A protección do Patrimonio Inmaterial desenvolverase en 21 liñas estratéxicas

Cultura presenta o Plan para a Salvagarda e Posta en Valor do Patrimonio Cultural Inmaterial

O Patrimonio Cultural Inmaterial galego (PCI) contará ao longo dos vindeiros cinco anos cun plan estratéxico que definirás as liñas e traballo que se deben desenvolver para garantir a súa supervivencia e difusión. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentaba esta mañá o Plan para a Salvagarda e Posta en Valor do Patrimonio Cultural Inmaterial, un documento que recolle 21 obxectivos estratéxicos 116 liñas de acción para garantir o futuro destes bens cultural. Entre as medidas que xa se están a desenvolver no maco do Proxecto Ronsel, Bugallo lembrou o traballo de catalogación de instrumentos e de oficios tradicionais, e adiantou asimesmo que esta proposta se ampliará a ámbitos coma a botánica, as prácticas agrarias ou o emprego da auga entre outras. O proxecto Ronsel é unha iniciativa conxunta de Cultura, Industria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e as tres universidades galegas.

Estas propostas de catalogación van facilitará, segundo os responsables do plan, que "propostas da cultura tradicional galega para seren incluídas na listaxe de Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO". Nese sentido, Bugallo lembrou que o seu departamento coordinouse coa candidatura do Patrimonio Común Galego-Portugués.

Outra das múltiples medidas que quere abordar esta iniciativa é a redefinición do marco xurídico sobre o PCI e mais a creación dun grao e dun posgrao de Antropoloxía Social en Galicia, nos que se prestará especial atención á etnomusicoloxía e á danza tradicional.

A nivel de difusión, o plan aposta por vencellar a recuperación do PCI co turismo rural ao tempo que busca espazos de encontro entre os portadores vivos deste coñecemento co conxunto da sociedade. A elaboración de documentais, libros, revistas ou bandas deseñadas relacionadas con esta temática son algunhas das medidas propostas para conseguir un maior recoñecemento social deste patrimonio.

O coordinador do proxecto Ronsel, Iván Area, lembrou que dentro destas medidas está a II Mostra do Patrimonio Inmaterial que se celebra en Ourense a partir da vindeira fin de semana. Area tamén repasou o traballo que desde a Universidade de Vigo se desenvolve no portal desta iniciativa, que conta con máis de 250 vídeos e unha ampla documentación encol do patrimonio inmaterial.

A elaboración do plan contou coa participación de 61 especialistas dos cales arredor da terceira parte achegáronse desde asociacións de defensa destes bens. Precisamente outra das propostas do plan é a creación dunha rede que coordine o traballo deste tipo de entidades.