Vivir de interpretar, ou non

O sector das artes escénicas e o audiovisual opina sobre as condicións laborais e de vida de actores e actrices

O sector das artes escénicas e o audiovisual opina sobre as condicións laborais e de vida de actores e actrices
Sir Laurence Olivier. Hamlet. 1948
"Os actores non vivimos dos flashes nin das alfombras vermellas" , así presentaba Isabel Blanco, actriz e Delegada en Galicia de AISGE (Artistas, Intérpretes, Sociedad de Gestión) o pasado 7 de outubro o Estudio e Diagnóstico sobre a Situación Socio laboral de actores e bailaríns en Galicia,realizado pola Fundación AISGE como parte dun estudio do mesmo nome a nivel estatal. O documento, baseado en 187 enquisas só en Galicia e máis de tres milleiros en todo o Estado, grupos de discusión e entrevistas a representantes sindicais retrata a precaria situación actual dos profesionais da actuación no noso país e supón unha ferramenta de traballo indispensable para abrir un debate público sobre se a profesión de intérprete dá ou non dá para vivir dignamente no mercado laboral e do sector das artes escénicas e do audiovisual. Consultamos aos principais representantes do sector e a diagnose coincide, pero as causas e solucións non necesariamente .

Estamos afeitos a velos nas nosas televisións ou sobre as táboas dos teatros, admiralos e emocionarnos con eles e as interpretacións de personaxes bo ous malos, a xente gusta de facerse fotos con eles a moitos xa se lles considera "da casa" polas súas aparicións televisivas pero esa fama non asegura na maioría dos casos a posibilidade de sobrevivir e sacar a súa vida ou a súa familia adiante. O desemprego nos artistas profesionais de Galicia varía entre o 55% que hai entre intérpretes que se dedican ao audiovisual (o 62% nos tres años anteriores á enquisa); o 44% naqueles que só fan teatro (56% nos tres anos anteriores) e os actores e actrices de dobraxe cun 48% actualmente. En calquera caso un 48% das persoas en situación de desemprego non recibe prestación nin axuda de ningún tipo e ademais, do total de artistas recollidos no estudio o 60% sitúanse con ingresos por baixo da liña da pobreza, isto é que non tiveron ningún ingreso ou non chegaron a recadar nin 6.000 euros anuais no último ano.

A validez do estudio e dos datos que ofrece non se pon en dúbida desde ningunha instancia. "Os resultados coinciden coas nosas previsións dun 60% de paro" di Ernesto Chao, actor e presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), "o informe é moi completo e dámoslle toda a validez, ademais ten unha representatividade de enquisas moi ampla" . Para o director da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel Vieitez "está feito con todas as garantías dun informe científico. Retrata unha situación que nós sabemos pola información, non científica pero aproximada, a través de conversas e dos seguimentos de empregabilidade que facemos do alumnado" . Para Vieitez este informe "fai notar que España, non só Galicia, ten un problema" porque asegura que esta situación é "unha anomalía en Europa" . Para Iván Arpa, coordinador da Área Asistencial da Fundación AISGE, o documento "está a ter unha repercusión ampla que aínda estamos a valorar. Abriuse o debate e non queremos que morra nesta presentación. Empezaremos a formar foros e mesas de discusión para traballar nisto agora que temos un documento técnico cunha validez comprobada para poñer sobre a mesa e levar a calquera instancia ou administración." Ese é un dos obxectivos deste estudio, achegar datos de traballo, para a reflexión, debate e mellora. Un documento de base para que se entendan as demandas do sector coa forza dos datos ante os axentes sociais.


