Comunidade nas táboas e ante as cámaras

A Asociación de Actores e Actrices cumpre trinta anos a consolidar o panorama escénico e audiovisual

A Asociación de Actores e Actrices cumpre trinta anos a consolidar o panorama escénico e audiovisual
Hai trinta anos, os profesionais da actuación de Galicia reuníanse por vez primeira nun colectivo propio. A actual Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) nacía para procupar unhas condicións dignas de traballo nun momento no que comezaba a institucionalización do teatro. Tres décadas despois, mudanzas radicais no oficio, crises económicas e moito traballo feito, a Asociación bota a vista atrás.


Vídeo sobre os trinta anos da AAAG

No nacemento da entidade, tal como lembran os participantes nalgúns dos vídeos, tivo un papel crucial, de xeito indirecto, o Centro Dramático Galego. "Coa Creación do CDG en 1984 houbo a necesidade de botar man da xente que procedía de todas as compañías profesionais que había nese momento e mais de afeccionados que tiñan un traballo continuado, como foi o meu propio caso", explica Mabel Rivera, veterana profesional e actual vicepresidenta da Asociación. "Antes disto existía unha actividade incipiente e espallada, e mesmo se dera un parón grande a este nivel. Realmente foi aí cando comezou a actividade profesional". En resposta á situación o sector viu a necesidade de "nos organizar e atopar mecanismos desde os que enfrontar os problemas de todo tipo que puidesen xurdir arredor desta actividade" lembra Rivera. Foi así como, en 1985 botaba a andar a naquel momento Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, a recoller a totalidade dos profesionais implicados no sector teatral. "Naquel momento o resto das artes escénicas eran practicamente inexistentes", lembra Rivera, e do mesmo xeito, tampouco existía por entón o sector audiovisual.


Eduardo Alonso lembra o proceso de creación do Centro Dramático

Dereitos e formación
A defensa dos dereitos laborais do sector foi desde o comezo o obxectivo primordial do colectivo. "É a nosa razón fundamental de ser", explica Diego Freire, vocal da AAAG. Xa antes de ter esta consideración a Asociación foi contraparte na negociación do primeiro convenio colectivo para o sector, que se aprobou en 2009 despois de case dez anos de negociación. "De feito, desde que nos afiliamos a Conarte, a confederación de sindicatos de artistas, somos oficialmente un sindicato", lembra Freire.


Xavier Estévez fala sobre a negociación do convenio para actores e actrices

Canda a esta vertente, o outro grande piar da acción da AAAG foi desde o comezo a formación para actores e actrices. Segundo explica Rivera, "no comezo, mesmo máis do que as cuestións laborais, preocupáronnos as formativas. Víase a necesidade de nutrir esta profesión. Faltábanos un corpus formativo importante e a creación dunha Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) foi unha das primeiras reivindicacións potentes que se fixo". Para alén do traballo a nivel laboral e formativo, a AAAG conseguiu tamén "manter o sentimento de comunidade entre a profesión", sinala Freire.


Cándido Pazó fala sobre a iniciativa de crear a ESAD desde a AAAG

A especialización
Unha das grandes mudanzas que se produciron no seo do colectivo foi a súa transformación desde Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena a representar unicamente a actores e actrices. A profesionalización progresiva de todo o sector teatral e audiovisual e mais a consolidación dos diferentes oficios, coa aparición de colectivos como Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de Guionistas ou a de Festivais levaron a que o protagonismo da AAAG mudase. "O máis importante é colaborar con outras asociacións para entre todos defender o noso sector e a profesión", sinala Freire, quen salienta a boa relación entre todas as entidades. A evolución "ten que ver co afianzamento da propia actividade profesional tanto a nivel de calidade como numericamente. Isto foise desenvolvendo de xeito moi marcado, de maneira que cada un dos sectores foi vendo as súas necesidades concretas e así foise diversificando. Cada un dos oficios ten a súa problemática, aínda que todos confluímos na escena", lembra Rivera. "Á hora de traballar hai unha colaboración necesaria porque procedemos do mesmo momento".

A mudanza audiovisual
Dentro das importantes mudanzas que sufriu o oficio de actuar no noso país desde o nacemento da asociación foi o agromar dun importante sector audiovisual no que hoxe atopa o seu sustento boa parte da profesión, que en moitos casos bascula entre as artes. "Basicamente somos os mesmos os que nos dedicamos ao teatro e ao audiovisual", sinala Rivera. Esta evolución incidiu tamén nun importante incremento das filas do colectivo e mesmo nunha mudanza na consideración deste labor. "A nivel numérico somos o oficio das artes escénicas que máis medramos co tempo. O audiovisual foi un importante medio de traballo e de consolidación da nosa profesión. Antes era un oficio que se consideraba raro e pouco serio e a través da pantalla este mundo obtivo unha credibilidade ".

Ademais de mudanzas cuantitativas, a pegada do audiovisual deixouse sentir tamén a outros niveis, e abriu novas frontes de traballo para o colectivo. Así, xa desde a posta en marcha da CRTVG en 1986 a asociación loitou polo cumprimento duns mínimos laborais para a profesión. "Isto deu pé tamén a problemas como organización", lembra Rivera. "Os convenios nese sector negócianse a nivel estatal, e aí tivemos que estar tamén presentes, e seguimos, a colaborar con entidades como a Academia do Audiovisual, coa que mantemos unha relación de absoluta cordialidade".

