e Belas Artes na Universidade de Vigo son tres titulacións que este ano inauguraron novo plan de estudos. Juan Viaño, Decano de Matemáticas, explica que “os alumnos van notar que están nun novo plan por outras moitas circunstancias que caracterizan a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior: fundamentalmente van notar que teñen menos clases maxistrais que os seus compañeiros da licenciatura dos estudos actuais; teñen máis clases prácticas en grupos pequenos, un apoio maior das novas tecnoloxías e, sobre todo, van notar un apoio titorial moito máis profundo do profesor, que deixan de ser meros transmisores para pasar a ser supervisores e guías do traballo e da aprendizaxe dos alumnos”. Canda estas, cambia o calendario académico: o curso adiantarse a principios de setembro e remataría a finais de xullo. Con respecto aos exames, os de febreiro pasan a ser en xaneiro, os de xullo a principios de xuño e os de setembro adiántanse a finais de xullo. “Deste xeito, explica Juan Viaño, o mes de agosto sería exclusivamente para vacacións, ninguén tería que estudar en verán. Ademais, a modificación do calendario non é mais que un pequeno detalle dentro da reforma. Queremos que o curso teña unha duración efectiva de 40 semanas. Está programado para que os alumnos se desenvolven con 37.5 horas de traballo á semana, como calquera outro traballador”.

Todos estes cambios permiten evidenciar que se trata dunha reforma que, como o propio Juan Viaño indica “supón un cambio de paradigma educativo”

O modelo educativo
“Non cabe dúbida de que todas estas transformacións indican un cambio de actitude e de paradigma educativo” explica Juan Viaño. Isto se traduce nunha forma nova de organizar a materia e as reunións do equipo de profesorado. “Obriga a esquecerse do individualismo imperante na docencia universitaria, onde o profesor é autónomo dentro da súa materia, para pasar forman parte dun equipo con reunións periódicas” apunta. A Facultade de Matemáticas da USC é unha dos tres centros desta materia que este ano estrean plan novo no Estado. Para poder facer o cambio, ademais de levar traballando moitos meses na memoria e nos trámites administrativos que lle permiten ser pioneira, contan cun coordinador académico do curso e unha comisión de coordinación que vela porque o traballo se coordine e se organice. Isto se traduce en que o profesor deberá reconducir as súas horas de preparación das antigas clases maxistrais, en reunións máis puntuais cos alumnos. Juan Viaño concrétao dicindo que “haberá un contacto profesor-alumno máis directo para unha aprendizaxe continua” .

Pero os cambios e as obrigas non son só para docentes. Os alumnos tamén teñen o seu. Segundo Juan Viaño “desaparecerá a idea de que o alumno só ten que pasar pola fotocopiadora para recoller os apuntamentos, xa que obriga a participación en todo tipo de circunstancias como titorías de grupo, titorías de grupo reducida, nos traballos en equipo”.

O pretexto de Boloña
“Parece que hai algunha información que non se percibe de toda claridade” explica Juan Viaño ante a vaga de protestas que se producen con máis ou menos intensidades nas universidades de todo o Estado. “O modelo que persigue Boloña é ofrecer un título máis adaptado as necesidades do mercado laboral, no que se ofrece unha información máis xeralista dos contidos que son necesarios para afrontar con éxito o traballo” sintetiza. Na súa opinión estase a escapar da especialización que era propia das licenciaturas, e ese nivel de concreción é o que se traslada ao máster, que terá prezos públicos aínda que serán máis caros que as titulacións de grado. “A formación de grado será máis adaptada ao mercado laboral e recoñecida dunha maneira automática en todos os países da Unión Europea. Nese sentido estamos convencidos que actuamos correctamente” asume Juan Viaño.

“Tamén é certo que creo que as autoridades académicas deberían aclararlles aos estudantes que o número de bolsas non diminúe, que non se está a privatizar a universidade e que os créditos non se encarecen con respecto ás licenciaturas” asume Viaño que tamén precisa que isto non é o que establece o proceso de Boloña. O Espazo Europeo de Educación Superior permite que os títulos de matemáticas sexan iguais, á hora de ser recoñecido nunha empresa, con independencia do país no que estudaras ou no que queiras traballar. É dicir, evítanse os trámites administrativos para homologar os diferentes títulos académicos. Para que iso sexa posible, a declaración de Boloña establece unha estrutura académica semellante para todos os países da UE que se basea en: grado, máster e doutoramento. Ata aí é Boloña, agora é cada país o que establece o currículo e o número de anos para ter cada un deses niveis educativos. Mentres na maioría dos países estableceron que os grados se obtén en tres anos e másters en dous, en España optouse por un grado de catro anos e de uno ou dos os másters. Con respecto aos prezos dos créditos, como Educación é unha materia cedida ás Comunidades Autónomas, son elas as que establecen as taxas, iso si, dentro dun abano que aproba anualmente a Conferencia Xeral de Política Universitaria.


Por último, Juan Viaño considérase optimista con respecto ao novo modelo. “Estamos nun sistema moi probado e cunha experiencia xa coñecida (refírese ao modelo anglosaxón) pero tamén asume que “estamos empezando e non cabe dúbida de que entrarán dificultades”. Principalmente no que atende á compatibilización entre a actividade docente e a investigadora. “Isto é unha cuestión pendente que se terá que organizar e están pendentes de falar” afirma.