Un fallo de estrutura

"É un problema que sofren os traballadores, pero é un problema do sector escénico e audiovisual" , asegura Iván Arpa, "a estrutura non é o suficientemente forte ou non está consolidada suficientemente como traballar doutra maneira" . Ernesto Chao engade que ademais non se trata só dos actores e actrices, "tamén atinxe a técnicos, directores, guionistas e todos os implicados nas producións" , afirma. Desde a patronal, representada por Dolores Ben, empresaria e Presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) se engade tamén aos propios produtores dentro da lista de damnificados pola situación "Os produtores tampouco se están a facer ricos - asevera Ben- ,está a ser un ano terrible para o sector", di ela e pon como exemplo que antes se estaban a facer sete ou oito películas por ano desde as empresas asociadas a AGAPI "que daban emprego de calidade a centos de traballadores e este ano se só fixeron dúas" . Pero ademais das producións cinematográficas ás que se refire Dolores Ben, para o representante da AAAG é o traballo en series de TV o máis importante xa que segundo Chao "é o que está a sacar a moita xente da precariedade máis absoluta" e polo tanto pon nesta parte o acento das reivindicacións e vixilancia. "Estamos facendo series a un prezo máis baixo do que están a custar no resto do Estado" , di Chao e niso coincide cos datos achegados por Dolores Ben: "unha serie en Madrid – di ela- pode chegar a manexar un orzamento de medio millón de euros por capítulo mentres que aquí pode chegar a 15 ou 20.000 por capítulo. A diferenza é brutal" , afirma. Pero para ela a solución non pasa por subir os orzamentos de cada produción senón en aumentar a cantidade de producións que se fan "para poder ofrecer máis tempo de traballo efectivo" . Nese sentido desde AISGE, Iván Arpa considera que o feito de que "haxa máis diversificación efectivamente xera máis emprego, pero debe ser partindo de que o emprego que xa hai teña unhas condicións mínimas máis dignas" .

Sesións maratonianas e categorías confusas

No tocante ás condicións dignas do traballo, existindo un marco legal de mínimos establecido polos convenios en vigor tanto no audiovisual como no teatro, o seu seguimento efectivo resulta da máxima importancia . "Eu levo no cargo desde setembro – di Ernesto Chao- e vixiar o cumprimento dos convenios é unha das nosas prioridades. Pero un convenio é un acordo de mínimos. As producións estanse facendo dentro dos convenios pero só en parte, porque se te atribúen unha categoría de actor de Reparto, cando es Secundario ou de Pequenas partes se está a facer realmente Reparto, entón están a estafarte" asegura o presidente dos actores e actrices.

As diferenzas no recoñecemento correcto do papel de cada intérprete poden ser economicamente moi substanciais no caso do audiovisual. Segundo o IIIº Convenio Colectivo estatal, vixente desde maio deste ano, un papel Secundario cobraría por sesión, impostos e cargas sociais aparte, 478, 35 euros, un papel de Reparto obtería 382,66 euros por sesión mentres que un papel considerado de Pequenas Partes está retribuído con 153,04 euros por sesión. As categorías defínense en función da importancia e das liñas de guión. Os máis pequenos non poden exceder as dúas liñas de guión por película ou obra completa segundo o citado convenio e os de reparto son aqueles cuxas personaxes non exceden das 20 liñas. Pero segundo moitas fontes consultadas é nestas diferenzas onde as producións televisivas cometen os desaxustes máis frecuentes, poñendo como Reparto roles que exceden con moito esas liñas e facendo o mesmo coas seguintes categorías. Os protagonistas raras veces sofren estes casos xa que a súa participación resulta moi evidente pero para os demais a perda pode ser dende os máis de cincocentos ate os case mil euros por semana de traballo. No teatro a situación resulta diferente xa que as diferenzas entre categorías por bolo son moito menores. O Iº Convenio Colectivo de actores e actrices de Teatro de Galicia presenta unha distancia de menos de 50 euros por bolo entre un Protagonista e o intérprete de Elenco, entre os 161 euros e os 113.

Na mesma liña que Ernesto Chao opina Iván Arpa: "o cumprimento do convenio non é completo no tema das categorías, – di o representante de AISGE- é unha das trampas máis habituais. Outra é a condensacións de xornadas de traballo excedendo o pactado, facendo xornadas maratonianas para terminar antes as producións, diso tamén temos constancia". Desde a ESAD a Manuel Vieitez tamén lle chegan informacións coincidentes: "a produción audiovisual, polo que nós sabemos, faise nunhas condicións terribles. Grávase desde primeira hora da mañá ata última hora da noite. Sesións maratonianas." Nese sentido o vixente convenio do audiovisual establece que a xornada laboral diaria de carácter continuo será de oito horas, nove horas se se fai partida. As particularidades do proceso de rodaxes vense contempladas no documento para poder axustarse ás necesidades organizativas e de produción consentindo nestes caso en na posibilidade de establecer un horario máis prolongado <> que en ningún caso chegue a sobre pasar as 10 horas diarias de traballo e as 44 semanais. Dolores Ben non coñece o grao de cumprimento que está a ter o convenio no audiovisual pero segundo ela hai un problema de base no feito de que se trata dun convenio estatal que "está a prezos de Madrid".


