Os segredos do Ciprianillo

Este libro de feitizos e tesouros é unha parte fundamental do noso imaxinario tradicional

Entre o século XVIII e o século XIX unha certa febre de ouro se estendeu por Galicia. Un feixe de buscadores percorrían castros, megálitos e montes do país procurando as riquezas que en teoría deixaran agochadas os mouros, habitantes míticos da antiga Galicia. Nesta busca eran moitos os que se valían dun libro: O Ciprianillo. Esta obra foi un auténtico best seller nas diferentes versións e edicións que existiron nas que circulou, e é que para alén de indicacións sobre como atopar e desencantar tesouros, ensinaba tamén feitizos e sistemas de adiviñación. Agora, unha exposición no Museo Provincial de Lugo recolle este curioso legado bibliográfico.

Félix Castro é o responsable da colección que amosa agora o centro e mais un investigador que leva anos recompilando versións do Grande Libro de San Cibrán. Este volume, publicado en múltiples versións, é parte imprescindible do noso legado popular. Un bo feixe dos feitizos e das lendas que circularon e circulan no noso país están contidas nel, aínda que sempre se pode discutir se foi primeiro o libro ou as crenzas. Ademais, este conxunto de prácticas máxicas e adiviñatorias conectan directamente os símbolos e os rituais galegos coas tradicións europeas neste sentido. “Moitas das tradicións que se consideran folclore, a pouco que se lean libros de maxia desta época vese que moitas delas xa aparecen referenciadas”, lembra Castro. A mostra Libros do demo , con fondos da súa propiedade, pode verse no Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro día trinte de outubro e fai parte do programa da I Xornada de Literatura Oral que organizou a pasada fin de semana a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que se centrou na figura do
demo.

Tradicións do XIX
Malia á ampla raigame que ten este libro na cultura popular galega, e á orixe mítica que sitúa o seu autor no século V, na realidade a súa penetración máis ou menos masiva no país non se deu ata comezos do século XIX, cando máis se popularizou a busca dos tesouros agochados no noso país. “Realmente no século XVIII xa había unha certa febre a partir do traballo do licenciado Vázquez de Orxás”, quen conseguira permiso real, xa no XVII para escavar mámoas e túmulos na busca de tesouros. “Daquela a busca de tesouros tampouco tiña por que estar necesariamente vencellada ao libro. Había unhas publicacións que se chamaban gacetas de tesouros, moi populares en Asturias, que eran simples listas que dicían onde os localizar”, explica Félix Castro. Precisamente encol destas listas, outro investigador do Ciprianillo, Peter Wessler, asevera que a súa orixe está en Arabia, onde son aínda moi populares. Nalgún momento, alguén pensou en xuntar unha destas listas, coas instrucións para desencantar os diferentes botíns, a un libro de feitizos, e de aí xurdiu o noso Ciprianillo.

Libros para Galicia
“En Galicia o curioso do Ciprianillo é que nalgunhas versións xunta unha lista de tesouros con receitas para desencantalos ao que é un libro máxico. Eu non vin outros casos nos libros dos séculos XIX e XX que coñecemos”, lembra Castro. Debemos ter en conta que as listas presentes nalgunhas das múltiples edicións deste libro, tanto en castelán coma en portugués, fan referencia explícita a localidades galegas, polo que podemos pensar nunha auténtica manobra de mercadotecnia que pretendía mellorar as vendas do volume no noso territorio. “As listas foron inventadas ad hoc ou engadíronse algunhas xa existentes para facer o libro máis vendible en Galicia. En edicións de Madrid ou Barcelona non aparecía, e si están presentes nas portuguesas. Aínda agora, hai edicións brasileiras que manteñen esa lista de tesouros en Galicia”, explica este investigador. Semella que a adaptación do que ata entón era un grimorio máis ou menos convencional comezou Alén Miño. “As versións máis completas da lista veñen das edicións portuguesas do libro, e eu penso que é das que se copiaron as outras. Xa apuntou Risco que estas listas indicaban claramente que o seu autor coñecía os lugares aos que se referían. Non só se poñen poboacións senón que hai moitos detalles”. Semella pois que, logo do éxito da versión portuguesa, houbo quen apostou por facer unha versión en castelán, cunha lista reducida “poida que para evitar tamén que tanta xente se botase ao monte buscar tesouros”. Desde logo, o plan semella que funcionou, xa que, dentro dos niveis de alfabetización da época, o volume foi un dos máis vendidos. “Tivo que se vender moitísimo. Risco fala que a comezos do século XX vendíanse edicións portuguesas que valían alí tres ou catro pesetas a quiñentas desta banda da raia”, lembra Castro.

