AISGE rehabilitará a compostelá Sala Yago

A sociedade de xestión de artistas e intérpretes adquiriu o espazo escénico, que leva fechado desde 2007

24/7/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonioespectáculos
35 lecturas | Compartido 0 veces

A Fundación AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión de España) transformará a antiga sala Yago, en Compostela, nun centro cultural. A entidade completou a adquisición deste teatro e cine, situado no casco histórico da capital galega, por preto de 1,8 millóns de euros.
O inmoble, fechado desde 2007, transformarase nun centro cultural que, ademais de acoller a sede da AISGE en Galicia, contará con oficinas, salas de formación e espazos dedicados á creación artística en diferentes disciplinas.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu este 23 de xullo a Abel Martín Villarejo, director xeral de AISGE, quen lle comunicou os planos da entidade para o espazo. O proxecto de rehabilitación do edificio correrá a cargo do arquitecto Jorge Duarte, e prevé estar finalizado para 2027.

A entidade anuncia que pretende transformar o espazo nun "punto de referencia cultural para exposicións, espectáculos, evento e actividades formativas". Logo da reforma, o antigo teatro manterá unha sala principal con arredor de 250 butacas, un novo espazo para eventos de pequeno formato, camerinos ou estancias comúns, ademais de facer adaptacións de accesibilidade.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Protagonistas
Entidades