A lexitimidade
Unha peculiaridade do sector "que tamén se dá noutros ámbitos", explica Rivera, "é que a miúdo conflúen nunha mesma persoa figuras que poden ser antagónicas, como as de empresario ou empresaria e mais a de empregado. Isto sitúanos nunha posición diferente á hora de elaborar reivindicacións ou ao entrar en relación con algunhas administracións", lembra. Esa peculiar posición, canda ao grado que confire a veteranía, son factores que explican a situación que ocupa o colectivo no conxunto da cultura do país. E é que, para alén de ser un colectivo sectorial, a AAAG representa en boa medida o sector teatral do país con iniciativas como a convocatoria dos Premios María Casares para o conxunto do sector escénico.


Evaristo Calvo aborda a creación dos premios María Casares

Ao tempo, a entidade posúe un peso fundamental á hora de traballar coas administracións. "É certo que en determinadas cousas o número é importante, e os actores somos máis, ou facemos máis vulto, do que as empresas do sector", reflexiona Mabel Rivera. "Ao longo destes anos acadamos tamén unha experiencia polas maneiras nas que fomos entrando en relación con diferentes entidades. Tivemos que procurar entendernos de xeito moi intenso mesmo con administracións coas que ao mellor non tiñamos por que ser moi afíns a nivel ideolóxico. Tamén co tempo fomos gañando capacidade de nos relacionar con outros ámbitos do estado, e hoxe estamos inmersos noutras entidades que nos representan. Isto danos tamén unha credibilidade e certa capacidade de convocatoria e de interlocución", conclúe.

Novas xeracións
Logo de trinta anos de traballo, a AAAG constituíuse nun referente ineludible para a profesión. Duns comezos nos que todos integrantes se coñecían entre si, pasouse a unha organización con máis de trescentos afiliados nos que nomes con toda unha carreira e amplos recoñecementos ás costas se mesturan con profesionais que desenvolven os seus primeiros traballos. Segundo Diego Freire, "cando comezou a Asociación o que se facía era teatro. Agora existe tamén un audiovisual cada vez máis potente. Temos xente de todas as idades e esta unión sérvenos moitísimo a todos. Os máis novos poden compartir experiencias con xente que leva moitos anos a traballar e achegan o seu grande talento e esforzo ao colectivo". De feito, a propia directiva da asociación reflicte esta variedade. "Hai xente como Mabel Rivera que está desde o comezo, outros como min ou Iria Sobrado que, sendo aínda novos, levamos xa uns anos de traballo, e comeza a aparecer xente que é mesmo máis nova que a propia asociación, como Laura Míguez ou Guillermo Carbajo", sinala.

E é que as novas xeracións de actores e actrices que van aparecendo no país incorpóranse ás filas do colectivo, unha cuestión que na actual directiva consideran fundamental. "Precisámolos", explica Freire. "Hai unha enorme canteira de profesionais que saen da ESAD aos que convidamos a participar para crear una entidades o máis plural e diversa posible", recoñece. Rivera, pola súa banda, coincide con el ao apuntar que con estas novas xeracións "chegan elementos cunha grande capacidade creativa e unha visión contemporánea que enriquece moito este corpus que constituímos entre todas. Esta é unha das cousas que nos dá máis esperanza e nos achega gana de seguir a pelexar".

Liñas de futuro
Ao falar da actuación de cara aos vindeiros anos, Diego Freire incide en que "o noso primeiro obxectivo é defender os dereitos sindicais da profesión. É necesario que os convenios, que xa son de mínimos, se cumpran. Deste xeito, a defensa de dereitos laborais continuará como unha prioridade de grande importancia para a AAAG. "Nos últimos anos a crise bateu moi forte no sector, o paro segue a niveis realmente tremendos e ademais está a se dar un retroceso en moitos dereitos, non só adquisitivos senón na relación entre empresas e contratados. As propias características do traballo fano vulnerable a determinados maltratos, en moitos casos consentidos", explica Rivera. Como segundo eixe, Freire adianta que "queremos reforzar o sistema de formación con novos cursos. A este respecto haberá novas moi pronto".

Celebración
Claro que antes diso, toca celebrar, e por partida dupla. Por unha banda, se a asociación fai tres décadas, os premios María Casares, que se entregan esta mesma semana, cumpren dúas. A iniciativa, nada en 1996 baixo a presidencia de Evaristo Calvo, consolidouse como os premios por excelencia da escena do país, a trascender con moito o traballo actoral. Votacións dos membros da AAAG e mais doutros profesionais, críticos e especialistas no sector seleccionan cada ano o máis destacado da escena, nun evento que adquiriu por dereito propio un posto de referencia no noso panorama cultural.

Dentro destes eventos, para alén da publicación dunha serie de vídeos a rememorar os trinta anos do colectivo, a AAAG está a preparar un feixe de propostas que buscan reactivar a memoria sobre María Casares. "Continúa a ser unha figura moi pouco coñecida", apunta Rivera. Queremos comezar este ano unha serie de actividades en torno a ela para crear, máis do que recuperar, a súa memoria". Recitais poéticos ou un ciclo de cinema son algunhas das iniciativas dunha reivindicación que a asociación agarda continuar ao longo de vindeiros anos. Este mesmo martes 29 de marzo comezan estas homenaxes cun acto no que se proxectará a película Les enfants du pradise e se desenvolverá un coloquio entre a investigadora Sabela Hermida e o historiador de cine José Luis Castro de Paz.