Non é un traballo normal

As características principais no sentido socio-laboral do traballo artístico son a intermitencia e a imprevisibilidade. Os actores poden traballar moito durante unhas poucas semanas, coa gravación dunha serie, por exemplo, pero case nada o resto do ano se esa serie se cancela ou a súa personaxe non consigue aparecer nas seguintes tempadas ou ter relevancia. Xa no caso do teatro as oportunidades poden ser aínda menores, o recorte dos orzamentos culturais nos concellos levou a producir cada vez máis obras cun elenco mínimo de actores, mesmo á popularización do xénero do monólogo e con bolos que poden contarse cos dedos das dúas mans ao longo do ano e que tampouco reportan moitas ganancias.


Lendo o documento da Fundación AISGE as cuestións que suscita no cidadán que non forma parte do sector cultural teñen que ver dificultade de crer na forza vocacional que fai que todos eses homes e mulleres sigan participando e creando no teatro e no audiovisual cando o retorno que obteñen por iso non lles permite apenas vivir e os afasta desa sensación de seguridade que case todo o mundo busca no seu percorrido profesional. Só a enorme dimensión vocacional e "apaixonada" do traballo de interpretación pode explicar que os teatros e as producións audiovisuais sigan funcionando como o fan e que cada ano ducias de homes e mulleres sigan intentando acceder á profesión e formándose para iso aínda que as expectativas de poder vivir desta actividade sexan moi escasas. De feito nun 40% dos casos calquera profesional da interpretación do noso país precisa recorrer a outros empregos para poder pagar a súa vida, a súa casa e as súas necesidades básicas, xa que se só dependesen do traballo artístico o 34% estaría por baixo do límite da pobreza. E estamos a falar de profesionais en activo de todas as idades, non só de xente que loita por abrirse camiño na interpretación.

Podería pensarse que esa condicións de precariedade laboral e económica non son en absoluto exclusivas do colectivo de artistas da interpretación. Certamente a gran parte da masa obreira do país resultou duramente castigada pola crise, sobre todo desde 2008, e as enormes taxas de paro xeral ben o reflicten. Pero se ben iso é certo non é menos certo que esta precariedade económica do colectivo artístico xa era anterior ao 2008 e que ademais as características deste traballo non poden ser comparables coas de outros sectores, mesmo naquelas actividades ou profesións máis dependentes de situacións estacionais, xa que o nivel de intermitencia neste caso é moito máis imprevisible e non depende das estacións nin de temporadas altas ou baixas, son outros factores os que se manexan e que non permiten a profesionais da interpretación ter a máis mínima seguridade nin capacidade de planificación. Como recolle o documento da Fundación AISGE, as peculiaridades do traballo artístico <>. Mesmo unha actriz que poida ter unha carga de traballo considerada boa, chegará dificilmente a ter un ano enteiro de contratación continuada coa súa correspondente cotización social. Apenas entre un 27 e un 31 por cento dos artistas conseguen ter máis de catro meses de contratación anuais fronte ao 53% de artistas do audiovisual que declara ter traballado menos dun mes ao longo dun ano e o 33% dos de teatro na mesma situación. Entre as conclusións do estudio está esa constatación do retroceso no emprego unida a unha diminución continua do número de días traballados ao longo do ano por cada persoa. Esa situación, característica da profesión e agora recollida neste estudo é unha das principais razóns para solicitar cambios normativos no sistema de protección social e no sistema fiscal para este colectivo.

Dentro das singularidade propias da profesión e segundo as conclusións do estudo <> Pero as sensacións non son mellores para as xeracións máis novas, para elas existe, segundo o estudo, unha sensación de falta de oportunidades nunha dinámica de continua busca de "caras novas" que chega a converter rapidamente en "vellas" a profesionais que non chegaron a cumprir aínda 30 anos de idade. Cun panorama así non é de estrañar que haxa familias que leven as mans á cabeza se escoitan a un fillo ou filla dicir aquilo de "Mama, quero ser artista" .


