Os actores reflexionan sobre as vantaxes e inconvintes de ser pluriempregado

O papel do actor

Vémolos no teatro pero tamén na televisión. E por se fora pouco, ás veces compaxinan o seu traballo como actor con outras profesións como a docencia. Son todoterreos. Pero esa versatilidade ten tantos aspectos positivos como negativos e sobre elas falaron nunha mesa redonda nas III xornadas “Cidadanía e teatro” que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Forman parte do imaxinario simbólico do noso día a día. Son os actores e actrices que dan vida ás personaxes que nos gustan nas series de televisión (e mesmo as que odiamos). Pero detrás da máscara que poñen perante a cámara, nas voces que prestan para as personaxes de animación ou enriba das táboas, son persoas que teñen a súa vida persoal, os seus problemas e as súas peculiaridades. Unhas características que teñen repercusións no seu traballo que, a diferencia doutros, podemos apreciar como espectadores.

Os perfís profesionais
Comba Campoy (Santiago, 1978) é actriz, xornalista e investigadora. Tres facetas profesionais que fai convivir e que, como ela mesma asegura, “supón en determinados momentos unha sobrecarga tremenda”. Non é un feito atípico, senón que é unha característica que comparten a práctica totalidade dos profesionais que se dedican a este sector. Jouse García compatibiliza a súa actividade no teatro coa súa práctica docente en diferentes concellos da provincia de Lugo e Ourense. Moito máis descriptiva é Mónica Caamaño quen asegura facer “encaixe de Camariñas” para poder dar clase na Coruña, manter a súa dinámica con “Teatro de Ningures” e manter un grupo de teatro afeccionado no Milladoiro. Os tres comparten, ademais do pluriemprego, a sensación de que é unha situación obrigada porque como Mónica afirma “o traballo chama o traballo”. Para eles é absolutamente normal ter diferentes traballos a un tempo, así como ir pasando dun a outro con rapidez. Sobre as dificultades e as diferentes incompatibilidades, falaron na terceira mesa das III Xornadas “Cidadanía e teatro”.

“É unha elección na medida que ti podes dicir que si te implicas ou non nun proxecto, pero non o é porque o que realmente me gustaría facer é vivir do teatro” afirma Mónica Caamaño, mentres nos explica que ten deixado traballos porque non pode compatibilizalos con outros. Jouse García ten claro a súa orde de prioridades, por iso, cada vez que comeza a impartir un obradoiro novo de teatro, explica que se lle sae algunha función, deberán adiar ou trasladar de día a clase. Pola súa parte, Comba asegura que no seu caso é posible porque ambas as tres ocupacións están relacionadas; “na miña faceta como xornalista traballo na revista “Escaramuza” centrada na situación actual do teatro galego, a súa problemática e porque con respecto á investigación estou a desenvolver a dimensión comunicativa no teatro”. Compaxinalas é posible, aínda que supoña de vez en cando xornadas de máis de 14 horas de traballo con desprazamentos entre diferentes puntos xeográficos. “Creáche ansiedade, asegura Mónica, e o encaixe ás veces é un pouco frenético e sempre che xorden dúbidas sobre se es capaz de respostar ao que se espera de min, se estou a render ao nivel axeitado e así”.

As singularidades
Pero a dispersión ten unha cara positiva e unha negativa e a experiencia de cada quen permite calibrar ese punto de equilibrio. Á marxe da estabilidade está a competencia que para a escena galega supón o sector audiovisual. Jouse García explícao ao asegurar que “é a nosa espada de Damocles porque en catro ou cinco días que traballes no eido audiovisual gañas o mesmo que en mes e medio para o teatro. E así non se pode conseguir un equilibrio”. Para Comba a situación é a propia do “sistema teatral galego que non está normalizado e, polo tanto, hai que vivilo como tal”. Tendo en conta esta casuística, esta actriz asegura que “conseguíu sacarlle os lados positivos”. Deste xeito, pensa que “é enriquecedor traballar en diferentes medios porque empregas outros códigos que permiten estar en continuo aprendizaxe”. Esa diferencia entre a interpretación no sector audiovisual e o sector interpretativo tamén é clave para Mónica Caamaño.

As solucións
A precariedade laboral. Esta é, para os tres a principal explicación á súa singular situación profesional. Para isto, hai outros conceptos claves entre os que destaca “resistir” para Jouse García. Por iso, este actor presentou na súa intervención unha solución para a estabilidade. “O mellor é que os actores tiveran un soldo fixo mensual e sería moito máis esforzo para as compañías e unha exclusividade de saber que este actor non vai estar disperso” asegura Jouse, ao tempo que recoñece que é unha solución moi complicada pero é posible, habería posibilidades de facelo se as axudas se centrasen máis na “distribución para os espectáculo das compañías galegas e cun programa paralelo que garantise unha regularidade na programación dos concellos”. Unha fórmula de ter un traballo fixo, que puidese estabilizarse e permitir unha melloría nas condicións laborais e contractuais.

Precisamente, a precariedade da que falan os actores está documentada nos datos avazados polo Instituto Galego das Artes Escénicas (IGAEM) que apuntaba que a situación económica das 112 compañías profesionais que hai no país non gozan de demasiada boa saúde. Segundo o criticado informe, a situación laboral é precaria, inestable, con contratos temporais reducidos no tempo que obrigan aos profesionais a ter outra actividade remunerada e/ou traballar con outras compañías. Segundo ese documento dado a coñecer na Feira Galega das Artes Escénicas, o salario medio dun actor está en 8.900 euros anuais e a facturación media é de 100.000 euros. En todo caso, as artes escénicas non é un sector excesivamente profesionalizado, de feito só o 24% está constituído como empresa, mentres que o resto desenvolven a súa actividade de xeito aleccionado.

Das compañías profesionais a maior parte (75%) son de teatro, seguidas de lonxe pola danza (17%) e a maxia (8%). Son empresas reducidas, con menos de cinco asalariados que no caso dos magos se reduce a unha única persoa. Ademais, o informe destaca que non existe especialización e que a propia compañía que produce, tamén se encarga da distribución do espectáculo. De feito, no país só existe unha única empresa dedicada a esta tarefa. Un aspecto no que incide, precisamente, Jouse García na súa intervención.