Aínda que é posible que existisen versións previas desta obra, con ou sen listas de tesouros, todo semella indicar que grande popularización do Libro de San Cibrán data do século XIX. “Hai referencias no século XV, por autores coma Agrippa ao Libro de San Cibrán, pero iso non indica que fose coñecido aquí ou que os contidos fosen os mesmos. Eu os máis temperán que coñezo e mesmo das referencias que dan Risco, Taboada Chivite e outros autores, están impresos e son do século XIX”.

A difícil pista
O problemático do tema e mais o feito de ser libros pouco considerados polas elites cultas provocou que a súa conservación fose difícil e que, aínda hoxe, sexa complicado para investigadores coma Castro conseguir que xente que posúe un exemplar falen abertamente sobre a obra. “Xa Murguía dicía que non conseguira atopar ningún. Aínda hoxe non conseguín ver os exemplares que Risco e Taboada Chivite din que tiñan. En teoría debían estar nas bibliotecas da Fundación Risco e do Museo do Pobo respectivamente, pero eu non as atopei. É un tema complicado de seguir”, explica Castro. “Non se lles deu importancia a nivel intelectual, pero logo de ver moitos grimorios, compróbase que son moi semellantes en estrutura e contidos. Ao final é un libro de de literatura popular sobre ocultismo coma calquera outro. Foi elaborado, ou mais ben reelaborado, no Noroeste, semella que en Portugal, e ten o valor engadido de que cruzou o mar e continúa desenvolvéndose e incorporando novos contidos e crenzas en Brasil”. E é que esta obra está plenamente viva no país Sudamericano, onde se emprega en diferentes ritos sincréticos.

A exposición
O interese de Castro polo Ciprianiño entronca no seu interese xeral pola cultura popular. Aos poucos, diferentes investigacións, adquisicións e agasallos convertérono nun dos principais coñecedores deste misterioso volume. “Primeiro coñecín a edición facsímil en español que tirara a editorial Humanitas. No 98 a miña muller agasalloume unha edición portuguesa e vin que había moitas diferenzas entre elas. E a partir de aí comecei a pensar e conseguir diferentes versións e comparalas a ver o que tiñan en común e de diferente, e comprobar tamén que contidos aparecían noutros grimorios europeos”, lembra Castro. “A exposición amosa arredor de sesenta libros relacionados co tema do demo e mais da maxia negra. Unha parte son libros de maxia, algúns en francés, outra amosa e obras en castelán e hai unha terceira sección centrada nos libros de San Cibrán. Por outra banda poden verse varias edicións do Dicionario infernal de Collin de Plancy, que é unha grande compilación de crenzas e mitoloxía que tivo moita repercusión no século XIX. De feito era unha das obras favoritas de Cunqueiro e tamén lle gustaba moito a Joan Perucho”. Canda a isto, no museo pode verse un exemplar do primeiro libro dedicado ao ilusionismo que se publicou en España, no século XVIII. Logo poden verse varios folletos coa oración de San Cibrán, coa súa vida e martirio, e unha reprodución dunha man de gloria “era unha das receitas que aparecen nos grimorios e foi moi popular en toda Europa”. Consistía na man dun aforcado á que se lhe puña unha candea feita co unto do morto, e que en teoría permitía roubar nas casas sen acordar os donos.

Libros do demo. Grimorios e ciprianillos. Fonte: Félix Castro

Libros do demo. Grimorios e ciprianillos. Fonte: Félix Castro

Gran Grimorio do Papa Honorioed. Rosendo Pons. Barcelona anos 20.

Edición de principios do s. XX

Edición de principios do s. XX

cara a 1917, da Ed. Maucci de Barcelona do Dicionario Infernal de Collin de Plancy

Capa do <i>Libro de San Cipriano</i>

Capa do Libro de San Cipriano

da editorial Maucci de 1920.

<i>Heptameron composto por Cipriano famoso mágico</i>

Heptameron composto por Cipriano famoso mágico

de inicios do s. XIX

Unha foto dun <i>Livro de São Cipriano</i>  portugués

Unha foto dun Livro de São Cipriano portugués

do ano 1998

<i>Libro de San Cipriano</i> de Barcelona.

Libro de San Cipriano de Barcelona.

Sociedad Ocultista Mundial, ano 1905 aproximadamente.

Sinatura e figura dos principais espíritos infernais.

Sinatura e figura dos principais espíritos infernais.

Libro de San Cipriano, século XIX.

Gravado que amosa o demo Lucífugo Rofocale

Gravado que amosa o demo Lucífugo Rofocale

no libro Dragon Rouge. Século XIX.

Ilustración do <i>Dicionario Infernal de Collin de Plancy</i>

Ilustración do Dicionario Infernal de Collin de Plancy

edición de 1863.

Capa do <i>Dicionario infernal</i>.

Capa do Dicionario infernal.

Primeira edición española, 1842