Mamá, quero ser artista

I é que a pesares do panorama desolador que ofrece a profesión de artista intérprete seguen sendo moitas as persoas que cada ano fan do soño de actuar unha opción de vida e comezan a dar os primeiros pasos a través da formación e da participación en todo aquilo que poden da profesión. Ninguén o sabe mellor que Manuel Vieitez desde que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia foi creada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no ano 2005. Cada ano sae dela unha fornada de actores e actrices, entre 20 e 30 por promoción, a competir nun mercado de traballo case inexistente que semella non ser a súa principal preocupación. "É unha carreira moi vocacional –di Vieitez- e o alumnado isto do mercado de traballo lévao como unha cuestión secundaria da que xa se ocuparán cando cheguen a el. Nós pola nosa banda temos axeitado o número de prazas que ofrecemos, xa que poderiamos ter máis alumnado en base ás solicitudes que recibimos, estamos collendo só 24 porque non podemos encher o mercado de persoas, neste momento non tería sentido sacar unha promoción de oitenta actores e actrices."

O descoñecemento do marco legal das relacións laborais é unha eiva que Vieitez detecta no alumnado: "é unha eiva que temos, a formación para o emprego é unha das cousas que hai que integrar. Formación en orientación laboral e en organización teatral. Cando toque reformar o Plan de Estudos miraremos de integrar iso" . Na concienciación necesaria dos estudantes tamén incide Iván Arpa: "Temos que axudar a crearlles unha conciencia máis clara do que está a sufrir o sector e as condicións de traballo. Penso que non cren que é tan difícil como posteriormente descobren, pensan que as súas dificultades van ser as mesmas que as de outras profesións pero non se dan conta desas especiais características deste mercado de traballo que o o fan máis penoso" . Pola súa banda Ernesto Chao alerta sobre o perigo de que a xente nova que busca acceder á carreira profesional non renuncie para iso aos dereitos acadados nos convenio. "Esa xente busca o seu oco, a súa oportunidade, pero non pode ser a base de tirar á baixa os dereitos adquiridos que custou moito conseguir."

Ideas para unha recomposición

Para reverter a situación que o estudo da Fundación AISGE amosa todos os implicados achegan as súas ideas para conformar un paquete de medidas que todos recoñecen como complexo pero necesario, algunhas medidas que teñen que ver co sector e outras que teñen que ver directamente cos suxeitos. Neste último sentido e como algo urxente desde AISGE apostan polo debate cos axentes sociais centrándose nas particularidades de intermitencia e irregularidade do emprego do sector para aumentar o sistema de protección social dos artistas tendo isto en conta para acadar un tratamento especial que mellore o acceso ás prestacións do paro, ás baixas por maternidade, pensións e outras vantaxes de protección social habituais no resto das profesións pero máis delicadas de conseguir na actuación. Tamén incide Iván Arpa na necesidade de conseguir "un tratamento fiscal especial para que os actores poidan pagar os seus impostos de forma escalonada en varios exercicios, xa que nun ano poden gañar moito e nos dous seguintes apenas nada, hai unha gran irregularidade de ingresos."

Para Manuel Vieitez a única solución para que un actor teña unha cotización estable "pasa porque estea contratado por unha compañía de teatro todo o ano e iso implica que a compañía cree e exhiba espectáculos nese teatro todo o ano." Incide no concepto das compañías residentes e pon o exemplo de Vigo onde existen "o Teatro Fraga, o Teatro AFundación -García Barbón, un Auditorio Municipal e o teatro do Concello, pero son salas que só se usan para a exhibición esporádica. Se Vigo fose unha cidade alemá neses catro espazos habería compañías de teatro e danza todo o ano. Está todo inventado, só temos que transferir a España as políticas que funcionan noutros países".

Nese contexto do teatro tanto Iván Arpa como Ernesto Chao desde a AAAG insisten na gran importancia que tería para o sector a moi demandada redución do IVE, que tería un efecto inmediato sobre a viabilidade de todo o teatro e por tanto das súas condicións laborais. Ademais Chao incide na importancia de aumentar os niveis orzamentarios da CRTVG para "volvernos ás cifras que se manexaban antes da crise". Niso está de acordo tamén con Dolores Ben, de AGAPI, que o considera completamente necesario para facer viables as producións e aumentar o seu número. Desde a patronal ademais inciden na necesidade de buscar máis a comercialización dos seus produtos audiovisuais nos mercados exteriores, aumentar o nivel de exportación de series e películas para aumentar os ingresos que estas poidan xerar.

O debate está aberto e despois da presentación deste estudo as entidades chaman á unidade de todo o sector para converter en viable economicamente o noso sector escénico e audiovisual e dar condiciones de dignidade no desenvolvemento profesional aos artistas que dedican as súas vidas a encarnar ás nosa personaxes máis queridas e máis odiadas e amosarnos historias a través de poñerse na pel de outros que, nalgúns casos, vivirían mellor que eles mesmos.